O conselleiro de Cultura e Educación salienta o investimento de máis de 69.000 euros para a mellora da calidade educativa no CEIP Raíña Fabiola
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o colexio compostelán, no que estudan 245 alumnas e alumnos
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o compromiso do seu departamento co CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), que se ten materializado nos últimos anos co investimento de máis de 69.000 euros para a implantación neste colexio de programas educativos novidosos así como para a mellora das súas instalacións.
Durante a súa visita esta mañá ao colexio compostelán Vázquez Abad puido comprobar o estado das obras que se están a realizar para a restauración dun antigo muro de pedra que se atopa no recinto escolar.
O conselleiro, que estivo acompañado polo director do centro, J. Eugenio Leira, e mais polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, lembrou ademais que o centro conta con 3 aulas Abalar, dotadas con 63 ordenadores ultraportátiles. “Ademais, a súa biblioteca participa activamente nas iniciativas impulsadas desde a Consellería para o fomento do hábito lector, e está integrada no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) desde o curso 2011/2012”, sinalou.