O conselleiro de Educación asiste ao acto de adhesión do Conservatorio de Música ‘Manuel Quiroga’, de Pontevedra, á rede de escolas asociadas á Unesco

Xesús Vázquez Abad descubriu a placa que identifica ao centro como membro da rede europea

Ven, 11/06/2010 - 19:45

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu esta tarde ao acto de descobremento da placa que identifica ao Conservatorio Profesional de Música ‘Manuel Quiroga’, de Pontevedra, como integrante da Rede de Escolas Asociadas á Unesco. Un acto no que estiveron presentes o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e o director do centro, Luis Costa.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou a satisfacción de ver como un novo centro educativo galego entra a formar parte desta rede europea, e destacou que a música “como parte inseparable do noso sistema educativo, é a mellor terra de cultivo na que realizar a sementeira das ideas da convivencia e da tolerancia, do diálogo cordial entre as máis distintas e distantes culturas do planeta”. Neste sentido, Vázquez Abad engadiu que “a integración do Conservatorio Manuel Quiroga na rede de escolas asociadas da UNESCO constitúe, por todo iso e porque é o primeiro que o fai en Galicia, unha oportunidade para que insistamos na necesidade de seguirmos traballando nese horizonte de ideas”.

Vázquez Abad incidiu no papel primordial da música como transmisora de valores, xa que indica “camiños para vivirmos xuntos na era da globalización, amósanos sendeiros para o coñecemento mutuo e maila aprendizaxe da diversidade”. Por iso, o conselleiro explicou que “aspiramos a que os nosos centros educativos, en tódolos ámbitos nos que desenvolven os seus programas, dean preferencia a valores que son imprescindibles na sociedade global que se ergue perante nós, cada día con maior e máis formidable presenza consonte avanza o século XXI”.

Rede europea

Desde agora o conservatorio ‘Manuel Quiroga’ entra a formar parte da Rede do Plan de Escolas Asociadas da Unesco (redPEA), fundada no 1953, e que está integrada por máis de 8.500 institucións educativas de 180 países.

As entidades que a integran son centros de ensinanza preescolar, primaria, secundaria, escolas de formación profesional e institutos de capacitación de docentes, así como centros de artes. Todas elas desenvolven labores a prol da comprensión internacional, a paz, o diálogo intercultural, o crecemento sostible e a posta en práctica da educación de calidade.