Un total de 24.972 galegas e galegos obtiveron xa praza no ciclo de Formación Profesional da súa preferencia
Un total de 34.574 persoas solicitaron inscribirse nalgunha das 26.884 prazas ofertadas para o curso 2013/2014 en primeiro curso
A próxima adxudicación de prazas realizarase unha vez finalice o primeiro período de matrícula
A Consellería incrementou nun 21,6% o número de prazas ofertadas en centros públicos respecto das que había no curso 2008/2009, o maior incremento de prazas dado nunha lexislatura, e realizado nun contexto de crise económica
A maiores desta oferta, os próximos días publicarase a convocatoria para 4 proxectos de FP Dual
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de realizar a primeira adxudicación de prazas nos ciclos de Formación Profesional para o vindeiro curso 2013/2014, na que 24.972 galegas e galegos obtiveron praza no ciclo formativo da súa primeira escolla. Un total de 34.574 persoas solicitaron inscribirse nalgunha das 26.884 prazas ofertadas en centros sostidos con fondos públicos. O número total de solicitudes recibidas foi de 38.680, xa que moitos dos aspirantes pediron praza en máis de 1 ciclo formativo, mesmo de forma simultánea na modalidade ordinaria, de adultos e a distancia.
O prazo de matricula ou renuncia do alumnado admitido nesta primeira adxudicación en cada ciclo formativo abrangue desde o martes 16 de xullo ata as 13:00 horas do xoves 18 de xullo de 2013. A segunda adxudicación realizarase o 23 de xullo.
Cómpre recordar que a Consellería ten incrementado nun 21,6% a oferta de prazas en centros públicos respecto das que había no curso 2008/2009, o maior incremento de prazas dado nunha lexislatura, e realizado ademais nun contexto de crise económica.
Ampliación da oferta
Para o curso 2013-2014 o número de ciclos autorizados é de 910 o que supón un incremento con respecto a curso pasado de un 2,6 %, dos que 30 se ofertarán este ano como novos, algúns deles substituíndo aos equivalentes títulos da LOXSE.
O departamento educativo da Xunta de Galicia está a poñer o acento na ampliación da oferta a distancia, reafirmando así a posición de Galicia como unha das comunidades autónomas á cabeza nesta modalidade de FP. Así, á oferta nesta modalidade incorpóranse no próximo curso 6 novos ciclos formativos diferentes, de modo que haberá unha oferta de 38 ciclos formativos pertencentes a 15 familias profesionais diferentes, que se ofrecerán nun total de 22 centros educativos. De feito, 5 centros van ofrecer esta formación por primeira vez o vindeiro curso, en concreto, o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), o CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP A Carballeira – Marcos Valcárcel (Ourense), o IES Luís Seoane (Pontevedra), e o IES Audiovisual de Vigo.
Ademais, refórzase a rede de Centros Integrados de Formación Profesional Inicial con 15 novos ciclos.
Cómpre destacar, así mesmo, que a esta oferta hai que engadir a que se realiza na modalidade de FP dual que xa ten aseguradas neste momento 5 proxectos en 5 ciclos diferentes: o superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, o ciclo medio de Carrozaría, o ciclo superior de Química industrial, e os ciclos de grao medio en Servizos en Restauración e en Cociña e Gastronomía. Nos próximos días publicarase a convocatoria para estes ciclos de FP Dual, agás para o ciclo superior de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos, que xa está en marcha.