Skip to Content

Novas da Xunta

Corte de servizo nas aplicacións informáticas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Novas da Xunta - Wed, 04/09/2024 - 13:13
Idioma Gallego

Coa finalidade de realizar tarefas de mantemento en diversos sistemas informáticas, o xoves 5 de setembro ás 15:00h e por un tempo estimado de 6 horas poderá haber algún corte puntual nas aplicacións informáticas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O corte non afectará aos portais educativos, correo, webs de centros ou EVA. 

Os equipos da Xerencia de Proxectos de Educación e da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) son conscientes de que este corte xerará trastornos polo que agradecen de antemán a súa comprensión e colaboración.

Tema: 

Información xeral Alertas e avisos
Categories: Novas da Xunta

Román Rodríguez dá a benvida a unha nova xeración de mestras e mestres nun curso escolar que comezará o vindeiro día 11 cun total de 307.854 estudantes

Novas da Xunta - Wed, 04/09/2024 - 13:06

Summary: 

O conselleiro inaugura as xornadas de recepción para 1.256 novos profesores que se incorporarán ás aulas logo de aprobar as oposicións deste verán

No primeiro día de formación, participan 474 docentes de Infantil e Primaria, mentres que mañá acudirán os 782 de Secundaria, FP e escolas oficiais de idiomas

Este curso incorpóranse os primeiros profesores nados a partir do ano 2000, un centenar de mozos e mozas que se suman ao reto de modernizar o ensino

A Xunta leva renovado máis da metade do cadro de profesorado galego desde 2009, un período no que se convocaron 18.500 prazas nas oposicións

A Consellería abre hoxe a convocatoria de docentes de apoio do programa PROA+ dentro do paquete de Plan MEGA de mellora educativa de Galicia

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu hoxe a benvida a unha nova xeración de mestras e mestres que se incorporan este curso ás aulas galegas. Fíxoo durante a xornada de recepción para o profesorado que superou este verán o proceso de oposicións.

O titular de Educación, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, destacou a importancia de sumar estes 1.256 novos docentes no ensino galego dado que son “a pedra angular do noso sistema educativo”. Ademais, Román Rodríguez recordou que o modelo galego se ten consolidado “como un verdadeiro referente, non só a nivel nacional, senón tamén fóra de España”, e animou ao profesorado a “avanzar na construción da educación do futuro, cun modelo máis plural, conectado e eficaz, que promova a personalización do ensino para asegurar a inclusión educativa plena do alumnado, e que aposte polas competencias clave e pola formación STEM”.

O titular de Educación quixo dar unha especial benvida “á primeira promoción que conta con docentes nados xa no propio século XXI”. En concreto, por primeira vez este curso impartirán clase un centenar de profesionais nados nos anos 2000 e 2001 que lograron praza nas últimas oposicións e que contribuirán a este proceso de modernización do ensino que se inicia agora. Estas novas prazas, lembrou o conselleiro, reafirman o compromiso da Xunta coa mellora continúa do profesorado. De feito, desde o ano 2009 téñense impulsado diversas ofertas de emprego público para 18.500 docentes.

Reparto das prazas por corpos docentes

As 1.256 novas prazas distribúense entre catro corpos docentes: 690 para profesores de ensino secundario, 474 para mestres, 67 para profesores especialistas en sectores singulares de Formación Profesional e outros 25 para escolas oficiais de idiomas.

Especialidade

Prazas

Ensino Secundaria

690

Mestres

474

Especialistas en sectores singulares da FP

67

Escola Oficial de Idiomas

25

 

Charla-coloquio de apertura

Durante a xornada de benvida, Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, pronunciou a conferencia inaugural centrada nos retos e oportunidades do ensino actual, onde se abordaron temas como a innovación pedagóxica e a inclusión educativa. A continuación, o secretario xeral técnico e os directores xerais da Consellería expuxeron as liñas de traballo dos seus departamentos.

A xornada formativa complétase cunha charla-coloquio na que participan Rafael Sánchez-Agustino, do Colexio CEIP A Lama; Ana María Pérez, do Colexio CPI Plurilingüe de Castroverde; Israel Fernández Carreño, do Colexio CEIP Plurilingüe Bragade (Oza-Cesuras), e María Esther Fernández, do Colexio CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.

Máis de 1.200 centros

O curso escolar comeza o vindeiro 11 de setembro para 307.854 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, en 1.243 centros de toda Galicia que imparten esas etapas, o que supón un descenso de 3.289 alumnos respecto do ano académico 2023/24:

Etapa

Centros públicos, concertados e privados

 

 

Curso 2023-2024

Curso 2024-2025

Diferenza

Educación Infantil

50.129

48.467

-1.662

Educación Primaria

128.899

126.531

-2.368

Educación Especial

1.296

1.359

+63

ESO

98.018

97.680

-338

Bacharelato ordinario

32.801

33.817

+1.016

TOTAL

311.143

307.854

-3.289

 

Precisamente, hoxe a Xunta de Galicia distribúe os datos de matrícula por concellos nas diferentes etapas, que mostra a enorme dispersión do sistema educativo galego polo territorio, de acordo coa estrutura da súa poboación e das dinámicas demográficas.

En concreto, contan con instalacións educativas en funcionamento 92 concellos da provincia da Coruña, cun total de 131.474 alumnos; 65 da de Lugo, con 32.392 estudantes; 68 da de Ourense, con 29.634 estudantes, e 61 da de Pontevedra, con 114.354 escolares.

Máis aulas e profesores para menos alumnos

Malia a que o descenso de matrícula se produce na súa meirande parte nas etapas de Infantil e Primaria, cunha caída de máis de 4.000 alumnos, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar.

Isto é posible grazas á redución da rateo de alumnos por aula incluída no acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais que se inicia este curso. En concreto, permite manter abertas 204 aulas que, coas anteriores rateos, pecharían por falta de estudantes. A estimación é que, ao longo dos tres próximos cursos, esta cifra de aulas escale ata un total de 900 preservadas.

Ademais, ao abeiro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia vaise dotar os centros educativos dun reforzo de 400 docentes para personalizar o apoio e prestar a mellor atención á diversidade. De feito, a Consellería abre hoxe a convocatoria de docentes de apoio do programa PROA+, un dos seis que conforman esta ampla estratexia de mellora educativa dotada con máis de 77M€.

