Cultura e Educación completa a oferta de prazas en lectorados de galego cunha convocatoria para Alemaña, Portugal, Croacia e Brasil

As cinco novas prazas nas universidades de Berlín, Nova de Lisboa, de Zádar (Croacia), do Estado do Río de Xaneiro e de São Paulo súmanse ás oito convocadas o mes pasado para universidades de España, Alemaña, Reino Unido e Polonia

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 17 de agosto de 2013

Mar, 16/07/2013 - 18:36
 Cultura e Educación completa a oferta de prazas en lectorados de galego cunha c
Cultura e Educación completa a oferta de prazas en lectorados de galego cunha convocatoria para Alemaña, Portugal, Croacia e Brasil

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou cinco novas prazas en lectorados de lingua e cultura galegas que se veñen sumar ás oito que saíron o mes pasado en universidades de España, Alemaña, Reino Unido e Polonia. Desta volta, o destino dos novos bolseiros será a Universidade de Berlín, en Alemaña; a Universidade Nova de Lisboa, en Portugal; a Universidade de Zádar, en Croacia, e as universidades de Río de Xaneiro e de São Paulo, en Brasil. Deste xeito, renóvanse este ano un total de trece prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas noutras tantas universidades.

A convocatoria publicouse hoxe no Diario Oficial de Galicia e o prazo para presentarse estará aberto dende mañá ata o vindeiro 17 de agosto. O 10 de setembro terá lugar a fase de entrevista persoal prevista no proceso de selección, que terá lugar na Escola Galega da Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.

Toda a información sobre a convocatoria, así como o acceso aos formularios de solicitude, pode consultarse no web www.xunta.es/linguagalega/convocatorias_de_formacion.

Proxección exterior da lingua galega

Os novos profesores lectores incorporaranse ás súas prazas nos centros de estudos galegos de diferentes universidades, onde complementan o seu programa formativo con actividades prácticas docentes, investigadoras e de dinamización da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A Rede de Centros de Estudos Galegos, que conta actualmente con 37 sedes noutras tantas universidades de Europa e América, responde á Lei de normalización lingüística, que establece o desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Pola súa banda, a convocatoria de prazas dos lectorados, responde ao Plan xeral de normalización da lingua galega que, no ámbito da proxección exterior, insta a “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Menús News node R