Historia da comarca

Historia da comarca

HISTORIA DA COMARCA DE QUIROGA

   

O topónimo Quiroga deriva de queiruga, nome do brezo común moi abundante nesta zona.

O poboamento nesta comarca está constatado desde épocas prehistóricas como evidencia o posible hábitat rupestre da Cova do Oso ( Moreda, Caurel), os restos megalíticos de Quintá de Lor e Vilar de Lor (Quiroga), as medorras de Alvaredos e Anguieiros (Quiroga), os machados de talón de bronce atopados en Carballo de Hospital ( Quiroga) e os asentamentos de tipo castrexo, moi abundantes ( Esperante, a Torre ou Vilar en Caurel, Centeais, Bendilló ou Ares en Quiroga, Pousanova en Ribas do Sil). A maior parte deles vinculados á defensa das rutas polas que se movía o ouro procedente das explotacións feitas polos romanos e situadas nas cuncas dos ríos Sil, Lor, Soldón e Quiroga.

Túnel de Montefurado
 
Médulas A extracción do mineral realizábase polo método "ruina montium ", perceptible na medula de Montefurado, onde tamén se perferou o monte para desviar o curso do río polo túnel e crear un lavadoiro de mineral xigantesco, e nas dúas grandes minas a ceo aberto de Torubio Oeste e de A Toca situadas en Caurel, onde ademais se atoparon dúas interesantes pezas no Monte Cido (unha aguia de bronce e unha táboa de hospitalidade

A seguinte referencia histórica que atopamos sobre Quiroga remóntase os tempos da implantación do cristianismo, da cal queda constancia pola achádeo do "crismón" da Ermida, peza única datada a finais do século IV ou principios do século V; podería estar relacionada coa existencia na zona dunha basílica ou un mausoleo paleocristián.

Xa de plena Idade Media consérvanse a capela de San Xoán en Hospital (Quiroga), as igrexas románicas de Torbeo e San Clodio ( Ribas do Sil) ou o Castelo de Carbedo.

Dende o S.XIII ata o S.XIX a historia de gran parte da comarca aparece vinculada a Orde de San Xoán de Xerusalén, tamén coñecida como os Hospitalarios ou Orde de Malta que situou nesta terra a cabeza dunha das sete encomendas que tiña repartidas por Galicia, coa misión de protexela vía do camiño de inverno que cruzaba estas terras partindo de Vega de Valcarce.

O núcleo de Hospital, coa Igrexa de San Salvador, e as ruinas do Castelo de Torre Novaes enclavado nun promontorio rochoso sobre o río Sil e a cruz de Malta gravada sobre a porta, recordan esa presenza.

Abside
Cruz

Sábese que a encomenda tivo amplas posesións que chegaban a Vilafranca do Bierzo, O Bolo, Trives, Allariz e o Incio, nas que exercía xurisdición civil e criminal, nomeaba aos eclesiásticos das parroquias e cobraba tódalas rendas que lle correspondían. Baixo a súa tutela realizáronse moitas obras relixiosas ( igrexas parroquiais, retablos, imaxes,...) e desenvolveuse a industria do ferro ( ferrerías de Rugando, Bustelo, Quintá, O Mazo, Roxa longa, Gorgueira, Seoane, ...) que acadou gran pulo no S.XVIII e decaeu coa instalación dos Altos Fornos de Biscaia.

Escapaban ao control da encomenda as terras de Ribas do Sil e Caurel, excepto o coto de A seara, vinculadas ao mosteiro de Samos.

En 1837 fóronlle expropiados todos os bens a orde pola lei de Desamortización. A partir dese momento, fóra das rutas e circuítos comerciais, a comarca quedou sumida nun impas económico e a única saída foi a emigración, moi intensa a finais do S.XIX, principios do XX e década dos 60, que cos cartos que mandaba axudou a mantelas economías familiares e financiala compra das terras. Xa no último cuarto do S.XX a vida na comarca está marcada pola apertura da N-120, o retorno de emigrantes que montaron negocios, a apertura das canteiras, o desenvolvemento dos servizos e certa especialización agraria ( sector vitícola).

Distribuir contido