Matrícula aberta na Formación Profesional

Aínda é posible matricularse nos ciclos de FP que contan con prazas dispoñibles. O alumnado que tivo praza na adxudicación do 2 de setembro poderá matricularse ata o día 5 deste mes. Unha vez concluída esta terceira fase, haberá unha adxudicación continuada por chamamentos individualizados, que se estenderá entre o 11 e o 27 de setembro.

No caso dos ciclos con prazas dispoñibles e sen listaxe de agarda, a matrícula pode formalizarse xa en calquera momento nos centros educativos correspondentes, dado que non entran na terceira adxudicación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Román Rodríguez destaca o Plan MEGA como “un paso de xigante cara a educación do futuro” no curso con máis iniciativas novas de personalización e apoio

Novas da Xunta - Tue, 03/09/2024 - 12:23

Summary: 

“Este é o curso máis ambicioso no que atinxe á batería de medidas de mellora do sistema educativo galego”, salienta

A iniciativa supón dotar aos centros de 400 docentes adicionais, que comezarán a chegar aos centros desde o primeiro día do curso

Baséase nunha análise exhaustiva do sistema educativo e busca consolidar o ensino galego como o máis inclusivo e equitativo

A Consellería asesorará aos centros para elaborar os proxectos de mellora que lles permitan avanzar nos seus resultados e porá á súa disposición unha guía específica

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia á comunidade escolar, unha iniciativa que destacou como “un paso de xigante cara a educación do futuro, cunha maior atención personalizada ao alumno, e vencellando a calidade propia do ensino coa igualdade de oportunidades”. Fíxoo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, que detallou algunhas das accións que se van desenvolver ao seu abeiro e os resultados da diagnose do sistema educativo nos que se basea a iniciativa.

O titular do departamento educativo da Xunta salientou o curso 2024/25 como o de “transformación e consolidación definitiva do sistema educativo galego”, o curso máis ambicioso da historia no que atinxe á batería de medidas para o reforzo, personalización e apoio ao ensino, en base ás necesidades particulares de cada alumno. Isto será posible grazas á dotación de 400 profesores adicionais nas aulas galegas, un reforzo que se comezará a notar xa desde o primeiro día de curso, tal e como explicou o conselleiro.

Os obxectivos deste plan, dotado con máis de 77M€ para os próximos catro cursos, son incrementar o nivel de competencias dos alumnos, personalizar o apoio educativo, mellorar a atención ás necesidades específicas, avanzar cara un ensino máis inclusivo e fortalecer a formación dos docentes.

En definitiva, o Plan MEGA nace para consolidar o sistema educativo galego como o máis inclusivo, líder en equidade e igualdade de oportunidades, tal e como indica o informe PISA. Ao mesmo tempo, traballarase no impulso do desenvolvemento do alumnado galego e os bos resultados académicos dos estudantes galegos.

“O vindeiro 11 de setembro comeza un curso chamado a marcar un antes e un despois no noso modelo educativo para responder aos retos actuais e queremos facelo da man de todos os axentes que o integran”, afirmou o conselleiro, recalcando que o Plan MEGA, sumado ao  acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, supoñen os motores para a maior modernización do sistema educativo dos últimos 30 anos.

Análise exhaustiva do sistema

O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, que se porán en marcha ao longo do primeiro trimestre do curso escolar. Catro deles son iniciativas novas, en concreto o programa Promociona e os de reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática e apoio educativo para o alumnado estranxeiro. Outros dous son iniciativas xa existentes, pero reformuladas e actualizadas para dar resposta ás necesidades actuais. Trátase do programa PROA+ (Reforzo, orientación e apoio) e do de impulso de centros referentes.

Os seis programas están baseados nunha análise exhaustiva do sistema educativo. Neste sentido, o programa Promociona parte da decisión pioneira da Xunta de Galicia, ao abeiro do acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais, de ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta.

Co obxectivo de que o sistema educativo galego continúe a ser o máis inclusivo de España, e tras avaliar durante o verán as necesidades e o profesorado, vaise dotar aos centros que concentren este alumnado de profesorado adicional para atender as necesidades específicas de atención educativa. Estes docentes estarán xa nos centros o primeiro día de curso, o vindeiro 11 de setembro.

Diagnose de cada centro

Ademais da devandita análise de matriculación e dotación docente, a Consellería conta xa cos resultados da avaliación de diagnose realizada o pasado mes de abril entre o alumnado de 4º de Primaria e 2º de ESO,  coa participación de 19.061 alumnos de Primaria de 809 centros e 21.615 estudantes de ESO de 476 centros. En base aos resultados desta avaliación deseñáronse os programa PROA+ e de reforzo das competencias lectora e matemática.

O conselleiro anunciou que mañá se publicará a convocatoria do PROA+ reformulada e actualizada, dirixida aos centros con maior porcentaxe de alumnado vulnerable por cuestións socio-educativas, para reforzar a equidade e a igualdade de oportunidades. O obxectivo é que máis especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, cuxa presenza nos colexios se reforza a través deste programa, estean traballando nas aulas no mes de outubro. 

Cada centro recibiu xa un informe individualizado sobre os resultados da avaliación de diagnose, que lle permite analizar as súas fortalezas e debilidades para así poder facer unha reflexión sobre as necesidades de reforzo. Para iso o informe establece seis niveis de desempeño competencial: que sabe facer o alumnado, con que solvencia, en que aspectos curriculares ten máis debilidades e cales están máis afianzados. Entre outra información, cada centro pode obter a puntuación media do alumnado de cada grupo, se o rendemento do alumnado do centro é mellor, inferior ou comparable co rendemento do alumnado doutros centros educativos de características similares ou a información sobre cada unha das competencias desagregadas por destrezas (por exemplo na competencia lingüística detállase a comprensión oral, a comprensión escrita e a expresión escrita).

A partir dese informe individualizado, os centros de Primaria e ESO deberán elaborar un plan de mellora para o que contarán co asesoramento e apoio da Consellería de Educación. Ademais, o departamento educativo da Xunta elaborará unha guía para o deseño dos plans de mellora, que porá a disposición dos centros.

Fortalecemento de áreas clave

Tamén conforme aos resultados da avaliación de diagnose, a Xunta decidiu impulsar o fortalecemento da competencia nas áreas clave, entre elas a comprensión lectora do alumnado galego, cun amplo abano de actividades que terán como eixe vertebrador a biblioteca escolar.

Partirase dunha auto-avaliación de cada centro e, entre outras medidas, proporase unha acción integral de formación docente para persoas coordinadoras dos plans de lectura dos centros e profesorado en xeral nas metodoloxías do proceso de lecto-escritura e estratexias para a aprendizaxe competencial da lectura, entendida como alfabetización múltiple, en diferentes soportes.

Ademais, buscarase establecer sinerxías con diferentes programas de innovación educativa e facilitaranse guías e recursos varios tanto para a elaboración dos plans de lectura como para a planificación e organización das distintas dinámicas de lectura e mediación lectora no contexto da aula. A maiores, promoverase a difusión das boas prácticas de centros referentes neste eido.

Pola súa banda, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar os resultados do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao xeito de aprender de cada un. Impulsarase a aprendizaxe competencial das matemáticas, identificaranse e difundiranse as boas prácticas ao respecto e poranse a disposición dos centros os recursos educativos axeitados para este fin. 

Adiantarse a un novo reto

Galicia é a segunda comunidade con menor porcentaxe de alumnado estranxeiro pero tamén aquela na que máis medran estes escolares. A Xunta de Galicia decidiu adiantarse a este novo reto co deseño dun programa específico galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro.

Ao seu redor organizaranse todas as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento académico persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar. O obxectivo é que o sistema educativo galego continúe a ser líder en igualdade de oportunidades e en tolerancia e respecto a outras culturas, como puxo de manifesto o informe PISA. 

Cultivar o bo exemplo

O sexto programa, para o impulso de centros referentes, reformula e actualizada o plantexamento dos antigos contratos-programa e ten como finalidade promover as boas prácticas educativas, de tal xeito que os centros que desenvolvan iniciativas ao seu abeiro se convertan en exemplos en materia de inclusión, sostibilidade, benestar emocional ou convivencia, entre moitos outros aspectos, na comunidade educativa galega.

Esta iniciativa recolle a testemuña dos contratos-programa e dálle un novo enfoque, co obxectivo de impulsar o nacemento dunha rede de centros referentes que compartan os seus proxectos inspiradores co resto dos colexios e institutos. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

A Xunta apoia o desenvolvemento da actividade investigadora do IGFAE con 3M€ ata 2027

Novas da Xunta - Tue, 03/09/2024 - 12:23

Summary: 

Con esta achega, a Consellería de Ciencia e Universidades facilita a estabilidade económica dos proxectos do centro, onde traballan actualmente 101 investigadores

O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación coñecen o traballo do centro de primeira man tras a súa renovación da acreditación de excelencia da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia

Tamén recibirá este xoves a acreditación María de Maeztu tras acadala o pasado 2023, sendo o único centro galego que logra esta distinción

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para coñecer os seus proxectos e saudar os seus investigadores tras renovar a acreditación de excelencia que concede a Xunta na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia.

Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con case 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos. Así mesmo, as obras de construción da nova sede do IGFAE, comezadas en 2021 e que contan cun investimento global de 4,8M€ a cargo do Goberno galego, permitirán que dea un novo salto cualitativo. Ademais, contará cun financiamento de case 200.000 euros para realizar medidas complementarias como o apoio ás actividades do 25º aniversario e o acondicionamento de laboratorios, mobilidade e ampliación do sistema de servidores para a nova sede.

Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos, coñeceron de primeira man o traballo do IGFAE, un centro de titularidade compartida entre a Xunta e a Universidade de Santiago. Este centro de excelencia, nado en 1999, converteuse nun centro de renome internacional na física de alta enerxía, astropartículas e nuclear cun forte impacto rexional.

Acreditacións de excelencia

Tal é o seu prestixio que é o único centro galego que conseguiu a acreditación María de Maeztu, galardón que recibirá este xoves. Este logro, xunto coa acreditación de excelencia no 2019, dota ao IGFAE dunha perspectiva de estabilidade a longo prazo imprescindible para posta en marcha da súa ambiciosa estratexia.

Os datos avalan a súa traxectoria, con 101 investigadores e tres profesionais beneficiados das axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC). O Instituto da USC tamén contou con tres investigadores beneficiados das becas Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA) no período 2020-2023. Neses mesmos anos tamén logrou captar 14,4M€ de proxectos competitivos e lanzar 624 publicacións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Resolución do 30 de agosto de 2024, coas listaxes coas puntuacións definitivas das persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias nas prazas de residencia dos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2024/25

Novas da Xunta - Tue, 03/09/2024 - 09:54
Idioma Gallego

Resolución do 30 de agosto de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publica a listaxe coas puntuacións definitivas das persoas admitidas, excluídas, adxudicatarias e, de ser o caso, suplentes, de acordo co previsto no artigo 33 da Orde do 20 de maio de 2024 pola que se convocan prazas de residencia nos Centros Residenciais Docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2024/25 (DOG núm. 119, do 20 de xuño).

As persoas solicitantes poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución na páxina web da consellería competente en materia de educación e nos taboleiros de anuncios e/ou páxinas web dos centros residenciais.

Prazo para interpoñer recurso de alzada: 1 mes (entre os días 4 de setembro e 3 de outubro de 2024), ante o conselleiro de Cultura, Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

 

Anuncio principal: 

Convocadas prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2024/25 (código de procedemento ED306A)

Tema: 

Bolsas

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Centros

Colectivo: 

Alumnado Familias Centros
Categories: Novas da Xunta

Rueda anuncia que a Xunta reforzará os centros con 400 docentes adicionais para mellorar o éxito escolar, a inclusión e o desenvolvemento integral do alumnado

Novas da Xunta - Mon, 02/09/2024 - 18:30

Summary: 

Enmárcase no novo Plan MEGA de mellora educativa para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado e personalizar o apoio educativo

Salienta que está “dotado de 77M € para os vindeiros catro cursos” e que “beneficiará a 400 centros” ao ano

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP resalta que se traducirá en medidas específicas de apoio personalizado, atención á diversidade, reforzo das competencias lectora e matemática e para o alumnado estranxeiro

Susténtase sobre os obxectivos do acordo histórico asinado cos sindicatos e parte da análise de fortalezas e debilidades que se detectan nas avaliacións de diagnose

Tamén se promove o desenvolvemento de proxectos de referencia en áreas como a promoción da igualdade, a convivencia, o benestar emocional ou a sustentabilidade

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai “reforzar con 400 profesores adicionais os centros educativos galegos” a partir deste curso que comeza o vindeiro 11 de setembro. Será no marco do novo Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, a estratexia do Goberno galego aprobada hoxe no Consello da Xunta para incrementar o nivel das competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar no modelo de ensino inclusivo que caracteriza a nosa Comunidade. 

