Skip to Content

Taboleiro

Actualización da normativa de avaliación

Publicouse no DOG de hoxe a Orde do 25 de xaneiro de 2022, pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia.

Nesta Orde desenvólvense os cambios que establece a Lei orgánica 3/2020 (LOMLOE) para levar a cabo os procedementos de avaliación, promoción e titulación. Trátase, por tanto, dun texto de gran relevancia que deberá ser estudado minuciosamente polos órganos de coordinación docente do centro para garantir a súa correcta aplicación.

A continuación ofrecemos varios documentos nos que as familias poden acceder a un resumo dos cambios que trae a nova normativa [elaboramos un documento por cada unha das etapas afectadas]. Tamén poderán consultar unha versión actualizada do calendario escolar, xa que houbo que reformular algunhas das avaliacións do mes de xuño.

Tarxeta Xente Nova

As empresas adxudicatarias do transporte escolar do noso centro comunican que o alumnado de ensinanzas non obrigatorias que faga uso dese servizo deberá solicitar a tarxeta Xente Nova para poder viaxar gratis. Esta tarxeta será expedida por Abanca.

Máis información nesta ligazón.

Elena Colmeiro

A comunidade educativa do IES Pintor Colmeiro lamenta fondamente o pasamento de Elena Colmeiro, persoa moi querida tanto pola súa vinculación afectiva como polo seu labor artístico na destacada faceta de ceramista. Elena estivo moi vencellada á historia do noso centro de ensino dende os albores do mesmo. A súa presencia en diversas ocasións, caso do acto de nomeamento do instituto co nome do seu pai ou a inauguración da pirámide central, sempre foi relevante e significativa, aínda a pesar da súa delicada saúde e a súa lonxana residencia madrileña. Asemade, e como mostra da súa gran xenerosidade, costeou iniciativas como a instalación dun forno profesional de cerámica, doando a maiores dúas obras orixinais do seu pai Manuel Colmeiro.

A fotografía foi tomada en xaneiro de 2002 e recolle un dos momentos do acto no que se oficializou a doazón ao noso centro de dúas obras do pintor Manuel Colmeiro. De dereita a esquerda: Elena Colmeiro, Mª Teresa Pérez Tilve (directora) e Emilia González (viúva do pintor).

O IES Pintor Colmeiro, premiado por un proxecto de innovación educativa

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro acaba de gañar un Premio de Innovación Educativa cun proxecto sobre o consumo responsable, organizado polo Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade [ver publicación no DOG].

O traballo foi realizado polo alumnado de Tecnoloxía e de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato do curso 2019/20, baixo a coordinación do docente Pablo Eiras.

A idea foi analizar a etiquetaxe de diferentes produtos de uso cotiá e fixarse en diferentes aspectos das mesmas que pasan desapercibidos, así como a darlle significado a outros. 

No traballo realizado, que ten formato de aplicación para o móbil, estudáronse diferentes tipos de etiquetas: téxtiles, tecnolóxicas, medioambientais, alimentos frescos, videoxogos, relacionadas coa orixe, etc. Así, por exemplo nas téxtiles, reciclaxe e videoxogos indícase o que significan eses símbolos que vemos habitualmente, pero que con frecuencia non sabemos moi ben o seu significado.

En alimentos frescos prestouse atención á etiquetaxe de ovos, pan galego, aceite de oliva, orixes protexidas, etc, vendo que hai bastante diversidade de produtos, e que ao mellor non estamos comprando o que pensabamos.

Nas tecnolóxicas prestouse atención á etiquetaxe de diferentes produtos; por exemplo, no apartado de pneumáticos, interpretando o que significan as letras que figuran nas etiquetas transformándoas en unidades reais, entendibles polos consumidores, como son a distancia de freado ou litros de combustible aforrados.  Así tamén no apartado de electrodomésticos, onde se fai a interpretación das letras e consumos que figuran na etiqueta, mesmo incorporando un link a un excel que che permite calcular e comparar o aforro que supón a compra dun electrodoméstico ou outro, simplemente introducindo os valores que figuran na etiqueta. 

O traballo pódese ver, en formato para o móbil, na seguinte ligazón: https://deluxe.123freeapps.com/5e37fed0789ab

Distribuir contido


by Dr. Radut