Cultura e Educación inaugura o IX Curso de verán ‘Traballando en lingua’

O secretario xeral de Política Lingüística representou a Consellería no acto de apertura deste curso no que se dan cita preto de corenta técnicos/as de normalización lingüística

O departamento que dirixe García Gómez coorganiza esta acción formativa xunto coa Universidade da Coruña, o concello de Carballo e a CTNL

Mér, 17/07/2013 - 15:00
Valentín García, asistiu esta mañá no Forum Carballo á inauguración do IX Curso
Valentín García asistiu esta mañá no Forum Carballo á inauguración do IX Curso de verán

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, asistiu esta mañá no Forum Carballo á inauguración do IX Curso de verán sobre dinamización lingüística “Traballando en lingua”, centrado este ano na temática de “participación, implicación e traballo colaborativo”.

Durante a súa intervención, o secretario xeral explicou que o papel do persoal técnico e da Administración é, por unha banda, “sacar á superficie e organizar o aprecio polo galego latente” na sociedade e, por outra, cando é a propia cidadanía a que se organiza para promover a súa lingua, “estar abertos aos seus proxectos e ofrecerlle os apoios técnicos e económicos precisos para levalos a cabo”.

Acompañaron no acto a Valentín García representantes do resto das entidades coorganizadoras do curso: Xosé Ramón Freixeiro Mato, director do Servizo de Normalización da Universidade da Coruña; Evencio Ferrero, alcalde da vila de Carballo e Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL).

Tres días de traballo arredor da dinamización lingüística

O IX Curso de verán sobre dinamización lingüística  “Traballando en lingua” desenvolverase no Fórum Carballo, no concello homónimo, dende hoxe ata o 19 de xullo. Nel participan persoas que traballan ou que están interesadas na  dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente estudantado, técnicos de normalización, docentes, membros de asociacións ou xestores e animadores socioculturais.

Este ano, o curso céntrase en diversas liñas temáticas relacionadas coa implicación cidadá na dinamización lingüística, tales como a participación nos procesos de cambio social e lingüístico, a participación desde arriba ou desde abaixo, o artellamento da participación e a implicación na dinamización lingüística, métodos e espazos de traballo colaborativo para a normalización, experiencias de participación e de traballo colaborativo ou avaliación da participación.

Para abordar estes asuntos emprégase unha metodoloxía que combina as sesións teóricas coas prácticas, formativas, de análise e de traballo conxunto mediante relatorios, grupos de traballo, presentación de experiencias, obradoiros e debates.

Apoio á formación

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia accións formativas para o persoal técnico que traballa no ámbito da dinamización da lingua galega.

Os convenios de colaboración que o departamento dirixido por Vázquez Abad establece con institucións e colectivos profesionais permiten desenvolver, a canda este IX Curso de verán sobre dinamización lingüística, iniciativas coma as Xornadas sobre lingua e usos organizadas polo Servizo de Normalización da Universidade da Coruña, os Encontros para a normalización lingüística do Consello da Cultura Galega ou diversos cursos organizados pola CTNL.

Menús News node R