A Consellería de Educación asinará un convenio coas universidades galegas para a preparación de propostas de novos plans de estudos

Deste xeito a Xunta de Galicia demostra o seu apoio ao Sistema Universitario de Galicia para a súa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)

Xov, 10/06/2010 - 16:51

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinará un convenio de colaboración coas universidades galegas co fin de que estas preparen propostas de novos plans de estudos no marco da nova ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. Deste modo, a Xunta de Galicia demostra o seu apoio ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) no reto que supón a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Ao abeiro deste convenio ao que o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace, as universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UdC) e Vigo (UVigo) recibirán achegas por valor de 812.980,70 euros, procedentes do Ministerio de Educación. As axudas distribuiranse en base a criterios de número de alumnado matriculado, número de titulacións oficiais impartidas e número de campus ou de sedes de cada Universidade que estiveran en funcionamento no curso 2008/2009. Estes criterios foron fixados pola Conferencia General de Política Universitaria para todas as Comunidades Autónomas. Así, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá 309.980,46 euros, a de A Coruña 231.164,98, e a de Vigo 271.385,26 euros.

Liñas subvencionables

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), require poñer a énfase nos planos de estudo, non só no contido dos títulos, senón tamén nas condicións necesarias para o seu recoñecemento. Estas condicións supoñen un maior compromiso das universidades no contido dos proxectos de plans de estudo que deben elaborar, polo que se fai necesario o apoio da Consellería de Educación ás universidades do SUG a través destas achegas.

Desta forma, as liñas subvencionadas destinaranse á localización e análise de referentes externos ás universidades galegas, que avalen a adecuación das propostas a criterios nacionais ou internacionais para títulos de similares características académicas; así como á realización de consulta externas para a elaboración do plano de estudos con profesionais, asociacións ou colexios profesionais, estudantes ou outros colectivos.

Por outra banda, e para facilitar a incorporación do alumnado á Universidade e á titulación escollida, as universidades beneficiarias deseñarán sistemas de información previa á matriculación e procedementos de acollida e orientación dos estudantes de novo ingreso; e de apoio e orientación dos estudantes unha vez matriculados. Así mesmo, será subvencionado o deseño de sistemas de apoio e orientación dos estudantes con discapacidade.

Na busca da maior calidade, as universidades poderán destinar parte das achegas ao deseño de sistemas de avaliación das competencias dos estudantes, de sistemas de garantía de calidade aplicable á titulación; e á elaboración e análise de indicadores de graduación, abandono e eficiencia das actuais titulacións, co obxectivo de establecer valores estimados para os novos plans de estudo.