Cincuenta e catro aspirantes concorren á selección de trece prazas docentes de lingua, literatura e cultura galegas nos lectorados de Cultura e Educación

Os candidatos seleccionados na fase de entrevista iniciarán a súa actividade docente no curso académico 2013-2014

O departamento que dirixe o conselleiro Vázquez Abad renova así 13 dos 29 lectorados universitarios de lingua, literatura e cultura galegas cos que conta a actualmente a Xunta de Galicia a través da súa Rede de Centros de Estudos Galegos

Mar, 10/09/2013 - 17:35
Cincuenta e catro aspirantes concorren á selección de trece prazas docentes de l
Cincuenta e catro aspirantes concorren á selección de trece prazas docentes de lingua, literatura e cultura galegas nos lectorados de Cultura e Educación

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolle hoxe a fase de entrevistas persoais contemplada no proceso de selección de profesores-lectores para 13 dos 29 lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria noutras tantas universidades do mundo, por medio da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia. Esta Rede, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, conta na actualidade cun total de 38 centros adscritos.

A Consellería dirixida por Xesús Vázquez Abad convocou nos meses de xuño e xullo, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, dúas ordes destinadas a renovar estas prazas de profesor-lector de lingua e cultura galegas en universidades españolas e estranxeiras. A finalidade desta convocatoria é a de fornecer de persoal docente lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de universidades coas que Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mantén convenios de colaboración que favorecen a proxección internacional, a difusión e o coñecemento da lingua galega a nivel internacional.

Proceso de selección en dúas fases

Ao proceso de selección concorreron un total de 205 solicitudes, das cales superaron 135 a primeira fase de valoración curricular de méritos, correspondentes a 54 aspirantes. Logo desa fase previa de valoración de méritos, que tivo lugar durante a mañá de onte nas dependencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística, estes últimos foron convocados á fase de entrevista persoal que se desenvolve hoxe. Nela participan os respectivos representantes das universidades de destino, que son a Autónoma de Barcelona, a de Estremadura, a de Salamanca, a Cristiana Albertina de Kiel (Alemaña), a de Heidelberg (Alemaña), a de Leipzig (Alemaña), a de Bangor (Gales), a de Varsovia (Polonia), a de Berlín (Alemaña), a Nova de Lisboa (Portugal), a de Zádar (Croacia), a do Estado de Río de Xaneiro (Brasil) e a de San Paulo (Brasil).

A universidade máis demandada é a de Salamanca (30 solicitudes), seguida da de Estremadura (27), da Autónoma de Barcelona (25) e da Nova de Lisboa (24). Á de Zádar e a de Berlín concorreron, respectivamente, 19 e 17 solicitantes.

Os 13 novos profesores-lectores seleccionados iniciarán a súa actividade docente en diferentes materias de lingua, literatura e cultura galegas neste curso académico 2013-2014.

A proxección exterior do idioma a través dos lectorados

Os centros de estudos galegos nacen a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas. Trátase de órganos de referencia nestas universidades a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

A maioría destes centros de estudos galegos, concretamente 29 dos 38 que existen na actualidade en países de Europa e de América, refórzanse coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

29 lectorados universitarios e 38 centros de estudos galego no mundo

A través dos centros de estudos galegos e dos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve importantes accións para favorecer a proxección exterior da lingua propia de Galicia e de investigación do galego en diferentes localidades españolas, así como en Alemaña, Arxentina, Brasil, Croacia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a provisión de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza