Na mañá do día 1 de xuño o alumnado de 3.º ESO A, D e PDC do IES Ramón Menéndez Pidal recibiu a visita do alumnado de 3.º do IES Ferrol Vello dentro do plan proxecta de innovación lingüística "Conexión ártabra" que docentes e alumnado de ambos os centros están a desenvolver durante este curso. O alumnado visitante desfrutou do roteiro preparado polo noso alumnado e, despois, realizaron conxuntamente unha xincana pola cidade vella.
O Meco, xunta co alumnado de 3.º da ESO, fannos chegar os seus mandados para dar inicio a este Entroido 2023.
Celebramos este día das nosas letras con diversas actividades. Unha, xincana polo instituto para coñecer máis a Florencio Delgado Gurriarán, murais e traballos sobre o autor realizados por 1.° e 2.° da ESO, e expostos coa colaboración de 3.°B da ESO, e xogos sobre os libros que se leron este ano e sobre as persoas ás que se lles dedicou o Día das Letras Galegas. Ademais, contamos coas visitas de Estíbaliz Espinosa e de Laura Romero.
ROTEIRO POLA CORUÑA:
O alumnado de 3.° de ESO do IES Ramón Menéndez Pidal comezou o día 22 a celebración do Día de Rosalía cun roteiro que percorría os principais puntos de conexión entre a autora, a súa obra e a cidade da Coruña. A organización do roteiro correu a cargo da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e por parte do centro contou coa colaboración dos departamentos de Inglés, Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia. O alumnado desfrutou dun paseo desde o noso centro até o Parrote acompañado do recitado de poemas, da caracterización do século XIX e dos retos propostos pola guía, Carmela Gallego.
VERSOS DE ROSALÍA:
No Día de Rosalía, grazas a Manchea - Imprenta + Artefactos manchea e á Asociación Cultural Alexandre Bóveda, puidemos ver en directo unha imprenta tradicional e sacar os versos de Rosalía de Castro á rúa. O alumnado de 3.° de ESO puido experimentar coa imprenta, ver os tipos, apreciar a arte da composición e levar para a casa un fermoso marcapáxinas cun fragmento da obra de Rosalía de Castro.
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer