Educación detecta inexactitudes en menos do 2% das axudas para a adquisición dos libros de texto do actual curso

Unha vez cotexadas as solicitudes comprobouse que algúns estudantes recibiron as axudas a pesares de superar os ingresos económicos establecidos na Orde

Mér, 09/06/2010 - 12:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enviou hoxe unha carta aos beneficiarios do programa ‘Gratuidade Solidaria’ para os libros de texto, en cuxas solicitudes se detectou algunha irregularidade ou erro. A carta envíase logo de que a Administración detectara a existencia dunha serie de inexactitudes nos datos de carácter tributario declarados na solicitude de axuda. Estes datos puidéronse coñecer unha vez que rematou o cotexo e a revisión da información económica.

 Na comunicaciòn que se está a enviar ás familias afectadas infórmaselles de que contan con quince días para subsanar os posibles erros presentando a documentación ou alegacións que xustifiquen a situación económica da renda do 2008, sobre a que se facían as valoracións das axudas. En caso contrario deberían devolver os cartos recibidos.

 Deste xeito, máis da metade das cartas van destinadas a familias que declararon un nivel de renda que lles permitiu recibir axudas de 180 euros, cando –se non se demostra o contrario- terían dereito a percibir 104 euros. O resto das cartas irán destinadas a familias que recibiron as axudas sin que ao parecer lles corresponderan e, polo tanto, deberán xustificar que a súa renda non supera o establecido para obter as axudas ou ben devolver o importe percibido.