A Consellería de Educación nomea a Salustiano Mato novo reitor da Universidade de Vigo

O profesor doutor foi escollido pola comunidade universitaria nas eleccións do pasado 20 de maio

Xov, 10/06/2010 - 16:47

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento do profesor doutor Salustiano Mato de la Iglesia como reitor magnífico da Universidade de Vigo. Este nomeamento prodúcese despois de que Mato fose elixido nas eleccións ao Reitorado da UVigo o pasado 20 de maio, e proclamado como reitor pola Comisión Electoral o día 26 do mesmo mes.

Salustiano Mato de la Iglesia é doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago, e catedrático de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, desde o ano 2000. O novo reitor da UVigo foi tamén nesta institución Vicerreitor de Investigación entre maio de 1998 ata agosto de 2005. Ademais, Mato desempeñou o cargo de director xeral de I+D+i na Xunta de Galicia entre 2005 e 2009.