A ‘ Gratuidade Solidaria’ garantirá o equilibrio lingüístico dos libros de texto

A Consellería de Educación amplía as axudas á adquisición de manuais que é preciso mudar para dar cumprimento ao Decreto do Plurilingüismo

Xov, 10/06/2010 - 16:54

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria garantirá o mantemento do equilibrio lingüístico no ensino obrigatorio en Galicia, tal e como quedou establecido no Decreto do Plurilingüismo. Deste xeito, a Consellería amplía as axudas da ‘Gratuidade Solidaria’ única e exclusivamente aos manuais que é preciso mudar para dar cumprimento á asignación lingüística de materias establecida por este decreto. Deste xeito, as alumnas e alumnos poderán dispor dos manuais nas linguas establecidas pola norma, e cos que adquirir as competencias plenas en igualdade entre galego e castelán, cos mesmos criterios cos que se conceden estas axudas para os escolares de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria, e Educación Especial.

A aplicación do Decreto do Plurilingüismo fai necesario cambiar os libros de Matemáticas de 3º e 4º de Primaria, así como os de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química da ESO. Deste xeito, e para non retrasar máis a implantación da ‘Gratuidade Solidaria’ nestas etapas, a Consellería abrirá o prazo para solicitalas con respecto aos devanditos manuais.

A convocatoria para solicitar as correspondentes bolsas para a adquisición dos libros será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), xunto coa orde de reposición para substituír os manuais de préstamo que se teñan deteriorado, ou os necesarios por incremento do alumnado nos centros educativos.

Con estas axudas, a Consellería de Educación garante que as alumnas e os alumnos adquiren competencias plenas e iguales en ambas as dúas linguas oficiais de Galicia. Ademais, farano con libros en propiedade, que se converterán en ferramentas de traballo que pasarán a formar parte das súas bibliotecas familiares. Por outra banda, esta convocatoria dá cumprimento tanto ao establecido no Decreto do Plurilingüismo como ao compromiso da Consellería de ir implantando o sistema de ‘Gratuidade Solidaria’