Os Premios de Innovación en Dinamización Lingüística recoñecen as mellores iniciativas de fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Educación, a través desta convocatoria, pretende promover o desenvolvemento de experiencias innovadoras que favorezan o uso desta lingua

Mar, 15/06/2010 - 11:14

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, unha iniciativa dirixida aos centros de titularidade desta consellería que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que favorezan o uso da lingua galega. O prazo para presentar as experiencias dinamizadoras está aberto desde hoxe ata o vindeiro 15 de xullo.

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, o departamento que dirixe Xesús Vázquez premia os mellores proxectos de innovación en materia de dinamización lingüística que se desenvolvan durante o curso 2010-2011.

As iniciativas deberán fomentar algún ou varios dos seguintes aspectos: o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización desta lingua dentro e fóra das aulas; o achegamento ao galego e ao coñecemento da realidade sociocultural galega por parte do alumnado procedente do estranxeiro e das súas familias; a colaboración con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas, así como coas empresas locais, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social; e a relación da lingua galega coas tecnoloxías da información e da comunicación.

Criterios de valoración

Ademais da viabilidade do proxecto, valorarase especialmente o interese educativo da iniciativa, para o que se terán en conta diversos criterios, como o seu carácter innovador e a súa integración no proxecto educativo, os obxectivos que persegue e a súa adecuación ao Plan xeral de normalización da lingua galega, a súa contribución á posta en relación do galego cunha cultura de interese para a mocidade e con proxección de futuro ou as propostas de tratamento da diversidade, entre outros.

Xornada de formación para o profesorado

As iniciativas seleccionadas recibirán unha dotación económica de 3.000 euros. Ademais, a  Secretaría Xeral de Política Lingüística prestará o asesoramento necesario durante o desenvolvemento do proxecto e organizará unha xornada de formación para o profesorado implicado nas iniciativas gañadoras.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo difundirá as experiencias que se seleccionen e mais os materiais educativos producidos no enderezo web http://www.xunta.es/linguagalega/.

A través dos Premios de Innovación en Dinamización Lingüística, a Consellería de Educación pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade desta lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.