A través del promoverase non só o éxito escolar, senón tamén o desenvolvemento persoal do alumno nunha contorna educativa en que prime a convivencia, a valoración da diversidade e o benestar emocional. 

O desenvolvemento deste plan implica unha modernización do ensino centrada en aumentar a eficiencia, a eficacia e a equidade para garantir o éxito escolar, fomentar a cultura inclusiva, potenciar a formación docente e simplificar os procedementos administrativos, e tal e como resaltou Rueda, susténtase en dous eixes: “o acordo histórico de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais e as avaliacións de diagnóstico realizadas o curso pasado”. 

Por unha banda, o acordo inclúe medidas estruturais enfocadas a afrontar os retos presentes e futuros da educación en Galicia a través de accións como a redución progresiva da ratio de alumnos por aula, a mellora da atención á diversidade, o reforzo da carreira profesional docente ou a simplificación administrativa, entre outros. 

Por outra banda, o desenvolvemento de avaliación de diagnose entre o alumnado de primaria e ESO son probas que posibilitan aos centros educativos a detección das súas debilidades e a identificación de áreas de mellora, facilitando deste xeito a toma de decisións, baseándose en datos concretos do seu alumnado e no seu contexto.

Tal e como explicou Rueda, o Plan MEGA “estará dotado de 77M € para os vindeiros catro anos” e “beneficiará a uns 400 centros educativos cada no”.

A iniciativa complétase con formación específica no ámbito da inclusión e innovación educativa, a través do Plan anual de formación do profesorado.

Obxectivos

O obxectivo do Plan MEGA é potenciar un sistema educativo que permita a cada estudante acadar o seu máximo potencial a través do seu mellor integral, tanto académico como persoal e social. Ao tempo, estimúlase o contexto de equidade educativa, a redución do abandono escolar e fortalécense as competencias docentes.

Ademais, o plan permitirá que o alumnado galego avance na consecución dos obxectivos marcados polo Consello da Unión Europea, segundo os cales, para 2030, a porcentaxe de mozas e mozos de 15 anos cun baixo rendemento en comprensión lectora, matemáticas e ciencias debe ser inferior ao 15 %.

Nesta liña, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que o Plan inclúe medidas para “avanzar nun aprendizaxe máis personalizado, reforzar as competencias clave e a atención a todo tipo de diversidade”.

Atención especializada para o éxito

O Plan MEGA estrutúrase arredor de seis programas distintos, en diferentes etapas desde infantil ata FP básica pasando por primaria e ESO para dar cumprimento a diferentes obxectivos: Promociona, PROA+ (reforzo, orientación e apoio), reforzo da competencia lectora, reforzo da competencia matemática, apoio educativo para o alumnado estranxeiro e impulso de centros referentes.

O programa Promociona centrarase en promover o apoio, a participación e a promoción do alumnado que presenta necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios, fortalecendo o modelo de inclusión educativa de Galicia e creando un contorno educativo máis accesible, equitativo e enriquecedor para todo o alumnado. 

Diríxese aos escolares de infantil e primaria e leva consigo a realización dun proxecto educativo inclusivo en cada un dos centros que o desenvolva para a mellora da equidade e dos resultados educativos. 

Os docentes de reforzo previstos para este programa xa estarán nas aulas ao inicio do curso, segundo explicou o conselleiro.

No caso do PROA+, centra a súa acción nos centros cunha porcentaxe significativa de alumnado con vulnerabilidade socioeducativa, aplicando medidas de reforzo, orientación e apoio con especial fincapé na atención das necesidades específicas de apoio educativo.

Os centros beneficiarios deste programa deberán asumir o compromiso de deseño, aplicación, seguimento e avaliación dun plan estratéxico de mellora, con accións para reforzar as competencias clave ou a aplicación de novas formas de organización e xestión do centro orientadas á mellorar o éxito educativo de todo o alumnado. Neste caso, o profesorado se incorporará no mes de outubro.

Reforzo das competencias lectora e matemática

O programa de reforzo da comprensión lectora artellarase a través da posta á disposición dos centros de iniciativas de lectura no conxunto da comunidade educativa, así como dun amplo abano de actividades para o fomento da lectura, que redundará de forma efectiva na mellora da comprensión lectora dos estudantes

A biblioteca funcionará como motor deste programa, como o espazo mediador para o desenvolvemento de competencias comunicativas, informacionais e mediáticas, como requisito para a construción do pensamento crítico.

A través do programa de reforzo da competencia matemática adaptarase o proceso de ensinanzas ás necesidades e tipos de aprendizaxe diferentes de cada alumno, especialmente dos escolares de primaria, con atención específica a aquel que presenta un peor rendemento.

A maiores, estimularase a participación activa do alumnado en actividades educativas relacionadas con esta área do coñecemento.

Apoio ao alumnado estranxeiro

Orientado a facilitar o labor de escolarización, acollida e benestar emocional do alumnado especialmente vulnerable polas súas condicións de procedencia, o Programa galego de apoio educativo para o alumnado estranxeiro organizará as intervencións educativas necesarias para o desenvolvemento persoal, cultural e social destes estudantes desde unha participación activa na vida escolar.

A través del proporcionarase apoio ao alumnado para asegurar a expresión e a comprensión lingüística efectiva e fortalecer as súas habilidades de lectura e escritura. Ademais, impulsarase o desenvolvemento de actividades que promovan o entendemento intercultural a través das bibliotecas escolares.

