Xesús Vázquez Abad comproba a evolución das obras de construción do novo CEIP de Sigüeiro
O conselleiro de Cultura e Educación recordou o compromiso do seu departamento co ensino público a través deste investimento, próximo aos 5 millóns de euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe a evolución das obras do novo CEIP de Sigüeiro (Oroso), que cun orzamento superior aos 4,8 millóns de euros, comezará a funcionar o curso escolar 2014/2015.
Durante a visita, na que estivo acompañado por membros do equipo directivo, a delegada da Xunta da provincia, Belén do Campo e o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, o conselleiro recordou que “con esta obra a Xunta continúa a dar conta do seu compromiso coa educación, dando resposta a todas as necesidades dos escolares galegos. Isto queda demostrado con esta e con todas as obras que se están a desenvolver nos centros educativos galegos de cara ao vindeiro curso escolar”, e sinalou a importancia que teñen estas inversións en prol do ensino público, nun contexto económico desfavorable.
Investimento no centro
As instalacións do novo CEIP de Oroso, con capacidade para 450 alumnas e alumnos, implican máis de cinco mil metros cadrados construídos, así como un pavillón de máis de mil metros cadrados.
O novo centro educativo contará cunha estrutura de dúas plantas e un semisoto, este último destinado ao aparcadoiro, servizos hixiénicos, almacén e instalacións. No primeiro andar se situará a zona administrativa e unha gran sala de usos múltiples que está situada ao lado do ximnasio o que permitirá ter un amplo espazo de 280 metros cadrados. Ademais nesta planta tamén se situarán seis aulas de educación infantil e o comedor, así como outras instalacións e servizos xerais. No segundo andar se ubicarán 12 aulas de primaria, e as de recursos especiais, e música. Ademais estarán as de informática e a biblioteca, que poderán unirse dando paso a un aula única de máis de cen metros cadrados.
Con este investimento o departamento de Educación continúa a facer realidade un dos seus obxectivos prioritarios, como é o de dar un salto cualitativo e cuantitativo na edificación da rede de centros públicos de ensino non universitaria de Galicia. Deste xeito dáse resposta ás necesidades educativas da Comunidade, impulsando ao mesmo tempo para todo o alumnado a igualdade de acceso a uns centros educativos de vangarda con instalacións de calidade.