A Consellería de Educación destina 367.000 € mais que os adxudicados o ano pasado para que os concellos loiten contra o abandono e o fracaso escolar

Os datos provisionais rexistran 145 solicitudes municipais de subvención para 555 actividades

Mar, 09/07/2013 - 14:42

A Consellería de Cultura e Educación destina este ano 367.239 euros máis que os adxudicados o ano pasado a programas municipais contra o abandono e o fracaso escolar. De feito, se o ano pasado se repartiron 1.358.035 euros entre todos os concellos que as solicitaron e que cumprían os requisitos, este ano xa hai solicitudes por valor de 1.725.274 euros.

Os datos provisorios –os definitivos non se coñecerán ata finais de mes- revelan que neste convocatoria se superará con creces o número de concellos beneficiados que, en 2012, foron 132. De feito, ata o momento son xa 145 os municipios ou agrupacións de concellos os que presentaron un total de 555 solicitudes para programar actividades dirixidas á redución do abandono escolar e que beneficiaría a 51.736 destinatarios. A Orde que establece as bases da convocatoria explicita que os destinatarios que poderán participar nestas actividades serán o alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar; e os mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen acadar a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria ou superior.

Lista definitiva, a final de mes

Na actualidade, unha vez finalizado o prazo de requerimento de documentación complementaria, estase a espera de recibila antes de que se reúna a comisión de selección que fará pública unha resolución provisional, despois da cal abrirase un prazo de 5 días para as renuncias, e de 10 días para alegacións, antes da súa publicación definitiva no DOG.

Entre os obxectivos dos programas para a redución do abandono e o fracaso escolar a Consellería persegue propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de Bacharelato ou de Formación Profesional de Grao Medio; atender aos que teñan menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de prepararse para as probas de graduado en ESO; e mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar. Igualmente, a Administración educativa busca favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou en risco de exclusión social; ou impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír o abandono escolar.

Actividades a subvencionar

Os programas subvencionables pola Xunta son todos aqueles que contemplen algunha destas actividades: Creación de puntos de información e asesoramento educativo a nivel municipal; establecemento de talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos e/ou desmotivación para o estudo; habilitación de aulas de preparación de probas libres de Graduado en educación secundaria ou de probas de acceso a ciclos de Formación Profesional; creación de escolas de familias con alumnado en risco de abandono ou de exclusión social; e desenvolvemento de actividades de formación non regulada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo. Así mesmo están incluídos os programas específicos de formación profesional para zonas e colectivos que presentan alta taxa de abandono coa formación necesaria para obter unha cualificación profesional de nivel un do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, e que poderán incorporar módulos apropiados para a adaptación ás necesidades específicas do colectivo beneficiario que facilite a reincorporación ao sistema educativo e a súa progresión dentro do mesmo.