Impulso de centros referentes

O exemplo das boas prácticas doutros centros inflúe de xeito positivo na comunidade educativa. Desde ese punto de vista, o Programa para o impulso de centros referentes impulsará que os centros desenvolvan proxectos educativos que os convertan en centros destacados dentro dos contextos da inclusión e a innovación educativa. 

Os centros que participen no programa poderán facelo a través de proxectos que se centren na promoción da igualdade, da convivencia, da inclusión e do benestar emocional. Tamén con iniciativa para reforzar as competencias matemática e lectora, a internacionalización e as prácticas ambientalmente sustentables.

O conselleiro de Educación salientou a batería de medidas postas en marcha este curso que fan que o sistema educativo galego “viva a maior modernización dos últimos 30 anos”.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Luz verde á licitación do novo colexio do Milladoiro, o primeiro que se construirá en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Novas da Xunta - Mon, 02/09/2024 - 18:22

Summary: 

O Consello da Xunta aproba a construción deste novo centro, que dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico

O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente, dadas as melloras no proxecto e o incremento dos prezos

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI

Idioma Gallego

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación da obra de construción do novo Colexio CEIP do Milladoiro, o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e un compromiso da Xunta de Galicia para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. O investimento total ascende a case 9,8M€, o que supón máis do dobre estimado inicialmente (4,5M€) debido, fundamentalmente, ás calidades e melloras en espazos e do incremento dos prezos dos materiais.

Xa no ano 2011 se construíu un novo instituto no Milladoiro, cun investimento de 5,4M€, para dar resposta ao incremento poboacional e a Xunta ten realizado e continúa executando novas actuacións de mellora e ampliación para dar resposta ás necesidades de escolarización dun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. De feito, no concello de Ames está en marcha a ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño, cun orzamento superior aos 3,4M€.

A actuación será contratada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (a través da Axencia Galega de Infraestruturas) e que se sufragará con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. Unha vez aprobado no Consello da Xunta, licitarase a obra. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025. O obxectivo é que o centro estea operativo no curso 2026/27.

Adaptado ao século XXI

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

Totalmente accesible

A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

A Xunta impulsa 132 obras por un importe de máis de 8M€ en centros educativos da provincia de Ourense

Novas da Xunta - Tue, 30/07/2024 - 19:00

Summary: 

Ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, durante este verán acométese 118 pequenas e medianas actuacións en 73 centros educativos de Ourense, cun importe de 2,8M€, enfocadas a un maior confort e sustentabilidade

Paralelamente, ao longo deste ano realízanse 14 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética

“A Xunta está comprometida en modernizar os centros de ensino cun investimento sen precedentes para a mellora das instalacións”, afirma o conselleiro

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia está a acometer ao longo deste ano 132 actuacións en centros educativos de Ourense, cun investimento total de máis de 8M€. Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe unha delas, o CEIP Plurilingüe de Ribadavia, onde expuxo as intervencións que o seu departamento está realizando ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2024), avaliado onte polo Consello da Xunta.

Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás ou ascensores. En concreto, na provincia de Ourense lévanse a cabo 118 actuacións en 73 centros cun investimento de 2,8M€ nesta tipoloxía de intervencións. En total, en Galicia son 535 melloras en 385 centros por un importe total de 12,5M€, a contía máis elevada dos últimos cinco anos.

Paralelamente a estas pequenas pero necesarias actuacións estivais, a Administración autonómica está a realizar 139 obras de gran envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética. Estas actuacións, cun investimento de 71,3M€ no conxunto de Galicia, están planificadas para todo o ano 2024 dado que o seu período de execución é de varios meses, pero reciben un especial pulo durante a época estival aproveitando as vacacións sen actividade lectiva nos centros.

Nesta tipoloxía de grandes obras, na provincia de Ourense destacan 14 actuacións como a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño, a do Centro Integrado de FP Vilamarín, a do Instituto IES Eduardo Blanco Amor en Ourense ou a do Colexio Plurilingüe Antonio Faílde en Coles.

Román Rodríguez referiuse ao compromiso da Xunta de renovar os colexios e os institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego “está modernizando os centros de ensino, cun investimento sen precedentes, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas”.

Actuacións de renovación en Ribadavia

No caso concreto do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, o conselleiro explicou que a reforma conta cun investimento superior a 95.000€, e que se espera que estea rematada para o comezo do curso. A rehabilitación inclúe a mellora do pavimento do comedor e da sala de caldeiras, así como a reforma dos aseos e vestiarios da planta baixa.

Román Rodríguez destacou que o obxectivo desta intervención é "mellorar a eficiencia enerxética, dotando ao centro dun novo sistema de calefacción". "O CEIP de Ribadavia conta cunha comunidade educativa de máis de 253 alumnos e preto de 26 docentes, e a finalidade destas actuacións é mellorar o confort diario de todos eles", subliñou.

As actuacións inclúen un sistema de calefacción máis eficiente e menos custoso, o cambio do chan no comedor para facelo máis seguro e adecuado e a reforma dos aseos da planta baixa, onde se constrúe un baño adaptado e outros mixtos para mobilidade reducida. Tamén se executa un novo vestiario con prato de ducha, cabina sanitaria e despachos para o persoal, así como a renovación do aseo do persoal de cociña.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

A Xunta demanda ao Goberno Central un plan nacional de infraestruturas educativas para a súa adaptación pedagóxica, tecnolóxica e de sostibilidade

Novas da Xunta - Tue, 30/07/2024 - 14:20

Summary: 

Román Rodríguez subliña a necesidade de deseñar, de maneira integral e consensuada, unha renovación dos edificios de colexios institutos acorde coas novas necesidades

Lamenta que asume en solitario estas melloras que supoñen “un esforzo inversor sen precedentes” debido á antigüidade e o volume do parque mobiliario educativo

Critica a “escasa credibilidade” do Estado ao destinar tan só 95M€ ao programa de reforzo de Matemáticas e Lingua fronte aos 500 millóns prometidos por Pedro Sánchez en campaña electoral

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia demanda ao Goberno do Estado que poña en marcha un plan nacional de infraestruturas educativas que permita a renovación e adaptación de espazos dos colexios e institutos públicos desde unha perspectiva pedagóxica, tecnolóxica e de sostibilidade, tal e como expuxo o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, na Conferencia Sectorial de Educación celebrada esta mañá.

