Queriamos compartir con vós unha pequena imaxe do noso estante de novidades que non para de medrar e cambiar na nosa biblioteca... Libro que chega e é exposto, libro que alguén leva para casa!
Chegaron libros de mans feministas que poñen en valor o papel das mulleres ao longo da historia en todos os ámbitos. Así pode verse nos últimos préstamos desta mañá, que foron o segundo tomo de "Pioneiras", de Anair Rodríguez. E a biografía ilustrada de Frida Kahlo que realizou maxistralmente María Hesse.
Chegaron tamén moitos títulos que dan visibilidade a diversidade LGTBIQ da comunidade na nosa biblioteca... Nesta línea, o libro máis emprestado a día de hoxe é "Mamá, quero ser Ziggy Stardust", de Iria Misa. Aínda non o lestes? Pois adiante...
Finalmente, recibimos libros informativos de distintas ramas das ciencias. Esta semana tocoulle o turno a astronomía e o profesor Luis Conde amosou os novos exemplares da biblioteca e a súa ubicación a parte do alumnado de 1 da ESO... Pronto mirarán o ceo con outra perspectiva!
Seguimos esperando a vosa visita... hai un libro agardando por cada un de vós!! (máis de un, en realidade)
Dado que este curso recibimos dotación económica do Plambe para actualizar e renovar o noso catálogo da biblioteca, van ser moitas as novidades que irán chegando! Convidámosvos sempre a que veñades á biblioteca para ver como vai cambiando pouco a pouco. Pero tamén queremos ofrecervos a posibilidade de consultar de xeito sinxelo desde a casa cales son as novidades e que exemplares temos dispoñibles na biblioteca. Deixámosvos aquí o enlace ao catálogo completo da nosa biblioteca para que fagades as vosas búsquedas... e para que deixedes as vosas propostas de adquisición cando botedes algo en falta!