Xesús Vázquez Abad salienta que o curso escolar en Galicia nas etapas de infantil e primaria comezou sen ningunha incidencia
Os centros galegos de educación infantil e primaria abriron hoxe as portas a 67.591 e 133.199 escolares, respectivamente
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asegurou que “o comezo do curso escolar realizouse sen ningunha incidencia, cumpríndose deste xeito o obxectivo da Xunta de Galicia de iniciar a volta as clases con total normalidade”. Vázquez Abad salientou que “este éxito débese ao intenso traballo realizado durante os meses de verán de reformas nos colexios e posta a punto das aulas, ademais da inestimable labor dos docentes”.
En total, hoxe en Galicia, pouco máis de 200.000 estudantes comezaron as clases, sendo 67.591 alumnos e alumnas de educación infantil e 133.199 de primaria, datos que confirman o descenso na primeira etapa e un mantemento das matrículas na segunda.
Durante todo o día de hoxe, Xesús Vázquez Abad, os delegados da Xunta en todas as provincias e os xefes territoriais da Consellería de Cultura e Educación, visitaron diferentes centros educativos da nosa Comunidade e comprobaron que houbo un inicio das clases sen ningún incidente.
Cómpre recordar que segundo as estimacións para o curso 2013/2014 dos 67.591 alumnos e alumnas de infantil que hoxe comezaron as clases 28.853 están matriculados na provincia de A Coruña; mentres que 25.699 son de Pontevedra; 6.678 de Lugo e 6.361 de Ourense, o que mostra o lixeiro descenso na matrícula, tal e como xa ven acontecendo nos últimos cursos.
A única incidencia, non imputable á Consellería, produciuse en tres unidades de infantil do CPI Torre Illa, onde os alumnos non poderán comezar as clases ata os vindeiros días porque o Concello da Illa da Arousa non pintou as aulas ata comezos desta semana.
Educación Primaria
Por outra banda hoxe tamén comezaron as aulas os 133.119 estudantes de primaria, sendo 55.426 da provincia da Coruña; 13.314 de Lugo; 12.757 de Ourense e 51.622 de Pontevedra.
En total hoxe comezaron con absoluta normalidade as aulas preto de mil centros educativos con ensinanzas en educación infantil e primaria, que quedan distribuídos do seguinte xeito:
(1) Inclúen os centros que imparten exclusivamente o primeiro ciclo de educación infantil.
(2) Inclúense os centros que imparten o segundo ciclo de educación infantil.
CPI de Viaño Pequeno
Durante o día de hoxe o conselleiro visitou os CPI coruñeses de Viaño Pequeno, en Trazo, e de Bembibre, en Val do Dubra, onde puido certificar a normalidade como tónica xeral no primeiro día de curso. Durante a súa visita a ambos centros o conselleiro confirmou, un ano máis, que no eido educativo a normalidade e a tranquilidade marcou o inicio de curso, tal e como comprobou no CPI de Viaño Pequeno onde comezaron as clases máis de douscentos estudantes.
Neste centro, e acompañado polo director do mesmo, Manuel Fernández Castedo, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xefe territorial de Educación na provincia, Indalecio Cabana, o conselleiro tamén comprobou o estado das instalacións nas que a Consellería leva investidos máis de 230.000 euros en investimentos estruturais e de equipamento nos últimos anos. Cómpre destacar que no colexio incluído no plan de Mellora de Bibliotecas e ao Abalar, se realizaron obras de mellora nas súas instalacións relativas as cubertas, impermeabilización, calefacción e cociña.
CPI de Bembibre
Posteriormente, e tamén acompañado polo xefe territorial e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o conselleiro desprazouse ao CPI de Bembibre, onde o inicio das actividades escolares desenvolveuse sen incidencias entre os preto de trescentos escolares que comezaron o curso. Acompañados polo director Miguel Ángel Abarca Ribas intercambiaron impresións co equipo educativo do centro e cos propios estudantes.
Cómpre recordar que nos últimos anos a Consellería investiu máis de 115.000 euros en melloras relativas tanto á biblioteca escolar como a implantación do proxecto Abalar- ao que pertencen desde o primeiro ano- e o curso pasado contaron cun contrato programa na modalidade PROA de acompañamento fora do horario escolar. Do mesmo xeito neste espazo educativo tamén se realizaron obras de mellora relativas ás instalacións.
Atención a todas las necesidades
Un ano máis a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria garante a calidade educativa e a axeitada atención docente para todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa – pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe, entre outros-, así como o mantemento da calidade do ensino.
Así, e grazas a diversas medidas tomadas a cabo pola Administración, cunha xestión eficiente dos recursos docentes, o que da resposta á demanda da cidadanía galega, e a aplicación do Decreto de Atención a diversidade garántese a atención ás alumnas e alumnos que máis o necesitan, mantendo a calidade do noso ensino. Neste punto cómpre recordar que continúanse a cubrir as baixas de profesorado, que nestes momentos están en 446.
Servizos complementarios
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados dende a Consellería. Ámbolos dous foron adaptados, un ano máis, as necesidade existentes para o presente curso nos centros educativos, dando así resposta ás alumnas e alumnos.
A Consellería de Educación volve deste xeito demostrar o seu interese polo benestar dos estudantes galegos, e a pesar da complicada situación económica que se vive nestes momentos fai un esforzo a prol das alumnas e alumnos.