O titular de Educación do Goberno galego elevou esta proposta ao Ministerio de Educación logo de que o Parlamento de Galicia aprobara unha proposición non de lei neste sentido con apoio de todos os grupos parlamentarios agás o do PSdeG-PSOE. Na exposición da proposta, que foi apoiada por varias comunidades autónomas, o representante de Educación de Galicia fixo fincapé en que o plan se pode financiar con Fondos Europeos MRR, xa que “encaixa perfectamente” cos criterios de sostibilidade ambiental, eficiencia enerxética e creación de emprego, entre outros.

Román Rodríguez explicou que a día de hoxe son as comunidades autónomas as que “asumimos o cen por cen” das obras de mellora  que, no caso de Galicia, “son moi necesarias debido á antigüidade do noso parque inmobiliario e ao seu volume, con máis de 1.000 edificios que é necesario modernizalos e adaptalos ás novas metodoloxías, dotalos de máis e mellor tecnoloxía e facelos máis respectuosos co medio ambiente”.

“Pese a isto -lamentou- o Ministerio de Educación non achega fondos para a transformación das instalacións educativas”, cuestión que está a asumir integramente a Xunta de Galicia a través dun esforzo inversor sen precedentes. Proba disto son os 243M€ para obras de mellora que desde 2021 a Consellería está canalizando a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Tan só este verán, estanse a impulsar 535 obras por un importe de 12,5M€, o importe máis elevado dos últimos cinco anos neste período estival.

Así pois, Román Rodríguez insistiu na necesidade de que o Goberno do Estado “contribúa ao financiamento destas obras de rehabilitación” a través dun fondo específico de cooperación territorial dotado con fondos europeos para que as administracións autonómicas “poidamos dispoñer de máis recursos para mellorar a calidade de vida da nosa comunidade educativa”.  

Fondos insuficientes

Doutra banda, durante a súa intervención na reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o conselleiro lamentou a “escasa credibilidade” do Goberno do Estado ao destinar “tan só 95M€ para o conxunto de España” ao programa de reforzo de Matemáticas e Lingua, fronte aos 500 M€ “que Pedro Sánchez anunciou en plena campaña electoral en Galicia o pasado xaneiro”.

Román Rodríguez expuxo que os apenas 5M€ que lle corresponden a Galicia son “totalmente insuficientes” para levar a cabo os programas de mellora necesarios neste eido, máxime cando se partía dunha proposta inicial de 500M€.

Non obstante, e pese á falta de apoios por parte do Goberno central, Galicia continuará coa súa folla de ruta con accións específicas de apoio para consolidar un modelo educativo propio, baseado na calidade, na convivencia, na equidade e na igualdade de oportunidades. Non en balde, a comunidade galega é unha das que máis inviste por alumno.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

A Xunta apoia os proxectos no sector enerxético de Energylab como a obtención de hidróxeno verde para almacenar enerxía máis eficiente

Novas da Xunta - Tue, 30/07/2024 - 14:16

Summary: 

Destaca o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que permiten mellorar o desempeño enerxético e o uso eficiente e sustentable dos recursos

O Goberno galego leva investido neste centro case 6M€ desde o ano 2009

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o centro tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) no marco da rolda de visitas que está a realizar aos centros tecnolóxicos para coñecer a súa actividade e proxectos innovadores. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o representante da Xunta remarcou a importancia do traballo deste centro a prol do “uso eficiente e sustentable dos recursos e do desenvolvemento de proxectos innovadores que permitan mellorar o desempeño enerxético”.

O conselleiro coñeceu o funcionamento do centro e dos laboratorios de bioenerxía, electroquímica, mobilidade e biomasa da man do vicepresidente de EnergyLab, José Cidrás; do delegado xeral de Naturgy en Galicia, Alberto Suárez, e do director xeral de EnergyLab, Fernando Val. Con equipos de alta tecnoloxía e a súa estratexia de innovación, este centro tecnolóxico busca lograr a transición enerxética e a descarbonización da sociedade mediante a xeración de gases renovables, de residuos biomásicos e o ensaio de novos biocombustibles para o transporte.

“Os centros tecnolóxicos, aos que levamos apoiado desde o 2009 con máis de 207M€, son fundamentais para mellorar a vida das persoas con proxectos innovadores”, afirmou Román Rodríguez, quen gabou o labor de EnergyLab en beneficio do medio ambiente. Entre as iniciativas do centro, o titular de Ciencia destacou o doutoramento industrial que concedeu a Xunta ao centro para o período 2023-2027, onde traballan na obtención de metanol a partir do biohidróxeno producido por bacterias. “Coñecer de primeira man este traballo, que permite un almacenamento e transporte de enerxía máis eficiente que o gas hidróxeno, é mostra do potencial e excelencia destas entidades”, engadiu o conselleiro. 

Apoio do Goberno autonómico

Entre estas achegas, o Goberno galego leva investido en EnergyLab case 6M€ desde o 2009. Sobresae o apoio da Consellería de Ciencia ao financiamento estrutural do centro a través da liña de axudas de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. EnergyLab tamén participa, xunto con outros centros tecnolóxicos, en FACENDO Plus, un proxecto enmarcado na Fábrica Intelixente e Sustentable 2024-2026 cofinanciado con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27. 

