Os Cadernos Ramón Piñeiro de Cultura e Educación presentan a súa homenaxe a Rosalía de Castro no 150.º aniversario de ‘Cantares gallegos’

A Consellería de Xesús Vázquez sumouse á conmemoración dos 150 anos da publicación da obra inaugural do Rexurdimento dando a lume os ‘Cadernos Ramón Piñeiro XXVI. Rosalía na cobiza do lonxe’

O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de presentar este traballo colectivo elaborado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dependente do departamento que el dirixe

Xov, 18/07/2013 - 16:35
O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de presentar este tra
O secretario xeral de Política Lingüística foi o encargado de presentar este traballo

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, presentou esta mañá na Biblioteca Ánxel Casal o volume número XXVI dos Cadernos Ramón Piñeiro, unha homenaxe á autora dos “Cantares gallegos” no 150.º aniversario da súa publicación, que leva por título “Rosalía na cobiza do lonxe”.

Na súa intervención, o secretario xeral referiuse aos “Cantares gallegos” como un punto de inflexión na recuperación da lingua galega e na súa valoración social e a Rosalía de Castro coma unha muller valente e comprometida coa causa da dignidade do idioma e dos seus falantes.

Na presentación, Valentín García estivo acompañado por Manuel González González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (crpih); Xosé Luís Cochón Touriño, profesor e un dos coordinadores dos Cadernos Ramón Piñeiro;  Andrés Torres Queiruga, teólogo, filósofo e académico da lingua galega e Armando Requeixo, profesor e colaborador dos Cadernos Ramón Piñeiro.

Homenaxe a Rosalía

O volume XXVI dos Cadernos Ramón Piñeiro -coordinado polos profesores Xosé Luís Cochón, Luís Alonso Girgado e mais por Lorena Domínguez- é un conxunto de catorce colaboracións de especialistas na obra de Rosalía de Castro precedidas dun fermoso texto de Álvaro Cunqueiro.

Ana Acuña, Carmen Blanco, Luís Cochón, José Ángel García, María Pilar García Negro, Anxo González Fernández, Arcadio López Casanova, Xurxo Martínez González, Marina Mayoral, Armando Requeixo, Manuel Rodríguez Alonso, Claudio Rodríguez Fer e Andrés Torres Queiruga analizan aspectos diversos da poesía, da biografía, do contexto cultural, das relacións con outros escritores etc. Deste xeito, a diversidade de enfoques e de motivos danlle amenidade e interese a esta colectánea rosaliana.

Cadernos Ramón Piñeiro

A colección dos Cadernos Ramón Piñeiro é o órgano de visualización do traballo que se leva adiante no proxecto homónimo do CRPIH que a Xunta botou a andar no 2003 baixo a coordinación dos profesores Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón.

A celebración do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos” brindou a oportunidade idónea para a que constitúe a primeira achega dos Cadernos á figura e á obra de Rosalía de Castro.

Menús News node R

Departamento

Colectivo