Vázquez Abad participa na presentación dos cupóns que a ONCE dedica a Galicia dentro da campaña 'Lo mejor de nuestra tierra'

O plan promovido pola ONCE, pretende difundir por todo o Estado aspectos como a gastronomía, a cultura ou a arte das 17 comunidades autónomas

No acto déronse a coñecer as ilustracións dos cupóns dos sorteos dos días 22, 23, 24 e 25 de xullo, que ilustran a Praza da Leña en Pontevedra; as pulpeiras de San Froilán en Lugo; a cascada do Xallas en Ézaro- Dumbría e o Entroido de Ourense

Lun, 22/07/2013 - 16:46
Xesús Vázquez na presentación dos cupóns que a ONCE dedica a Galicia
Xesús Vázquez na presentación dos cupóns que a ONCE dedica a Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na presentación dos cupóns que a Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE) dedica a Galicia dentro da campaña denominada 'Lo mejor de nuestra tierra', na que pretenden difundir en todo o estado aspectos como a gastronomía, a cultura e a arte tanto de Galicia como do resto de comunidades autónomas.

Gastronomía, cultura, arte, tradición, innovación e futuro
Durante o acto desenvolvido hoxe pola maña na sede da ONCE na Coruña o conselleiro estivo acompañado por representantes da organización, e dos diferentes concellos aos que se este ano se dedican os cupóns así como a delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo.

Cómpre recordar que en total emitiranse cinco millóns de cupóns que ilustrarán todo o territorio nacional e os dedicados a Galicia serán os correspondentes ao vindeiro 22 xullo e que representará a Praza da Leña de Pontevedra; o 23 as pulpeiras en San Froilán, Lugo; o día 24 mostrará a cascada do Xallas, en Ézaro- Dumbría e o sorteo do 25 de xullo mostrará o Entroido de Ourense.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “desde o punto de vista da promoción turística, a emisión destes cupóns da colección 'Lo mejor de nuestra terra' supón unha oportunidade excepcional de amosar a moitos adquirentes do cupón de cada recuncho de España distintas festas, tradicións e lugares emblemáticos de Galicia”, ao tempo que recordou que “como seguramente moitos de vostedes saben, o Museo Tiflolóxico inclúe entre as súas coleccións un percorrido polos distintos tipos de cupóns, anteriores e posteriores á creación do sorteo unificado; pezas que son merecentes polos seus múltiples significados e mesmo valor estético, de estar presentes nun museo”. “Estou seguro de que os catro cupóns que presentamos hoxe, serán no futuro pezas valoradas pola súa factura, xa que parte da nosa identidade queda estampada nestes catro fermosos deseños que falan de catro aspectos senlleiros da nosa terra”, dixo Vázquez Abad.

A campaña 'Lo mejor de nuestra Tierra', promovida pola ONCE e polas distintas comunidades ten como obxectivo apoiar os encantos do noso país, difundindo aspectos como a gastronomía, a cultura, a arte, as tradicións, a innovación e o futuro. Os boletos promocionarán os destinos de maior interese turísticos e farán fincapé nos elementos destacados do turismo cultural e gastronómico de cada comunidade.

Celebración dos aniversarios da ONCE

Tras a presentación e entrega das láminas, Vázquez Abad xunto a representantes da ONCE e os alcaldes das localidades ilustradas nos cupóns e outras autoridades, visitaron o bus exposición '75/25 Aniversarios de Ilusión, o mellor da Once e a súa fundación', no que se fai un percorrido polos 75 anos que leva en activo a Once e o cuarto de século da Fundación. Un aniversario ao que Xesús Vázquez fixo referencia dicindo que “felicito á ONCE e á súa Fundación o ter chegado aos 75 e 25 anos de vida, respectivamente, e deséxolles outros tantos na mesma liña de excelente traballo, de ilusión, compromiso e mellora das condicións de vida e inclusión social das persoas con discapacidade.”

Trátase dunha mostra de carácter itinerante que está a percorrer España co obxectivo de achegar á sociedade algúns dos principais avances no relativo á integración, e na que se da conta das distintas realidades daspersoas con discapacidade, das necesidades de acceso, educación, formación, emprego, ocio, e cultura.