O conselleiro de Cultura e Educación estreitou lazos co norte de Portugal en prol da colaboración en materia de Formación Profesional e promoción da lingua lusa
Unha delegación do departamento educativo da Xunta de Galicia mantivo contactos ao longo da xornada de hoxe, co fin de intercambiar experiencias e boas prácticas
Avanzarase ademais nun novo proxecto de recoñecemento transfronteirizo das titulacións do sector hostaleiro
A media tarde o conselleiro reunirase co delegado rexional de Emprego e Formación Profesional
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, encabezou hoxe unha delegación do seu departamento nunha viaxe ao norte de Portugal coa que se procurou estreitar lazos entre ambos os dous lados da fronteira en materia de Formación Profesional. Esta visita complementa ás xa realizadas a Galicia por membros da dirección educativa do norte de Portugal.
Na xornada da mañá, o conselleiro visitou a Escola de Hoteleria e Turismo do Porto, onde a delegación galega foi recibida pola directora do centro, Dora Araújo. Tras o seu percorrido polas instalacións da escola celebrouse unha xuntanza para o intercambio de boas prácticas e experiencia entre os dous países. Neste sentido, entre outros temas tratados na reunión, avanzouse na posibilidade de establecer unha colaboración para a formación do profesorado e mobilidade do alumnado para aprendizaxe de linguaxes técnicas; e acordouse a constitución dun grupo de traballo sobre viños lusos e galegos.
Xa pola tarde, ambas as partes avanzaron no inicio dun novo proxecto de recoñecemento transfronteirizo das titulacións do sector hostaleiro.
Reunión co delegado rexional de Educación
A media tarde Xesús Vázquez foi recibido no Instituto de Emprego e Formación Profesional (IEPF) polo delegado rexional de Emprego e Formación Profesional, César Ferreira; co que mantivo unha reunión co obxectivo de abrir vías de colaboración en materia de Formación Profesional, formación do profesorado en idiomas e novas tecnoloxías; así como para facilitar a mobilidade do alumnado para o enriquecemento da súa vida académica.
Ademais, o conselleiro presentoulle a proposta galega para a promoción da lingua portuguesa en Galicia. Neste sentido Vázquez Abad propuxo a mellora do Programa de cultura e lingua portuguesa - que se enmarca dentro do espazo de cooperación institucional existente entre España e Portugal en materia educativa e cultura-, procurando a súa extensión ao ensino secundario, coa posibilidade de asocialo á rede de centros con seccións bilingües e de reforzar a oferta do portugués como 2ª lingua estranxeira. Cómpre lembrar que no actual curso 29 centros de ensino secundario galegos ofertan portugués como 2º lingua estranxeira na ESO e que outros 11 centros de primaria participan do devandito Programa de cultura e lingua portuguesa con apoio de 4 profesores nativos de idioma luso. Ademais o sistema educativo galego conta con 3 auxiliares de conversa de idioma portugués, 2 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Ourense e de Vigo e 1 no IES San Clemente (Santiago de Compostela).
Entre as propostas que se realizaron ao delegado rexional Ferreira figurou a de implementar seccións bilingües de portugués nos 29 centros que o cursan como 2º lingua estranxeira, reforzando tamén a oferta do portugués nas Escolas Oficiais de Idiomas e seccións próximas á fronteira con Portugal. Outra posible vía de reforzo da aprendizaxe da lingua lusa sería a realización de estadías lingüística en lingua portuguesa para o alumnado de ESO de centros públicos durante o verán nos Centros Residenciais Docentes de Galicia; así como certificación da participación do alumnado e profesorado no devandito programa.
Por outra banda, o conselleiro mostroulle a Ferreira a súa aposta por impulsar a formación do profesorado galego en lingua portuguesa, a través de cursos no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e nos Centros de Formación e Recursos (CFR), así como da celebración de xornadas transfronteirizas para profesorado.