O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa comproba a normalidade nos primeiros días de curso na Coruña

Acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia visitou o CIFP Paseo das Pontes onde comprobaron o resultado das obras realizadas na cociña do centro

Posteriormente desprazáronse ata o IES As Mariñas, en Betanzos

Xov, 19/09/2013 - 12:32
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa comproba a normalidade
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa comproba a normalidade nos primeiros días de curso na Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do seu director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana, comprobaron hoxe que os primeiros días do curso están a descorrer con absoluta normalidade nos centros educativos. Así o confirmaron durante as visitas aos CIFP Paseo das Pontes, na Coruña, e no IES As Mariñas, en Betanzos.

Durante a visita ao CIFP Paseo das Pontes, na que estiveron acompañados pola directora, Beatriz Julia López Prado, comprobaron que os primeiros días de curso están a descorrer sen incidencias, ao tempo que comprobaron o resultado da importante obra de reforma e ampliación realizada nas cociñas e que supuxeron un investimento de 120.000 euros, nun importante espazo para a formación do alumnado.

Cómpre destaca que o CIFP ofrece aos preto de cincocentos matriculados ciclos das familias profesionais de Hostalaría e Turismo, Industria alimentaria e Téxtil, Confección e Pel. Ademais a Consellería investiu más de 40.000 euros noutros equipamentos como a biblioteca e o proxecto Abalar.

IES As Mariñas

Posteriormente tanto o director xeral como o xefe territorial desprazáronse ata Betanzos onde visitaron o IES As Mariñas onde, xunto ao seu director, Tomas Fernández, percorreron as instalacións. Nos últimos ano a Consellería investiu neste instituto preto de 210.000 euros en melloras tanto educativas como estruturais. Así, o centro no que estudan máis de 650 alumnas e alumnos, recibiu unha serie de achegas para a biblioteca escolar a través do Plambe e participa no proxecto Abalar. Ademais fixéronse obras nas cubertas e nos equipos eléctricos sendo a última delas unha mellora realizada durante o período estival.

Con ambas visitas os representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúan a coñecer de primeira man a situación dos centros educativos, ao tempo que se reúnen cos equipos directivos e docentes das distintas instalacións e comproban como a normalidade e a tónica habitual na primeira semana de curso para os estudantes de Formación Profesional, Secundaria e Bacharelato.