Ademais, EnergyLab beneficiouse de dúas unidades mixtas de investigación (de mobilidade sustentable e de gas renovable) e unha de consolidación de gas renovable. Os seus responsables destacaron a unidade de gas renovable que EnergyLab desenvolve con Naturgy e Edar Bens S.A., coa que se alcanzaron fitos moi importantes como o desenvolvemento e posta en marcha da primeira planta de metanación biolóxica en España para xerar biometano e a súa inxección na rede de gas natural. Cómpre salientar tamén a participación de EnergyLab en proxectos europeos como HYDEA, en colaboración co Porto de Vigo, no que se investiga o emprego de tecnoloxías baseadas en hidróxeno verde procedente de enerxía mariña e outras enerxías renovables nos portos da área Atlántica, ou D-HIDROFLEX, centrado no desenvolvemento de solucións dixitais para o mantemento de centrais hidroeléctricas. Por último, o centro tamén participa en proxectos nacionais colaborativos no ámbito do hidróxeno como o da Rede Cervera.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Rueda destaca que a Xunta destina a contía máis elevada dos últimos cinco anos para impulsar no verán un total de 535 pequenas obras en 389 centros educativos

Novas da Xunta - Mon, 29/07/2024 - 18:32

Summary: 

Salienta que se realizará un investimento de 12,5 millóns de euros para actuacións como melloras en cubertas, aseos, ventás ou instalacións de ascensores, no marco do novo Plan de benestar e accesibilidade na escola

Apunta que ademais este ano se están acometendo 139 obras de maior envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e obras de eficiencia enerxética, que concentran 71,3 M€ de investimento

Isto supón actuar no 50 % dos centros públicos desde infantil ata FP

Idioma Gallego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Administración autonómica está a impulsar este verán un total de 535 pequenas obras de mellora en 389 centros educativos, cun investimento de preto de 12,5 M€, o que supón “o maior investimento nos últimos cinco anos” neste eido.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta ante o Consello da Xunta da planificación dos traballos que se estar a levar a cabo a través do novo Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2024, que, tal e como lembrou Rueda, abranguen “pequenas actuacións todas elas moi necesarias” como melloras en cubertas, aseos, ventás ou instalación de ascensores.

Todas estas obras están enfocadas a acadar un maior confort e sustentabilidade nas aulas, tal e como marca o Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, a folla de ruta en materia de mellora de infraestruturas educativas aprobada en 2021 cun investimento inicial de 191 M€ que foi ampliado ata os 243 M€ actuais. Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, o obxectivo deste plan é “mellorar os centros escolares e convertelos en centros modernos, accesibles, e sustentables”.

Neste sentido, na provincia da Coruña lévanse a cabo 222 pequenas intervencións en 151 centros por un importe de preto de 4,3 M€, 105 actuacións en 78 centros da provincia de Lugo por 2 M€, 118 en 73 centros de Ourense por 2,8 M€ e 90 actuacións en 87 da provincia de Pontevedra que aglutinan preto de 3,4 M€.

Grandes actuacións durante todo o ano

Paralelamente, tal e como recordou o presidente da Xunta, de cara á renovación e mantemento dos centros de ensino públicos galegos para o curso 2024/25, a Administración autonómica está a realizar un total 139 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética que se atopan en distintas fases (xa en execución ou ben en fase de licitación ou de adxudicación), cun importe que acada os 71,3 M€ de investimento. Trátase de obra planificadas para todo o ano 2024, dado que o seu prazo de execución é de varios anos, pero que tamén van recibir un maior impulso durante a época estival, coincidindo co período non lectivo.

O conxunto das intervencións -entre grandes actuacións e pequenas obras de verán- chegan ao 50 % dos centros públicos que funcionan en Galicia entre escolas infantís, colexios, institutos e centros de FP. Por provincias, actúase en 210 centros da Coruña por un importe de 33,34 M€, en 100 centros de Lugo que suman 7,8 M€ de investimento, 86 de Ourense por un importe de case 8,3 M€ e 131 da provincia de Pontevedra por máis de 34,3 M€.

No que atinxe ás 139 grandes actuacións, son as que concentran a meirande parte do orzamento, cun investimento de 71,3 M€ en 138 centros educativos. Delas, 74 están xa en execución mentres que 42 están xa adxudicadas e pendentes de comezar e 23 en fase de licitación. Por provincias, 59 acométense na da Coruña (máis de 29 M€), 22 en Lugo (5,8 M€), 14 en Ourense (5,4 M€) e 44 en Pontevedra (preto de 31 M€). 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Galicia será a comunidade con maior número de auxiliares de conversa Fulbright o vindeiro curso

Novas da Xunta - Mon, 29/07/2024 - 18:26

Summary: 

Trátase de 40 auxiliares estadounidenses de alto perfil académico, que se incorporarán ás aulas galegas para impulsar a aprendizaxe da lingua inglesa

En total, o ensino galego contará con 665 auxiliares de conversa, a maior cifra acadada nunca

Multiplícase por 100 o número de auxiliares que había en 2009

Idioma Gallego

Galicia é a comunidade autónoma que concentrará o vindeiro curso o maior número de auxiliares de conversa Fulbright, con 40 persoas das 184 de alta especialización repartidas por toda España, o que eleva a 665 o número total de auxiliares que colaborarán nas aulas galegas a partir de setembro.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos (Comisión Fulbright) para dotar o sistema educativo galego de 40 auxiliares de conversa estadounidenses de alto perfil académico. O importe do convenio ascende a 544.320€, dos que a Xunta de Galicia financia o 87% mentres que o 13% restante apórtaos a Comisión Fulbright.

A través deste acordo, así como dos que se establecen co Ministerio no marco do Acordo de Cooperación Territorial, co Instituto Confucio ou co Instituto Camões, o sistema educativo galego contará o vindeiro curso cun total de 665 auxiliares de conversa, unha cifra récord que multiplica por 100 os 67 que había en 2009.

A contratación de auxiliares de conversa é unha das múltiples accións que desenvolve a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDULingüe2030, para facilitar a aprendizaxe de idiomas. Grazas a estas iniciativas, o alumnado galego sitúase hoxe como o segundo con mellor nivel de toda España, segundo o informe de avaliación de EF, referencia nesta materia.

Así pois, desde setembro, un total de 511 centros educativos se beneficiarán do apoio dun auxiliar de conversa nativo e o 75% dos centros educativos sostidos con fondos públicos na nosa Comunidade desenvolverán algún programa de plurilingüismo nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato.

Aprendizaxe lingüística e cultural

As persoas auxiliares achegan a realidade cultural e lingüística dos seus países de orixe, aportan a compoñente de multiculturalidade aos centros e levan a cabo un importante servizo complementario para o apoio ao ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira.

