O Museo Massó acolle mañá o obradoiro Sentir o museo dedicado aos máis pequenos
Cultura e Educación programa para as 12 horas esta actividade na que nenos e nenas de 3 a 6 anos descubrirán o museo a través dos cinco sentidos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta polo obradoiro Sentir o Museo, dedicado aos máis novos, para a programación do Museo Massó. Con esta actividade nenos e nenas de 3 a 6 anos poderán mergullarse nos diferentes espazos e obxectos que compoñen o edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos. Este obradoiro, no que os cinco sentidos pasarán a ser claves para o desenvolvemento da xornada, celebrarase mañá a partir das 12 horas.
Desta maneira, durante aproximadamente unha hora e media o Museo Massó acollerá unha viaxe sensorial na que rapaces e rapazas experimentarán o museo a través do oído, do tacto, do olfacto, do gusto e da vista. Os pequenos descubrirán a súa historia e os obxectos que o compoñen para logo escoitar, tocar, cheirar e saborear cos ollos pechados e identificar o que foron observando ao longo da visita.
Museo Massó, exposición permanente
Dende que no ano 1932 o edificio máis antigo da fábrica de conservas Massó Hermanos pasou a ser un Museo, este foise convertendo nun espazo único e sorprendente que conserva o encanto da colección orixinaria. Así, o Museo Massó de Bueu é unha exposición permanente que ofrece un percorrido pola conquista do mar e a explotación dos recursos, ademais de posuír tamén pezas de tres das embarcacións tradicionais máis representativas da provincia de Pontevedra.