A Xunta investiu máis de 61.000 euros no CEP Celso Emilio Ferreiro de Vigo para mellorar aulas e renovar a carpintería exterior
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura e Educación e a delegada da Xunta en Vigo visitaron o CEP Celso Emilio Ferreiro e o IES Audiovisual de Vigo onde comprobaron a normalidade no inicio do curso escolar
A Consellería leva investidos, nos últimos anos, preto de 125.000 euros nas melloras, en infraestruturas e equipamentos, realizadas en ambos centros
Neste ano 2013, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 600.000 euros en melloras e reformas dun total de 36 centros educativos da cidade viguesa
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, percorreron hoxe pola mañá o CEP Celso Emilio Ferreiro e o IES Audiovisual, ambos en Vigo, onde comprobaron que a normalidade é a tónica predominante nos primeiros días de curso en ambos centros.
Durante o percorrido polo CEP Celso Emilio Ferreiro, no que ambos representantes da Xunta estiveron acompañados polo director do centro, Manuel Antonio Dapena, comprobaron as instalacións nas que a Consellería leva investidos nos últimos anos máis de 100.000 euros, tanto en obras como en equipamento educativo.
Na súa estadía no CEP Celso Emilio Ferreiro, o director xeral recordou o compromiso da Consellería co centro educativo xa que formará parte dos colexios beneficiados cos contratos programa a través do PROA. Trátase dunha modalidade de actuación educativa destinada ao apoio escolar fóra do horario lectivo, con actividades que teñen como obxectivos principais o reforzo das competencias básicas do alumnado, así como a mellora dos hábitos e técnicas de estudo.
No relativo ás obras e melloras, a Consellería realizou obras de carpintería co fin de lograr un mellor illamento do centro co conseguinte aforro enerxético. Ademais, este colexio está incluído en varias iniciativas educativas, o proxecto ABALAR e no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
IES Audiovisual de Vigo
Posteriormente o director xeral e a delegada da Xunta visitaron o IES Audiovisual de Vigo, onde tamén comprobaron a normalidade nos primeiros días de curso escolar. Xunto ao director do centro, Carlos Bacelo, percorreron as instalacións e comprobaron o resultado das últimas obras de mellora que dotaron ao instituto dun novo portalón de acceso.
Ambas actuacións de melloras estructurais de ambos centros forman parte dos traballos que neste ano 2013 acometeu o departamento de Educación nun total de 36 centros de Educación Primaria e Secundaria da cidade de Vigo cun investimento total superior aos 600.000 euros.
Ditas obras, con cargo ao RAM (Reforma, Ampliación e Mellora de centros), están practicamente rematadas e, entre elas destacan as intervencións levadas a cabo nos CEIP Altamar, Josefa Alonso, Canicouva, Rodríguez Castelao de Navia, EEI Monte da Guía ou no IES Valadares. Trátase así de obras en 36 centros educativos de Vigo (16 CEIP, 12 IES, 3 CEP, 3 EEI, 1 CEE, 1 CIPF) nos que se levaron a cabo diversos traballos que van dende a reposición de fachadas, mellora de aulas, reparación de goteiras, cambios de cubertas e carpintería exterior, falsos teitos, ou reparación de vidros, entre outros.
En definitiva, nos últimos anos, a Xunta de Galicia leva investidos un total de 11,6 millóns de euros no eido das infraestruturas educativas dos centros de infantil, primaria e secundaria da cidade de Vigo destacando así as grandes actuacións levadas a cabo nos CEIP O Pombal, Pintor Laxeiro, Illas Cíes, Virxe do Rocío, CEE Saladino Cortizo ou CIFP Manuel Antonio, entre outros.