A exposición ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’, impulsada por Cultura e Educación, fai parada en Castrelo de Miño

O secretario xeral de Política Lingüística visitouna hoxe, acompañado polo escritor Xosé Neira Vilas

A mostra-homenaxe a unha das figuras máis emblemáticas da literatura galega retoma neste concello a súa itinerancia polas localidades da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia

Xov, 19/09/2013 - 14:10
A exposición ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’,
A exposición ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego’, impulsada por Cultura e Educación, fai parada en Castrelo de Miño

A mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para homenaxear a figura de Balbino, unha das máis emblemáticas da literatura galega contemporánea, vén de retomar a súa itinerancia polas localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL).

Estes días fai parada na Casa do Concello de Castrelo de Miño, onde hoxe a visitou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado polo rexedor da localidade, Xurxo Rodríguez; polo escritor e académico da lingua Xosé Neira Vilas e mais polo comisario da exposición, Xosé Luís Reimóndez.

Ademais desta visita pola mostra, os actos arredor de “Querido Balbino 1961-2011” en Castrelo de Miño incluíron o xa habitual encontro do escritor con escolares, que se celebrou nas dependencias do Club Náutico. Abriuse cunha lectura infantil de fragmentos de “Memorias dun neno labrego” e nel participaron alumnado de 4º; 5º e 6º curso do CEIP da localidade, outro pertencente a centros de ensino ribadavienses e membros da Asociación Cultura Penedo da Forca.

Mostra-homenaxe a Balbino e ao seu creador

“Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a  través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia “Memorias dun neno labrego”-da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe- e conta cunha parte audiovisual na que se proxecta un documental sobre Balbino.

A mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego”, concretamente de Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damian Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias entre outros. A visita inclúe un catálogo explicativo ilustrado por comentarios aparecidos ao longo destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario.

O catálogo explicativo da esposición pódese descargar no enlace web www.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=346894&name=DLFE-10916.pdf.

Achegarlle as letras galegas á cidadanía

A exposición leva en itinerancia dende abril do 2011, no que fixo medio século da publicación en Bos Aires de “Memorias dun neno labrego”, a obra máis lida da literatura galega e tamén a máis traducida a outras linguas (na actualidade xa está dispoñible en 17 idiomas e en preparación a edición en xaponés). 

Esta semana pódese visitar en Castrelo de Miño, tralo seu paso polas bibliotecas nodais e museos de Galicia e mais por localidades como Celanova, Verín, Lalín, A Estrada, Ponteceso, Betanzos, Ribeira, A Laracha, Sada, Arteixo, Val do Dubra, A Baña, Negreira, Melide, Palas de Rei, Dodro, Rois, Padrón, Outes, Fisterra, Pontedeume e Zas. A semana que vén a mostra volverá a Santiago de Compostela, no marco dos actos de celebración da Semana Cultural da Rocha. As vindeiras paradas serán a localidade pontevedresa de Silleda e as coruñesas de Cerceda e Carral.

Por medio desta acción, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere seguir dinamizando a lingua a través das nosas letras e tamén impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente entre as persoas máis novas, redescubrindo a que xa é unha das pezas máis emblemáticas da literatura galega.

Menús News node R