Ademais dos centros plurilingües, outros moitos optan con reforzo dunha persoa auxiliar por contar con seccións bilingües, na que un grupo de alumnos cursa unha área, materia ou módulo de materias non lingüísticas de maneira bilingüe.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Resolución definitiva programa educativo VI CiberLiga 2024/25 modalidade preameateur

Novas da Xunta - Mon, 29/07/2024 - 10:53
Idioma Gallego

Resolución definitiva do 26 de xullo de 2024 pola que se fai pública a relación de centros seleccionados para participar no programa educativo VI CiberLiga 2024/25 modalidade preamateur, conforme ao disposto no apartado 7 da resolución do 24 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

 

Anuncio principal: 

Convocatoria do programa educativo “VI CiberLiga 2024/25 modalidade preamateur"

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Alumnado Centros
Categories: Novas da Xunta

Román Rodríguez felicita a los alumnos de FP de las Mercedes por su labor en la 50ª Subida a Chantada

Novas da Xunta - Sun, 28/07/2024 - 16:21
Idioma Gallego

El conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades y Formación Profesional, Román Rodríguez, asistió hoy a la 50ª edición de la Subida Automovilística a Chantada, parte del Campeonato de España de Montaña (CEM). Durante la jornada se celebraron la tercera subida de entrenamientos y dos carreras.

Entre los participantes destacó un coche de Fórmula 3 desarrollado íntegramente por alumnos y profesores del Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) As Mercedes. Los estudiantes del ciclo dual de Alta Especialización en Vehículos de Competición, el primer grado de España, trabajaron en el desmontaje, puesta a punto, adaptación mecánica y tecnológica, reparación de motor, sistemas de frenazo, y pintado y vinilado de la carrocería del modelo Dallara F3. Román Rodríguez felicitó a los estudiantes por el excelente trabajo realizado.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categories: Novas da Xunta

Publicación da Resolución provisional de adxudicación de destinos provisionais entre o persoal de corpos docentes non universitarios para o curso académico 2024/25 (código de procedemento ED002B)

Novas da Xunta - Fri, 26/07/2024 - 23:29
Idioma Gallego

De acordo co establecido no punto cuarto da Resolución do 11 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia nº 119, do 20 de xuño), publícase a resolución provisional de adxudicación de destinos provisionais entre o persoal de corpos docentes non universitarios para o curso académico 2024/25.

O prazo para formular reclamacións ou renuncias é o comprendido entre o día 29 de xullo ata o 30 de xullo de 2024, ambos incluídos.

  • Reclamacións á adxudicación provisional do concurso de destinos provisionais para o corpo de mestres e corpos de secundaria

As reclamacións formularanse en todo caso por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código do procedemento ED002B) e deberá proceder do seguinte xeito:

1º Acceda á Sede electrónica da Xunta de Galicia e identifíquese coa súa Chave 365 ou certificado dixital.

2º Localice o ÚLTIMO EXPEDIENTE correspondente a súa solicitude de participación no concurso de destinos provisionais (ED002B) e prema no botón Acción: Alegacións.

AVISO: no caso de que se lle recuperara a súa solicitude de convocatorias anteriores ou non finalizase correctamente a presentación en sede e non poida realizar accións sobre o expediente deberá empregar a solicitude xenérica PR004A dispoñible na sede para formular as alegacións. Neste caso no campo EXPÓN da solicitude deberá indicar: RECLAMACIÓN CADP MESTRES OU SECUNDARIA (segundo corresponda).

3º Cubra o formulario, asine e finalice a presentación na sede seguindo os pasos que se lle amosan.

4º Descargue o recibo electrónico de presentación da súa reclamación.

AVISO: o trámite activarase o luns día 29 de xullo de 2024.

 

  • Renuncias á adxudicación provisional do concurso de destinos provisionais para o corpo de mestres e corpos de secundaria

    A) Persoal interino e substituto

    As renuncias á resolución provisional do concurso realizaranse unicamente a través da aplicación web http://edu.xunta.es/cadp e non resultará necesaria a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia. Só poderá empregar esta opción o persoal funcionario interino.

    Para renunciar deberá proceder do seguinte xeito:

    1º Acceda á aplicación web https://www.edu.xunta.gal/cadp e identifíquese coa súa Chave 365 ou certificado dixital segundo corresponda.

2º Ir ao menú Instancias e indicar as instancias ás que se renuncia (Columna accións)

3º Descargue o comprobante da renuncia ou renuncias que presentou, este comprobante non é necesario que o presente.

Se renuncia a todas as especialidades, a aplicación solicitaralle na última especialidade a que renuncie que indique a causa e achegue a documentación xustificativa. Só se permite engadir un arquivo de modo que no caso de que necesite achegar máis dun deberá xuntar todos os arquivos nun arquivo comprimido e engadir éste na aplicación informática.

Cando se renuncie a todas as listas será necesario, ademais, remitir a documentación xustificativa escaneada ao seguinte enderezo electrónico.

Correos electrónicos:

persoal.primaria@edu.xunta.gal: para corpos de mestres

persoal.secundaria@edu.xunta.gal: para corpos de secundaria e outros

  • B) Outros colectivos

    Deberá empregar o formulario de solicitude xenérica PR004 para renunciar á adxudicación dunha comisión de servizos ou a unha solicitude formulada pola modalidade ordinaria só para aqueles colectivos con destino definitivo (persoal docente de Conservatorio, de EOI ou de Agraria) e proceder do seguinte xeito:

    1º Acceda á Sede electrónica da Xunta de Galicia e identifíquese coa súa Chave 365 ou certificado dixital.

    2º Cubra o formulario de solicitude xenérica PR004, no campo EXPÓN da solicitude deberá indicar: RENUNCIA CADP MESTRES OU SECUNDARIA (segundo corresponda).

    3º Asine e finalice a presentación na sede seguindo os pasos que se lle amosan.

    4º Descargue o recibo electrónico de presentación.

    No caso de participar por máis dunha modalidade (ordinaria máis comisión por saúde ou conciliación), e querer renunciar a ambas, deberá presentar unha renuncia para cada unha delas. De renunciar só a unha delas, esta non poderá ser a solicitude formulada pola modalidade ordinaria no caso de persoal funcionario de carreira ou en prácticas que non teñan destino definitivo.

    AVISO: o trámite activarase o luns día 29 de xullo de 2024

Anuncio principal: 

Convocado o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2024/25

Servizo relacionado: 

CADP

Tema: 

Programas e plans Destinos provisionais e outros concursos Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categories: Novas da Xunta
Syndicate content


by Dr. Radut