O Mobile Goat, un minibarco procedente de Terranova e equipado cun GPS varou na costa de Morás e foi recollido por un grupo de rapaces da comisión de festas. Este barco forma parte xunto con outros, dun proxecto educativo que comezou en Estados Unidos, chamado "Educational Passages". Este proxecto, pretende poñer en contacto escolas de todo o mundo para compartir experiencias culturais internacionais e adquirir coñecementos de navegación e medioambiente.
Por iso, estes rapaces se puxeron en contacto co noso centro educativo a través da técnico de turismo do Concello de Xove e onte o grupo de alumnos/as de 2º de ESO recibiron o barco no IES Illa de Sarón.
A casualidade, fixo que o Illa de Sarón conte cun ciclo superior de Moldeo de metais e polímeros, por tanto o alumnado do ciclo poderán encargarse da reparación dos danos causados durante a travesía no casco do minibarco, e buscaremos tamén a forma de repoñer a vela.
O alumnado de 2º de ESO, serán os encargados de "customizar" o casco con imaxes e frases representativas do noso centro e do Concello de Xove. O barco, conta cun compartimento interior no que o alumnado quere introducir información dixitalizada e incluso algún obxecto de recordo.
Unha vez rematada a reparación, botaremos o barco de novo ó mar e seguirémolo a través da páxina web do proxecto, ata o seguinte destino.