Iniciar sesión: Acceso

O ALQUIMISTA


  SAN SIMONIO
 
Ficha bibliográfica
 

 

TítuloO Alquimista.

Título orixinalO Alquimista.

Autor: Paulo Coelho.

Xénero: Narrativa / Realismo Máxico / Autoaxuda.

Editorial: Galaxia Gutemberg

Colección: Costa Oeste

 

 

Sipnose

 

Segundo Paulo Coelho, todos os seres estamos no mundo para algo. A nosa existencia ten un sentido. Cada un temos que cumprir unha misión. Un camiño que seguir. Un soño que conquistar e que vivir. Un tesouro para buscalo e encontralo. Unha “lenda persoal”. Unha vocación. Pero moitas veces os homes non vivimos a nosa Lenda Persoal, senón que nos instalamos na seguridade do que xa temos e abandonamos a busca do noso tesouro e non vivimos o noso soño.

En O alquimista, Paulo Coelho cóntanos a historia dun rapaz, Santiago, que segue o camiño dos seus soños para buscar o seu tesouro persoal. E durante este camiño pasa por moi diversas situacións: faise pastor de ovellas en Andalucía e aprende das ovellas, encóntrase co rei Melquisedec que lle di que ten que vender as súas ovellas e partir cara a

     
   

Exipto, vende as ovellas, cruza o estreito, traballa un ano nunha tenda dun vendedor de cristais, parte nunha caravana polo deserto, chega a un oasis onde encontra o amor, coñece unalquimista que o acompaña de novo polo deserto, fala co vento e co sol, e chega finalmente ás pirámides de Exipto... En todo o seu camiñar vai aprendendo a escoitar os sinais que Deus puxo no mundo para guiarnos cara ao noso destino e cara á nosa felicidade, e vai aprendendo a escoitar a voz do deserto, do vento, do sol... e a voz do seu propio corazón...

 

 

Pequena biografía

 

Paulo Coelho (Río de Janeiro, 1947) antes de converterse nun novelista famoso iniciou estudos de Dereito, pero abandonounos sen graduarse. Rebelde e inconformista, uniuse ao movemento hippy e viaxou por Centro América, Europa e África. Ao seu regreso, en 1972, desempeñou múltiples oficios: foi xornalista, escritor de cancións, guionista de televisión e director de teatro.

En 1986, percorreu a pé o Camiño de Santiago, unha experiencia que máis tarde relataría en O peregrino de Compostela (Diario dun Mago) publicada en 1987. Ao ano seguinte, co seu segundo libro, O alquimista, que foi un auténtico fenómeno publicitario e primeiro best-seller en 29 países, Paulo Coelho pasou a ser un dos autores contemporáneos máis lidos. Segundo a revista internacional "Publishing Trends", O alquimista figura entre os 10 libros máis vendidos en todo o mundo durante o ano 1998.

Entre as súas obras máis difundidas cabe destacar os xa nomeados O peregrino de Compostela, O alquimista e ademais, Brida, Valquirias, Na ribeira do río de pedra senteime e chorei, A quinta montaña, Manual do guerreiro da luz, Verónika decide morrer, O demo e a señorita Prym, Naktub, Once minutos, O Zahir, A bruxa de Portobello, Como o río que flúe, O vencedor está só e Aleph.

A súa obra foi publicada en máis de 170 países e traducida a 73 idiomas e leva vendidos máis de 135 millóns de libros, ademais de recibir importantes premios en numerosos países.

Os críticos gaban especialmente o seu estilo ao mesmo tempo poético, realista e filosófico, así como "a súa linguaxe simbólica que non vai dirixida ao noso cerebro, senón aos nosos corazóns". A súa narrativa ten o poder de conmover os pobos e culturas máis diversas, o que influíu para que fose nomeado Conselleiro Especial do programa da UNESCO "Converxencias espirituais e diálogos interculturais". É tamén membro do Consello do Centro "Simón Peres" para a Paz, e da Fundación de Lord Menuhin.

Ademais de recibir destacados premios e mencións internacionais, en 1996 o ministro de Cultura francés nomeouno Cabaleiro das Artes e as Letras.

En 1999 recibiu o Premio Crystal Award que concede o Foro Económico Mundial, a prestixiosa distinción Chevalier de l'Ordre National de la Légion d'Honneur do goberno francés e a Medalla de Ouro de Galicia. A súa obra literaria é lectura recomendada en varias universidades e dende outubro de 2002 é membro da Academia Brasileira das Letras. En 2007 foi nomeado Mensaxeiro da Paz por Nacións Unidas. En 2009 recibiu o Record Guinness ao autor máis traducido polo mesmo libro (O Alquimista).

Se queres saber máis sobre a vida e obra de Paulo Coelho vota unha ollada a este vídeo:

 

                          

 

ou visita esta páxina de RTVE e poderas ver unha entrevista có autor falando do seu libro Aleph: