A Consellería de Cultura e Educación comproba o resultado das obras realizadas no CEIP Barcelos, que supuxeron un investimento de 10.000 euros

Os traballos serviron para mellorar o acceso exterior do centro e a reforma da biblioteca, segundo puido observar o director xeral de Centros e Recursos Humanos

O xefe territorial de Cultura e Educación, presente na visita, lamentou a falta de limpeza das canalizacións do tellado do pavillón que provocan a filtración de augas e recordou que esta labor é responsabilidade do concello

Ven, 20/09/2013 - 17:50
O director xeral de Centros e Recursos na súa visita ao CEIP Barcelos
O director xeral de Centros e Recursos na súa visita ao CEIP Barcelos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal- comprobou esta mañá os traballos de mellora realizados no CEIP Barcelos de Pontevedra, que supuxeron un investimento de arredor de 10.000 euros. Nesta visita, o director xeral estivo acompañado do xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares e do director do centro.

En concreto, Pinal Rodríguez puido comprobar o remate dos traballos de mellora do acceso exterior do edificio que permiten a utilización dese espazo como patio, xa que se levou a cabo a cubrición do chan con material axeitado para este fin.

O director xeral tamén comprobou a transformación da biblioteca deste centro executada a través do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, así como o traballo desenvolvido en relación ao fomento da lectura entre a comunidade escolar.

Pinal animou á comunidade educativa deste colexio pontevedrés a continuar co seu labor de cara ao curso que acaba de comezar, destacando o excelente traballo que se está a desenvolver, que xunto coa posta en marcha do proxecto ABALAR, “permiten destacar o bo traballo que se está a levar a cabo neste colexio en pro da calidade educativa”.

Destacou o compromiso do centro coa biblioteca e o seu interese pola innovación educativa e pola lectura lectura. “Os libros e as novas tecnoloxías forman cada día máis, parte da vida habitual dos centros”, explicou Pinal, quen tamén recordou que o sector xuvenil, e en especial os adolescentes, constitúen un colectivo “de risco” en temas de lectura, “polo que hai que atendelos con estratexias innovadoras, organizando espazos e tempos para a lectura e acompañándoos na súa formación como lectores”.

Neste labor, segundo apuntou o director xeral, “é fundamental a figura dos docentes, aos que quero felicitar polo traballo que están a desenvolver neste senso, pero tamén a figura dos pais e nais, que deben colaborar no incentivo diario dos nenos á lectura”.

Finalmente, dende o CEIP Barcelos transmitiron ao xefe territorial de Cultura e Educación a súa preocupación polas filtracións que padece o pavillón onde realizan as actividades deportivas, e aseguraron que as filtracións proceden das canalizacións que se atopan saturadas. “Este é un problema que ten que resolver o concello de Pontevedra, xa que se trata dun labor de mantemento que é responsabilidade municipal”, matizou César Pérez Ares.