Iniciar sesión: Acceso

O HOBBIT, DE J.R.R. TOLKIEN

  SAN SIMONIO

 

"Nun burato no chan, vivía un hobbit. Non era un burato húmido, sucio, noxento, con restos de vermes e cheiro a lama, nin tampouco un burato seco, nu e areenteo, sen nada no que sentar ou que comer: era un burato-hobbit, e iso significa comodidade. 

Tiña unha porta redonda, perfecta coma un ollo de boi, pintada de verde, cunha aldraba de bronce dourada e brillante, xusto no medio. A porta daba a un recibidor cilíndrico, coma un túnel: un túnel moi cómodo, sen fume, con paredes revestidas de madeira e o chan de lousa con alfombras, provisto de cadeiras vernizadas, e moreas e moreas de perchas para chapeus e abrigos; o hobbit gustaba das visitas.

O túnel estendíase coma unha cobra, e afundíase bastante, mais non directamente, na aba do outeiro -o Outeiro, como lle chamaba toda a xente de moitas millas arredor-, nel abríanse moitas portiñas redondas, primeiro nun lado e logo no outro. nada de subir escaleiras para o hobbit. dormitorios, cuartos de baño, adegas, despensas (moitas), armarios (cuartos enteiros dedicados a roupa), cociñas, comedores, todo se atopaba no mesmo andar, e certamente, no mesmo corredor. Os mellores cuartos quedaban todos á man esquerda (segundo se entra) xa que eran os únicos que tiñan fiestras, xanelas redondas fondamente escavadas, que daban ao xardín e aos prados de alén, baixando cara ao río.

Este hobbit era un hobbit acomodado, e apelidábase Bolsón. Os Bolsón levaban vivindo na veciñanza do Outeiro desde había moitísimo tempo, e a xente considerábaos moi respectables, non só porque a maioría deles eran ricos, senón tamén porque nunca tiveran ningunha aventura nin facían cousas inesperadas: podíase saber o que diría un Bolsón sobre calquera asunto sen necesidade de preguntarllo. Esta é a historia de como un Bolsón se atopou a si mesmo facendo e dicindo cousas absolutamente inesperadas. Poida que perdese o respecto da veciñanza, mais gañou... ben, xa vereddes se ao final gañou algo..."

 

Así comeza a nosa próxima lectura, O Hobbit de J.R.R. Tolkien. Desta maneira explicaba Tolkien a orixe de O Hobbit, que escribiu por partes desde finais dos anos 20 ata principios dos anos 30: "Estaba a corrixir exames en Oxford e, de socato, nun folio en branco que un alumno me deixou, comecei a escribir: "Nun burato, no chan, vivía un hobbit". O que era un conto escrito para entreter os seus fillos, acabou nas mans de C.S. Lewis, o coñecido escritor de Las Crónicas de Narnia, que mesmo escribiu un par de recensións anónimas no xornal Times, eloxiando o seu amigo : "O Hobbit, -escribiu- resultará moi gracioso aos lectores máis pequenos, e só anos máis tarde, despois dunha décima ou vixésima lectura, empezarán a decatarse do destro coñecemento e profunda reflexión que foron necesarios para que todo nel parecese tan maduro, tan amigable e, a seu modo, ten veraz".

Tolkien levaba xa dez anos traballando en El Silmarillion, obra aínda inacabada, e que serviu de inspiración para O Hobbit, así como en contos e relatos motolóxicos aos que era afeccionado. Con todos estes elementos, Tolkien creou a Terra Media e os seres -hobbits, ananos, elfos, orcos, etc.- que alí habitan.

Esta novela tivo múltiples lecturas ao longo da historia. Houbo que a presentou como unha metáfora da Segunda Guerra Mundial, o que Tolkien non tardou en desmentir. O que si que é certo, é que é considerada unha novela de desenvolvemento persoal, de busca da madureza. O Hobbit reflicte os arquetipos míticos de iniciación, xa que nos encontramos ante un heroe (Bilbo) que regresaría do inframundo (a montaña de Smaug) cun premio no seu poder. Outros temas que Tolkien reflectiu foron a superación da cobiza e do egoísmo, encarnados nos ananos. No que todos os críticos se poñen de acordo, é que nesta novela se encontran presentes os grandes temas da literatura de Tolkien: o poder, a cobiza, a guerra e a morte.

Tolkien obtivo tan boas críticas con O Hobbit, que iniciou outra novela ambientada na Terra Media. Recuperando a historia do anel que Bilbo lle arrebata a gollum, Tolkien redactou, nun ton moito menos amigable e lixeiro, O Señor dos Aneis, a que sería a súa obra cumio

E, por fin! estreouse este mes de decembro a esperaa adaptación de Peter Jakson da novela de Tolkien. O director que nos deleitou coa súa memorable adaptación de O Señor dos Aneis, volve á Terra Media para contarnos unha historia, a priorí, moito máis sinxela, pero cuxa realización resultou máis custosa do esperado. Aquí déixovos o tráiler da película:

 

 

E tamén unha páxina moi interesante e entretida de elmundo.es onde encontraredes: entrevistas, descrición dos personaxes, xogos, mapas...