A Consellería de Cultura e Educación e o Concello de Riós asinan un convenio para impulsar o museo do centro de interpretación da castaña de Riós

A Xunta de Galicia destinará 20.000 euros co fin de promover un funcionamento máis activo do centro

A Consellería recoñece o labor esencial de difusión da cultura e da tradición galega que cumpre a entidade

Mar, 23/07/2013 - 14:09
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Xesús Vázquez Abad e o alcalde do Concello de Riós, Francisco Armando Veiga Romero,

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde do Concello de Riós, Francisco Armando Veiga Romero,  firmaron esta mañá un convenio de colaboración cultural para o funcionamento e realización de actividades no Museo do Centro de Interpretación da Castaña. A Xunta de Galicia destinará un total de 20.000 euros co obxectivo de poder dinamizar este espazo e coordinar as actividades que se desenvolven no mesmo. Deste xeito, a través de diversas accións divulgativas, poderase facilitar información tanto a escolares como a calquera persoa que queira ampliar os seus coñecementos sobre este froito autóctono.

Logo da firma do convenio, o conselleiro visitou o Centro de Interpretación da Castaña, onde insistiu no compromiso de Cultura e Educación con esta entidade, que cumpre un labor esencial de difusión da cultura e da tradición galega.

Ruta da Castaña

O municipio ourensán de Riós conta coa chamada Ruta Europea da Castaña, única en España, da que forman parte outros países como Italia, Francia e Portugal. Este itinerario, que combina traxectos a pe, en cabalo, en bicicleta e en coche entre as comarcas de Verín e Conso; coincide coa Vía da Prata, integrándose no Camiño de Santiago Sanabrés.

Neste senso, Cultura e Educación pretende impulsar a andaina compostelá coincidindo coa celebración do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís, que atraerá a moitos camiñantes a Santiago durante os anos 2013 e 2014.