Cultura e Educación reforza as ensinanzas da FP galega en Lugo a través da renovación da colaboración coa Fundación Laboral de la Construción
Os estudantes do ciclo medio de Carpintaría e moble que se imparte no CIFP Politécnico de Lugo poderán utilizar as instalacións e equipamentos desta Fundación
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renovará para o vindeiro curso 2013/2014 a súa colaboración coa Fundación Laboral de la Construcción para a formación de alumnado de FP, tras o visto e prace hoxe do Consello da Xunta. Así, a Consellería e a Fundación Laboral de la Construcción renovarán a súa colaboración para a formación de alumnado de Formación Profesional da familia de madeira, moble e cortiza, tras o visto e prace do Consello da Xunta á sinatura dun convenio entre ambas as partes para tal fin.
Así, alumnas e alumnos do CIFP Politécnico de Lugo, en concreto do ciclo medio Carpintaría e moble poderán utilizar os espazos e o equipamento preciso, tal e como xa fixeron no curso 2012/2013. Os gastos específicos ordinarios de funcionamento serán asumidos pola consellería, que tamén achegará o persoal docente necesario.
Desta forma a Consellería demostra unha vez máis o seu compromiso cunha FP galega de calidade, procurando a mellor formación práctica do seu alumnado. Neste sentido cómpre salientar que o espazo e equipamento destas fundacións permiten ao alumnado dos devanditos ciclos adquirir mellores competencias no desenvolvemento das tarefas relacionadas coas súas competencias profesionais.