Máis de 50 obras orixinais compiten polo XI Premio de Poesía Novacaixagalicia, que conta co apoio de Cultura e Educación

A obra gañadora, que será publicada na colección Arte de Trobar e que recibirá un premio de 6.000 euros, darase a coñecer o próximo mes de outubro

A Secretaría Xeral Cultura, o Centro PEN de Galicia e a Fundación Novacaixagalicia colaboran neste certame para alentar a creación poética e o desenvolvemento da cultura galega

Lun, 09/09/2013 - 16:58
 Máis de 50 obras orixinais compiten polo XI Premio de Poesía Novacaixagalicia,
Máis de 50 obras orixinais compiten polo XI Premio de Poesía Novacaixagalicia, que conta co apoio de Cultura e Educación

Cincuenta e dúas obras orixinais escritas en lingua galega compiten polo Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia na súa undécima edición, convocado polo Centro PEN de Galicia coa colaboración da Fundación Novacaixagalicia e da Consellería de Cultura e Educación. A obra gañadora darase a coñecer o vindeiro mes de outubro e recibirá un galardón dotado con 6.000 euros, ademais de ser publicada na colección Arte de Trobar, editada polo Centro Pen de Galicia.

As obras candidatas debían ser inéditas, non estar presentadas a ningún outro concurso e ter unha extensión mínima de 600 versos. O xurado do certame, que se reunirá o próximo mes de outubro, está constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.

É a primeira vez que a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con este certame de recoñecido prestixio, que comezou a súa andaina no ano 2002. Desde entón acadaron este premio poetas galegos consolidados como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras e X. Daniel Costas.

Coa súa implicación neste premio, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad contribúe ao impulso da creatividade dos autores galegos, tal e como xa está a facer a través do seu apoio a outros certames como o Premio de Poesía de Carral, o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Ardeiro de Poesía.