A Consellería de Cultura e Educación leva a Vilagarcía de Arousa a exposición itinerante sobre Roberto Vidal Bolaño

Logo do seu paso pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a mostra permanecerá ata o 31 de xullo no auditorio municipal da localidade pontevedresa

O secretario xeral de Cultura e o alcalde do concello presentaron hoxe a mostra, que ofrece unha panorámica da obra do dramaturgo a través de dez paneis

Mar, 23/07/2013 - 14:12
A Consellería de Cultura e Educación leva a Vilagarcía de Arousa a exposición
A Consellería de Cultura e Educación leva a Vilagarcía de Arousa a exposición itinerante sobre Roberto Vidal Bolaño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Roberto Vidal Bolaño levan ata Vilagarcía de Arousa a exposición sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013. Logo do seu paso pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a exposición difundirá a vida e a obra do dramaturgo ata o próximo 31 de xullo no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa, un dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística polos que itinerará a mostra.

Promovida polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, a exposición, que foi presentada hoxe polo responsable de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, amosa unha panorámica da traxectoria do dramaturgo cunha proposta de dez paneis que recollen a súa extensa obra con textos e imaxes dos seus espectáculos e personaxes, así como indicacións escenográficas e de dirección.

Segundo explicou Anxo Lorenzo na rolda de prensa, que tamén contou coa participación do concelleiro de Cultura, Francisco González Mariño, a exposición enmárcase no programa de actividades impulsado pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2013 e ten como obxectivo favorecer un maior coñecemento entre a cidadanía do autor, a través da súa escrita, da súa faceta interpretativa, do seu traballo como director e tamén da actividade desenvolvida no ámbito do audiovisual galego.

A exposición Roberto Vidal Bolaño 2013 iniciou o seu percorrido polas catro provincias galegas en Santiago de Compostela, o pasado 14 de xuño. Logo do seu paso polos concellos de Tui e Ribadavia, a mostra permanecerá ata o 31 de xullo no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa.

Un percorrido polas catro provincias galegas

A seguinte parada será na biblioteca municipal de Ribeira, do 1 ao 16 de agosto, para continuar a súa itinerancia na cidade da Coruña, onde permanecerá desde o 19 de agosto ata o 2 de setembro na Biblioteca González Garcés. Na provincia de Lugo estará na biblioteca nodal da cidade da muralla, do 3 ao 20 de setembro, e mais no concello de Burela, onde poderá visitarse na Casa da Cultura do 23 de setembro ao 10 de outubro.

Do 11 ao 28 de outubro a mostra permanecerá na biblioteca municipal de Ferrol, para continuar o seu percorrido na Casa do Escudo de Verín do 29 de outubro ao 11 de novembro e na biblioteca nodal de Ourense do 12 ao 30 de novembro.

No mes de decembro a obra e a vida de Vidal Bolaño difundiranse a través da exposición na biblioteca nodal de Pontevedra, do 2 ao 16, e, a partir do 17, no Museo do Mar de de Galicia, en Vigo, onde se poderá visitar ata o día 31.

Menús News node R