Skip to Content

O noso departamento

O Departamento de Orientación do IES Valadares

A orientación educativa é un proceso de axuda que se dá na actividade educativa. O seu obxectivo é o de contribuír ao desenvolvemento integral do alumno/a, co fin de capacitarlle para unha aprendizaxe autónoma e unha participación activa, crítica e transformadora da sociedade.

Entendemos que a orientación consiste nun proceso de análise e tratamento de situacións educativas, baseándose na axuda e asesoramento a toda a comunidade educativa. Este proceso, para ser eficaz, ten que ser sistemático, planificado e asumido por todos e todas (DO, Equipo Directivo, profesorado, familias); non debemos esquecer, así mesmo, que a orientación e a acción titorial son intrínsecas á práctica pedagóxica de toda persoa docente.

O Departamento de Orientación, no desenvolvemento das súas actividades, quere asegurar o seguimento e apoio do proceso de aprendizaxe en cada alumno/a e facilitarlle a súa toma de decisións académicas e profesionais, respectando a autonomía dos centros e, en consecuencia, a necesaria adecuación dos plans de traballo do Departamento de Orientación ás peculiaridades do seu contorno educativo.

Polo tanto, a orientación deberá propor solucións educativas axeitadas ás características e necesidades do alumnado. Este obxectivo non será posible se non se establece un plan de actuación conxunto entre todos os sectores implicados no proceso educativo.

Os principios de prevención, desenvolvemento e intervención social sobre os que se fundamenta o concepto e as funcións da orientación son coherentes cos de comprensividade e diversidade que se preconizan nas diferentes leis educativas. Estes principios fan referencia a unha tarefa xeneralizada, continuada, preventiva, integrada na función docente, potenciadora de intervención social e respectuosa coa orixinalidade do alumnado.

No que se refire ao modelo de intervención do Departamento de Orientación, trátase de adecualo ás necesidades que vaian xurdindo, intentando introducir de forma progresiva un modelo de intervención a través de programas. Isto require unha implicación e organización do centro que facilite este tipo de intervención (flexibilización do currículo, horario para a titoría grupal, horas de coordinación dos diferentes axentes de intervención orientadora,...).

Para dar resposta ás premisas plantexadas, o Departamento actuará en tres ámbitos interrelacionados:

  • Acción Titorial.
  • Apoio ao Proceso de Ensino-Aprendizaxe - Atención á diversidade.
  • Orientación Académica-Profesional.

Cada un destes ámbitos con obxectivos que se pretenden acadar e actuacións a levar a cabo para conseguilo.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut