INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS.

Enviado por admin o Lun, 14/09/2020 - 12:28

 

Estimadas familias,

En breve comeza un curso atípico e comprendemos que son moitas as dúbidas que tedes en relación a como se vai desenvolver. Dende o mes xullo, estamos traballando e preparando o centro para convertelo nun entorno o máis seguro posible para todos. Como sabedes, a situación e as instrucións da Consellería son cambiantes, o cal non facilita a organización deste curso escolar. A previsión  do mes de xullo viuse completamente alterada polas instrucións recibidas a comezos do mes de setembro. O adiamento do comezo das clases é unha decisión completamente allea a nós.

A dirección do IES Illa de Ons quere deixar claro que estamos traballando para que o alumnado poida ter as súas clases presenciais nas mellores condicións. A parte da organización de aulas e espazos, solicitamos un profesor a maiores, aínda pendente de confirmación. Sen esta confirmación é imposible elaborar un horario e polo tanto, comezar as clases.

As medidas preventivas que deseñamos son as seguintes:

    • Distancia de seguridade: os pupitres están separados por unha distancia de 1,5 metros ( tal e como se indica nas instrucións recibidas  en setembro, distintas as que viñan ditaminadas anteriormente). Esta distancia deberá manterse en todas as instalacións do centro. Para garantir que todos os grupos se axusten a esta medida, tivemos que reconverter aulas específicas en aulas de clase normal (aula de plástica, salón de actos etc...).


    • Extremar a hixiene de mans: o alumnado lavará as mans con frecuencia. Na entrada do instituto hai dúas “torres” con dispensador de hidroxel. Ademais, todas as aulas contan con dispensadores de hidroxel e panos de papel.  

• Respectar aforos: en todas as dependencias do centro están sinalados os aforos permitidos. O alumnado deberá respectar estes aforos e esperar quenda.   

  • Hixiene e desinfección das instalacións: intensificouse o servizo de limpeza, incorporando persoal no servizo da mañá.


    • Toma de temperatura: o alumnado deberá tomarse a temperatura antes de acudir ó centro.En caso de presentar febre (≥37,5ºC) ou outros síntomas compatibles coa Covid19, o alumnado non poderá acudir e a familia deberá informar por teléfono da súa ausencia (poremos á disposición das familias unha “enquisa de autoavaliación clínica do Covid” para poder indentificar os síntomas).


    • Uso obrigatorio da máscara: todo o alumnado e persoal do centro deberá utilizar unha máscara cirúrxica desbotable, re-utilizable ou hixiénica e tela colocada de forma correcta durante toda a xornada escolar e en cualquer dependencia do centro (interior ou exterior). O alumnado debe traer unha máscara de reposto.

Outras medidas organizativas:

 -Unidades de convivencia: o alumnado permanecerá nas aulas de referencia en todas as materias comúns ó grupo. Evitarase na medida do posible os desprazamentos e cambios de aula. Ademais, explicarase ó alumnado qué zonas poden utilizar dacordo á unidade de convivencia á que pertencen. Todos os corredores e dependencias estarán debidamente sinalizados para facilitar os desprazamentos e accesos.


    -Accesos ó centro e horarios: cada unidade de convivencia utilizará portas de acceso diferentes para evitar aglomeracións. O alumnado de 1 e 2º ESO accederá pola porta principal, o alumnado de 3º e 4º ESO accederá o recinto pero serán desviados a un corredor lateral que conduce á porta traseira. O día da presentación explicaráselles todas as instrucións con respecto ó protocolo.


    -Recreos: habilitáronse dous espazos para o recreo. Transformouse o aparcamento do profesorado para poder crear un segundo patio. O alumnado poderá utilizar exclusivamente a zona de patio acoutada para a súa unidade de convivencia e os aseos correspondentes.


    -Titorías: mentres dure esta situación epidemiolóxica as reunións e entrevistas co profesorado realizaránse con carácter xeral a través de comunicación telefónica ou videochamada. Agás, a primeira reunión dos titores coas familias que consideramos esencial e que polo tanto faremos de forma presencial.


    -Trámites coa administración ou entrevista cos membros do equipo directivo: será necesario ter cita previa para realizar calquer trámite de forma presencial.

Datas de inicio de curso.
Segundo a consellería os días de comezo son:
    -mércores 23 de setembro: 1º e 2º ESO
    -xoves 24 de setembro: 3º ESO
    -venres 25 de setembro: 4º ESO
O horario de estes tres días está sen determinar. En canto teñamos esa información, publicarémola na páxina web do noso instituto.

O equipo directivo do IES Illa de Ons é consciente de que estes cambios de última hora poden xerar problemas ás familias.Cómpre destacar que son decisións alleas ó centro e determinadas por cambios continuos dende a Consellería.

Atentamente,

A dirección.

( categories: )