‘Rosalía Pequeniña’ chega a Fene e á Baña para dinamizar o galego no lecer, da man de Cultura e Educación

O concerto de Uxía forma parte do programa ‘FalaRedes 2013’ e percorrerá ata final a 40 dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu este serán ao pase que se celebrou na Casa da Cultura de Fene

Xov, 19/09/2013 - 20:15
 ‘Rosalía Pequeniña’ chega a Fene e á Baña para dinamizar o galego no lecer, da
‘Rosalía Pequeniña’ chega a Fene e á Baña para dinamizar o galego no lecer, da man de Cultura e Educación

O concerto familiar “Rosalía Pequeniña”, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, continúa o seu itinerario polos concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O espectáculo musical, protagonizado pola coñecida cantante Uxía, fai parada esta semana nos municipios de Fene e A Baña, onde soarán os versos máis coñecidos de Rosalía de Castro aos acordes de Santi Cribeiro e do brasileiro Sérgio Tannus.

Este serán o pase celebrado na Casa da Cultura de Fene contou coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

‘Rosalía Pequeniña’

En “Rosalía Pequeniña”, o público familiar ten oportunidade de gozar dun intenso repertorio composto por 11 pezas musicais nos que os tres artistas versionan poemas rosalianos como “Maio Longo” ou “Como chove miudiño” a ritmo de blues, rock ou muiñeira. Trátase dun espectáculo de 50 minutos de diversión creado para dinamizar o galego entre o público máis novo, por medio da poesía cantada e da música.

Con el, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso da lingua a través do terreo dos afectos, no ano en que Galicia festexa o 150.º aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”. Ademais de hoxe en Fene, a actividade poderase gozar estes días no concello coruñés da Baña, cun pase o domingo 22, ás 17:30 horas nas Escolas Vellas.

Todas as sesións de “Rosalía Pequeniña” son de balde e con capacidade limitada. Ata final de ano, o concerto continuará dinamizando o galego polos concellos da RDL ata completar o seu itinerario por 40 localidades.

‘FalaRedes 2013’

“Rosalía Pequeniña” conforma, xunto con outras catro actividades –“ A nena e o grilo nun barquiño” e “Augalingua”, que xa completaron a súa xira, “As Pombas de Carboeiro”, que continuará co seu itinerario a partir de outubro e “Acuario”, que se incorporará nas vindeiras semanas á programación- o proxecto de dinamización lingüística “FalaRedes 2013”, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística como complemento á programación propia da RDL.

Os principais obxectivos destas cinco iniciativas son os de crear espazos de uso e de aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás tecnoloxías da comunicación (TIC) para promover unha imaxe da lingua ligada a valores positivos. Tamén se quere reforzar con el o uso do galego entre galegofalantes, proporcionándolles modelos lingüísticos de referencia aos rapaces e rapazas de orixe castelanófona, para darlle así cumprimento ás directrices emanadas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Toda a información sobre “Rosalía Pequeniña” e “FalaRedes” está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013

Menús News node R