Comarca

Comarca de Quiroga

A COMARCA DE QUIROGA

A comarca de Quiroga, integrada polos concellos de Folgoso de Caurel,Quiroga e Ribas de Sil, localízase no sueste da provincia de Lugo, limitando ó norte coas terras do Cebreiro, ó sur coa comarca de Trives, na provincia de Ourense, ó leste coa provincia de León e a comarca ourensá de Valdeorras e ó oeste coas terras de Lemos. Ten unha superficie de 578 km2, dos que máis da metade corresponden o concello de Quiroga, repartidos en 37 parroquias.

As capitais dos concellos de Quiroga e Ribas do Sil sitúanse no fondo do val do río Sil, entre os 245 e os 270 metros sobre o nivel do mar, mentres que a de Folgoso de Caurel está nun rechán situado a media ladeira, entre os 560 e os 620 metros.

Val de Quiroga

 

RASGOS FÍSICOS

O relevo da comarca, situada dentro das Serras Orientais de Galicia, é montañoso e escarpado; presenta fortes desniveis entre os cumes das serras, algunhas con picos por riba dos 1500 metros, e os fondos dos vales labrados polo río Sil e os seus afluentes, nalgúns tramos fortemente encaixados. Ademais presenta dúas zonas contrastadas: as altas serras do Caurel e as estribacións das de Trives ó norte e sur da comarca respectivamente e a zona central do val do Sil, que se abre amplamente ó paso por Quiroga.

Serra do Courel A Serra do Caurel é a estrutura do relevo principal dentro da comarca, situada no extremo nordeste con dirección NE-SO. As cotas máximas son o Pia Páxaro (1.610 m.) e o alto de Formigueiros (1.639m.).Nesta serra destaca pola súa singularidade a estrutura pregada de Campodola-Leixazós: un dos maiores "monumentos" xeolóxicos da Península.
Polo leste a Serra dos Cabalos, que ten no pico de Montouto ( 1.541 m.) a maior altura, e a Serra de Cereixido delimitan a comarca.
Polo sur fano a Serra da Enciñeira con menos altura, pero con fortes pendentes na vertente do Bibei,e a Serra da Moá e o Alto do Cerengo que rexistra a maior altitude ( 1.286 m.)
A Montaña do Lor e a Serra da Trapa, polo oeste, van decrecendo suavemente en altura dende a Cruz da Lastra con máis de 1000 m. ata o Río Sil. E polo norte os montes de Lóuzara( altitude máxima 1.494 m.) e a Serra da Escrita (1.453 m.) forman os límites naturais.

O clima desta zona enmarcase dentro da tipoloxía oceánica, pero a configuración do relevo introduce matices que dan lugar a dúas variantes:

Un oceánico de montaña no sector norte ( Serra do Caurel) con temperaturas máis baixas todo o ano ( invernos fríos e veráns suaves) e precipitacións máis abundantes ( 1.200 mm).

Un oceánico con rasgos mediterráneos no Val do Sil con temperaturas contrastadas (invernos fríos e veráns moi calorosos) e precipitacións escasas ( menos de 900 mm) que ocasionan un déficit hídrico estival que converte a Quiroga nunha das zonas máis secas de Galicia. Estas características lle confiren categoría de microclima.

A rede hidrográfica está perfectamente xerarquizada.O río Sil, que atravesa a comarca en sentido leste-oeste percorrendo 34 Km., é a arteria principal e recolle as augas dos seus afluentes:o Bibei, pola marxe esquerda, ten pouca presenza na comarca e o Soldón, o Quiroga e o Lor desembocan pola dereita con cursos case paralelos en sentido NE-SO . A excepción do Sil, son ríos curtos e todos caudalosos, de réxime pluvio-nival.

A importancia destes ríos na comarca é capital: facilitan as comunicacións, potencian as actividades de ocio e proporcionan enerxía hidroeléctrica.

Río Sil

Dvesa da Rogueira

A vexetación reflicte as peculiaridades climáticas e do relevo, ofrecendo un escalonamento altitudinal. Aparecen especies arbóreas propias da flora eurosiberiana como o carballo, o rebolo ou a faia nas áreas montañosas, da flora mediterránea como a aciñeira ou a sobreira no val, mentres que nas áreas de ribeira dominan o amieiro, o bidueiro, a avelaira e o freixo. O matorral varía tamén dende os piornos e as xestas das zonas máis altas, as queirugas, as uces e os érbedos das medias e as aromáticas como a xara, o ourego, o tomiño ou o romeu no fondo do val.

Mención especial merece a Devesa da Rogueira, situada na Serra do Caurel, declarada Espazo Natural Protexido por selo faial máis occidental de Europa, ademais de albergar moitas outras especies vexetais ( rebolos, carballos, carrascas, teixos, acivros, ...) que a converten na reserva botánica de Galicia.

RASGOS SOCIOECONÓMICOS

A poboación da comarca de Quiroga amosa unhas características similares á do resto da Galicia interior:

  • Perda de efectivos desde principios do século XX ata a actualidade: de 19.071 habitantes en 1900 a 6.800 en 2005.
  • Envellecemento da poboación:o 35% dos habitantes superan os 65 anos.
  • Crecemento natural negativo: o reducido número de nacementos non compensa a mortalidade.

Evolución e distribución da poboación por concellos no século XX:

Concello 1900 1920 1940 1960 1980 2000 ////// 2005

Quiroga

8.889 8.530 8.380 7.115 5.037 4.342 ////// 4.144

Folgoso de Caurel

6.413 6.156 5.891 4.634 2.191 1.593 ////// 1.346

Ribas do Sil

3.769 3.769 3.838 2.992 1.611 1.463 ////// 1.310

Total comarca

19.071 18.455 18.109 14.741 8.839 7.398 ////// 6.800
A poboación, segundo os últimos datos, é de 6.800 habitantes, resultando unha densidade media de 11´8 hab./ Km2, netamente inferior á media provincial ( 36´60 h./Km2) e moito máis baixa ca media galega (92´90 h/Km2). As zonas de maior concentración son aquelas situadas a menor altitude e mellor comunicadas, especialmente nas capitais dos concellos( no caso de Ribas de Sil, San Clodio posúe o 70 % do total municipal). Pola contra, moitos lugares e aldeas quedaron abandonados como consecuencia do éxodo rural dos anos 60 e principios dos 70.
Por sectores económicos destacan as actividades agrarias centradas na gando vacún e na explotación forestal (madeira, castañas) nas zonas de montaña e nos cultivos do viñedo, oliveira, froiteiras e hortas no val. Estas producións son con frecuencia para autoconsumo e como complemento da renda familiar principal procedente das actividades no sector da lousa ou da construción, industrias máis significativas da comarca a nivel de emprego, xa que as centrais hidroeléctricas xeran pouca ocupación. Tamén os servizos experimentaron certo desenvolvemento nos últimos anos polo aumento de emprego nas administracións locais, pequeno comercio, residencia xeriátrica, .... É significativo neste aspecto o papel da vila de Quiroga como lugar central ou cabeceira de comarca onde se atopan os principais servizos: maior parte das entidades financeiras, único centro de ensino medio, centro de urxencias sanitarias, ...; ó que se engade a celebración das feiras dos días 10 e 27 de cada mes que actúan como mercados de influencia comarcal. Nos últimos anos introduciuse a actividade do turismo rural, incentivado polo programa Leader da U.E.
Distribuir contido