Iniciar sesión: Acceso

O PRINCIPIÑO

  SAN SIMONIO
Ficha bibliográfica
 

 

Título: O principiño.

Título orixinal: Le petit prince.

Autor: Antoine de Saint-Exupéry.

Xénero: Narrativa/ Conto.

Editorial: Árbore / Galaxia.

 

 

Sipnose

 

Este debe ser un dos libros máis lidos no mundo ou, polo menos, dos máis coñecidos. Saint-Exupéry escribiu este conto nun hotel de Nova York, e aínda que parece ser un simple conto infantil, é moito máis que iso. Porque, para ser certo, O Principiño é unha crítica a nós, os adultos e ao noso "estúpido" xeito de ver o mundo e a vida, a cal deixa de lado a sinxeleza e a imaxinación que caracteriza os nenos.

No libro o autor, un aviador, cae co seu avión en pleno deserto do SaharaMentres trata de reparar o seu aparato, aparece un neno que lle pide que lle debuxe un cordeiro. O autor aprende tamén que este «Principiño» vén do asteroide B 612 onde deixou tres volcáns e unha rosa.

 

  

Antes de chegar á Terra, visitou outros planetas e encontrou xente curiosa: un rei, un vaidoso, un bebedor, un faroleiro e un xeógrafo...  Na Terra ten podido falar cun raposo, que lle ensinou que para coñecer é necesario «domesticar», e que iso fai as cousas e os homes únicos. «O esencial é invisible para os ollos», di. Para recuperar a súa rosa, O Principiño volve partir cara á súa casa deixándose morder por unha serpe velenosa. É demasiado lonxe e el non pode levar consigo a súa «codia». O aviador, que rematou de reparar o  seu avión deixa tamén o deserto. Esperará sempre o regre-

so do Principiño e préganos avisalo se o chegamos a encontrar. 

Cada planeta visitado polo Principiño pode ser considerado como unha alegoría da natureza humana. Aos que xa leron o Principiño unha vez, invitámolos a volver visitar eses planetas dun novo xeito.

Para saber máis sobre os personaxes e temática de O Principiño visita estas páxinas web:

 

Pequena biografía

 

Naceu o 29 de xuño de 1900  no número 8 da Rue Peyrat (hoxe Rue Alfonse Fochier), de Lyon. Foi o terceiro fillo do Conde Jean-Marie de Saint-Euxpéry e Marie Boyer de Fonscolombe, matrimonio aristocrático e empobrecido. Quedou orfo aos catro anos.

Cursou estudos nos colexios dos xesuítas, dos maristas e na Universidade de Friburgo. Non conseguiu entrar na escola Central nin na Naval. Comezou estudos de arquitectura en 1920 que abandonou cando entrou nas Forzas Aéreas Francesas en 1921.

En agosto dese mesmo ano é destinado a Marrocos onde terá o seu primeiro contacto co deserto. Rematado o seu servizo militar exerce diversos traballos en París: encargado nunha fábrica de tellas e ladrillos, vendedor de camións.... e renuncia mesmo a un matrimonio de conveniencia.

En 1923 tivo un primeiro accidente co resultado de rotura de cranio. No ano 1926 fíxose piloto comercial e traballou para unha empresa aérea. En 1927 realizou arriscadas misións de correo aéreo en África e Sudamérica. En 1934 ingresa en Air France. Como correspondente de prensa visitou Moscú e España.

Os seus dous primeiros libros, Correo do Sur (1929) e Voo nocturno (1931) caracterízanse pola evocación poética romántica da disciplina do voo. As súas obras posteriores, como Terra de homes (1939) e Piloto de guerra (1942), fan fincapé na filosofía humanista que marcou a súa vida. O seu popular libro O Principiño (1943) é unha fábula infantil para adultos dado o seu significado alegórico.

Ao estalar a II Guerra Mundial enrolouse nas unidades de recoñecemento aliadas; en 1943 incorporouse ás tropas da Francia Libre e o 31 de xullo do ano seguinte, mentres realizaba a misión de fotografar o territorio do sur de Francia en preparación para a aterraxe dos aliados, o seu avión foi abatido por outro alemán e non se volveu saber del.

Os restos do avión foron encontrados no mar no mes de abril de 2004 fronte ás costas de Marsella. Os seus cadernos de notas reunidos baixo o título de Ciudadela(1948), publicáronse postumamente.

Se queres saber máis sobre a vida e obra de Antoine de Saint-Exupéry visita estas páxinas:

 

A amizade do Principiño e o Raposo  

  

Se queres coñecer un poquiño máis o libro de O Principiño, ve estes vídeos onde se narra o esencial do conto centrándose, principalmente, na amizade entre o Principiño e o raposo.

   

      

 

 

 

10 ensinanzas De O Principiño en 10 frases

 

1. Só se ve ben co corazón, o esencial é invisible para os ollos.

 

2. Pregúntome se as estrelas se iluminan co fin de que, algún día, cada un poida encontrar a súa.

 

3. Pero se ti me domesticas, entón teremos necesidade o un do outro. Para min, ti serás único no mundo. Para ti, eu serei único no mundo...

4. Todas as persoas maiores foron ao principio nenos. (Aínda que poucas delas o recordan).

 

5. Camiñando en liña recta non pode chegar un moi lonxe.

 

6. As persoas maiores nunca son capaces de comprender as cousas por si mesmas, e é moi aburrido para os nenos ter que darlles unha e outra vez explicacións.

 

7. Unicamente os nenos saben o que buscan. Perden o tempo cunha boneca de trapo que vén a ser o máis importante para eles e se lla quitan, choran...

 

8. Os homes ocupan moi pouco lugar sobre a Terra... As persoas maiores non o cren, seguramente, pois sempre se imaxinan que ocupan moito sitio.

9. Non se debe nunca escoitar ás flores. Só se deben contemplar e ulir. A miña perfumaba o meu planeta, pero eu non era capaz de alegrarme diso.

10. E de que che serve posuír as estrelas? -Sérveme para ser rico. -E de que che serve ser rico? -Sérveme para comprar máis estrelas.