A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Educación remite ao concello o informe técnico que acredita que a reforma do CEIP da Torre-Illa cumpre coa normativa

A Consellería lamenta a teima do concello en retrasar os traballos de mellora do colexio, o que só pode prexudicar á comunidade educativa

O proxecto suporá a remodelación dos espazos interiores para a reunificación de Infantil e a creación dun aula de Primaria

Mér, 17/07/2013 - 12:25

A Xefatura Territorial da Xunta en Pontevedra remitiu xa ao Concello da Illa de Arousa o informe técnico que acredita que a reforma que se comezou no CEIP da Torre-Illa cumpre coa normativa vixente. Neste sentido, a Consellería lamenta a teima do Concello da Illa de Arousa en retrasar os traballos de mellora deste centro, desta vez paralizando as obras, e agarda que canto antes se poidan retomar os traballos de mellora, en prol do benestar da comunidade educativa.

O proxecto iniciado pola consellería no CEIP da Torre-Illa, que suporá un investimento de 60.000 euros, contempla ademais o uso doutros espazos do centro de cara a construción de novas aulas se se consolidara no futuro a matrícula  en resposta ás demandas da comunidade educativa en relación ao crecemento vexetativo do municipio.

Medidas axeitadas

Tal e como se indica no informe, as novas aulas – para 3, 4 e 5 anos- proxectáronse cunhas superficies de 50’35 m², 61’95 m² e 62’10 m². Son medidas que cumpren o contemplado no Real Decreto 132/2010, de 12 de febreiro, no que se establecen os requisitos mínimos dos centros educativos, no que se di que a superficie adecuada é dun mínimo de 2 m² por cada alumno, en aulas dun máximo de 25 nenos e nenas. Ademais, e tendo en conta a matriculación do vindeiro curso, as superficies da normativa superaríanse amplamente, xa que hai 19 alumnos en 3 anos, 16 en 4 anos e 14 na aula de 5 anos.

Respecto dos aseos nas aulas, a Xefatura Territorial lembra ao Concello da Illa que, sempre que é posible, é habitual e conta co apoio das comunidades educativas a integración dos mesmos no interior das aulas, para unha mellor atención ao alumnado. Así o recollían ademais anteriores normativas de espazos mínimos, mentres que a actual non especifica nada ao respecto, non dando tampouco por inadecuada a incorporación dos aseos dentro da clase.

En calquera caso, a Xefatura territorial lémbralle ao Concello que, tal e como establece o Real Decreto 1783/1982, a Lei Orgánica 2/2006 de Educación e mais o Decreto 330/2009, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras normativas, é competencia exclusiva da Administración educativa establecer os requisitos dos centros, o que está a facer cumprindo sempre cos obxectivos pedagóxicos.