Xesús Vázquez Abad salienta que o curso escolar en Galicia nas etapas de bacharelato, ESO e formación profesional comezou sen ningunha incidencia

Os centros galegos de educación secundaria, FP e bacharelato abriron hoxe as portas a 146.32 estudantes matriculados nos diferentes etapas e ciclos educativos

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou a normalidade no primeiro día de curso no IES Carlos Casares

Lun, 16/09/2013 - 13:42
O conselleiro no IES Carlos Casares
O conselleiro no IES Carlos Casares

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, confirmou hoxe que “o curso escolar nas etapas de secundaría, bacharelato, formación profesional e outras ensinanzas comezou con total normalidade”. Vázquez Abad resaltou que esta normalidade continúa coa tónica que xa marcou o inicio de curso en infantil e primaria o pasado mércores, e dixo que “do mesmo modo este éxito débese ao intenso traballo realizado durante os meses de verán de reformas nos colexios e posta a punto das aulas, ademais da inestimable labor dos docentes”.

En total, hoxe en Galicia, comezaron as clases 146.321 estudantes dos que 87.473 alumnas e alumnos pertencen á ESO e 30.854 ao bacharelato. Mentres que en disciplinas artísticas 10.561 estudantes comezan as clases do novo curso, 469 nas deportivas, e 16.964 nas ensinanzas para adultos.

Durante todo o día de hoxe, Xesús Vázquez Abad, os delegados da Xunta en todas as provincias e os xefes territoriais da Consellería de Cultura e Educación, visitaron diferentes centros educativos da nosa Comunidade e comprobaron que houbo un inicio das clases sen ningún incidente.

IES Carlos Casares

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou a normalidade educativa durante o primeiro día de curso no IES Carlos Casares de Vigo, onde xunto á delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch e o xefe territorial da provincia, César Pérez Arez, e o director do mesmo Carlos Bartolomé Herránz.

Durante o percorrido polo centro comprobaron a situación do instituto no que a Consellería leva investidos nos últimos anos máis de 61.500 euros no apoio á biblioteca escolar, que está integrada no Plan de Mellora (PLAMBE), así como na reforma da instalación eléctrica. O centro conta ademais con dúas aulas dixitais.

Neste centro hoxe comezaron as aulas máis de cincocentos estudantes de bacharelato, ESO, e programas de cualificación profesional.

O conselleiro visitou tamén o CEIP A Canicouva, onde percorreu as instalacións xunto ao director, Ramón Méndez, e comprobou que, xa comezado o curso a semana pasada, a normalidade tamén é o que está a caracterizar o curso escolar en Galicia.

No CEIP A Canicouva este ano levouse a cabo a renovación da cuberta do módulo principal, que engade ás melloras xa realizadas na fontanería do centro. Deste xeito, e unido aos programas educativos punteiros implantados neste colexio, o  investimento na Consellería neste centro nos últimos anos ascendeu a máis de 113.000 euros. Non en balde, o centro conta cunha aula dixital e está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) desde o curso 2012/2013.

Educación Secundaria

Dos 87.473 alumnos que hoxe comezaron as clases 46.703 cursarán estudos de 1º e 2º da ESO, mentres que 40.770 estudarán 3º e 4º da ESO. Por provincias, A Coruña conta con 35.683 alumnos matriculados na ESO, Lugo con 9.328, Ourense con 8.654 e Pontevedra con 33.808.

Bacharelato ordinario

Mentres que no relativo a ensinanzas postobrigatorias comezaron 30.854 estudantes dos que 12.575 están matriculados na provincia da Coruña, 3.247 en Lugo, 3.311 na provincia de Ourense e 11.721 en centros de Pontevedra.

Destes mesmos, na Coruña son 6.452 alumnos os matriculados no primeiro curso do bacharelato, 1.662 en Lugo, 1.751 en Ourense e 6.098 en Pontevedra. Así, suman 15.963 alumnos. No segundo curso, son 6.123 os matriculados en centros coruñeses, 1.585 en Lugo, 1.560 en Ourense e 5.623 en Pontevedra; facendo un total de 14.891 alumnos.

Ensinanzas regradas de música

Para o vindeiro curso 2013-2014 as estimacións de alumnado para as ensinanzas regradas de música son de 8.251 matriculados, dos que 3.350 corresponden á Coruña, 1.164 a Lugo, 914 a Ourense e 2.823 a Pontevedra.

Ensinanzas regradas de danza e  Arte Dramático

O alumnado matriculado en ensinanzas regradas de danza ascende neste curso a 354, e en arte dramática serán 240 as alumnas e alumnos matriculados en toda Galicia, o que supón un incremento de 11 e 77 matriculados respectivamente en comparación co curso pasado.

Ensinanzas Profesionais de Artes Plásticas e Deseño

Para o vindeiro curso os matriculados nestas ensinanzas serán un total de 705 en Galicia, 61 máis que no curso 2012/2013.

Ensinanzas Artísticas Superiores

Nesta modalidade os matriculados son 340 máis co ano pasado, chegando aos 1.011alumnos en ensinanzas dos cales 930 corresponden a estudos de deseño e 81 a conservación e restauración de bens culturais.

Ensinanzas deportivas

En Galicia hai un total de 469 alumnos matriculados neste tipo de ensinanzas – fronte aos 434 do curso 2012/2013-, dos que 166 pertencen á Coruña, 30 a Lugo, 28 a Ourense e 245 a Pontevedra. Deles, 364 son alumnos de grao medio e 105 de grao superior.

Ensinanzas de adultos

No que atinxe ás ensinanzas para adultos, estímase que as cursarán no curso 2013/2014 un total de 16.964 persoas.  Delas, 1.261 están matriculadas en ensinanzas básicas de nivel I e II, 7.139 nas de educación secundaria para adultos, 2.905 nas de bacharelato presencial e 5.659 nas de bacharelato semipresencial.