O premio de Narrativa Breve Repsol, que conta co apoio de Cultura e Educación, recae en Berta Dávila
Valentín García participou esta mañá na Coruña no acto en que se anunciou o ditame do xurado desta VII edición
A Consellería dirixida por Vázquez Abad colabora coa Fundación Repsol na convocatoria do certame, que tamén apoian a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Coruña na rolda de prensa na que se anunciou o ditame do xurado da VII edición do Premio de Narrativa Breve Repsol. Na comparencencia ante os medios de comunicación tamén participaron o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo, e o voceiro do xurado, Xavier Alcalá.
O galardón, que convocan conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol coa colaboración da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, recaeu desta volta na compostelá Berta Dávila, pola peza “O derradeiro libro de Emma Olsen”.
O secretario xeral destacou durante a súa intervención “a contribución do premio ao impulso da narrativa feita en galego”, así como “o compromiso da Fundación Repsol con Galicia e coa súa cultura e lingua propias”. García Gómez tamén gabou a participación da Editorial Galaxia na edición da obra gañadora.
No anuncio do ditame do xurado, amais do seu voceiro estiveron presentes os seus integrantes, Dolores Vilavedra, Olivia Rodríguez, Antía Otero e Carlos Lema.
Berta Dávila
A autora de “O derradeiro libro de Emma Olsen”, Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) conta xa no seu haber con outros galardóns literarios destacados, como o Premio Biblos de Novela 2008, pola peza “Bailarei sobre a túa tumba”, ou o Premio Johán Carballeira de Poesía 2012, por “Raíz da fenda”.
No seu ditame, o xurado destacou que a peza constitúe "un exemplar moi interesante dun subxénero literario típico da literatura escrito en inglés chamado Interiors. Moi ben conseguido. Fixo un xogo metaliterario que é sorprendente pola súa madurez " e engadiu que a narración está moi ben adaptada ao número de páxinas, tal e como estableceron as bases da convocatoria.
“O derradeiro libro de Emma Olsen” impúxose ás outras 30 pezas que concorreron ao certame, o máis alto en canto a participación das sete edicións.
Galardoados co Premio de Narrativa Breve Repsol
Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra “Se algún día esta muller morta” e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por “O insomnio dos centauros”. A gañadora da segunda edición foi a obra “Así nacen as baleas”, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo “A verdade como mal menor”. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola peza “Os fíos”. A do ano 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por “Microbios e outros paquidermos”. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”.