O Conselleiro de Cultura e Educación sinala a importancia da ampliación do CEP de Ventín, que permitirá dar servizo a 150 estudantes máis

Xesús Vázquez Abad fixo fincapé no compromiso do seu departamento co ensino público a través deste investimento, superior aos 1,2 millóns de euros, que se une á apertura do novo IES do Milladoiro este mesmo mes de setembro

Xov, 22/08/2013 - 13:26
O Conselleiro de Cultura e Educación sinala a importancia da ampliación do CEP d
O Conselleiro de Cultura e Educación sinala a importancia da ampliación do CEP de Ventín, que permitirá dar servizo a 150 estudantes máis

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEP de Ventín, no Milladoiro (Ames), onde se están a realizar obras de ampliación por un importe superior aos 1,2 millóns de euros. Tal e como sinalou o titular do departamento educativo do Goberno galego, esta ampliación é unha clara mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade escolar do concello de Ames, no que ademais se vén de inaugurar o novo IES do Milladoiro, que estará en pleno funcionamento a partires de setembro.

Durante a súa visita, na que estivo acompañado polo director do centro, Alfredo Rodríguez así como representantes do equipo educativo e do concello; o conselleiro lembrou ademais que tanto a ampliación como a construción do novo instituto son dúas demandas históricas da comunidade educativa do concello ás que veu dar resposta o actual Goberno galego. Neste mesmo sentido sinalou a importancia que estas inversións en prol do ensino público teñen nun contexto económico desfavorable, no que de outras Comunidades Autónomas case non están a sacar adiante obras en centros educativos.

Investimento no centro

A ampliación do CEP de Ventín permitirá incrementar en 6 o número de unidades do centro, o que permitirá dar servizo a 150 alumnas e alumnos máis. Para iso, ampliarase a ala sur do colexio tanto en superficie, en torno a mil metros cadrados, anexando unha zona totalmente nova,  como en altura, aumentando unha planta en toda a superficie. A nova superficie resultante aloxará 8 aulas de educación primaria, apoio e desdobre, así como un patio cuberto. Por outra banda, modificarase a distribución actual do edificio, reubicando determinados espazos; e farase unha renovación xeral das instalacións, de tal forma que se actuará case na totalidade da edificación.

O apoio da Consellería a este centro maniféstase tamén a través do apoio aos programas educativos que nel se desenvolven, tales como a participación do mesmo no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde o primeiro curso de funcionamento do mesmo. Non en balde, o departamento educativo da Xunta de Galicia leva investido 23.100 euros en prol das actividades realizadas na biblioteca escolar e melloras do seu equipamento; ademais de ter instalado no CEP unha aula dixital.

Novo IES do Milladoiro

O vindeiro curso comezará a funcionar tamén neste mesmo concello de Ames o novo IES do Milladoiro, un centro que contará cun total de 612 prazas que darán resposta ás necesidades crecentes de prazas escolares desta poboación coruñesa, e á demanda da propia cidadanía do concello de Ames. A posta en marcha deste centro supón un investimento de máis de 8 millóns de euros por parte da Consellería, resultado da construción, equipamento, gastos de funcionamento e de persoal no IES.