Skip to Content

Comunicado do claustro

O claustro do profesorado e persoal de Administración e servizos do IES Illa de Sarón de Xove queren, en primeiro lugar, agradecer a todos aqueles pais, nais, compañeiros... que nestes días, un tanto “convulsos” debido ás consecuencias dos acontecementos vividos, se interesaron por nós e nos mostraron toda a súa confianza e apoio, grazas de verdade.

Por outra banda, e sendo o obxectivo primordial deste comunicado, queremos e necesitamos manifestar unha mensaxe de confianza ás familias dicindo que neste centro sempre mantivemos un respecto profundo a toda a normativa, e en especial pola reguladora das medidas Covid. Para desenvolver todas as medidas estipuladas traballamos moito pero cumprimos estritamente e fixemos que se cumpriran tanto as medidas organizativas como as de hixiene establecidas. Pensamos que o conseguimos polo que non entendemos cal é a finalidade da chamada da Admón. educativa dicindo que debemos desconxestionar os taboleiros das aulas. Parece ser que o centro estaba “empapelado”, sobre todo con carteis anunciadores dunha folga para o alumnado; isto non é así, nos taboleiros das aulas e do centro colocamos os carteis que nos consideramos de importancia para todos/as (en cada aula había un cartel anunciador da folga tamaño A5), así o decidimos e responsabilizámonos de colocar a cartelería e eliminala cando é necesario para que non se incorra en accións de limpeza, e así recargar a este persoal.

Se nalgún momento algún/ha pai/ nai, titor/a ten algunha queixa ou dúbida respecto á nosa forma de proceder queremos que no lo fagan saber achegándose ao centro, chamándonos… nunca nos negamos a recibir a ninguén, moitas veces fóra do noso horario e seguiremos cumprindo. Consideramos innecesario acceder a instancias superiores para comunicar algo que o podemos resolver no centro, simplemente falando, estas accións unicamente serven para enrarecer o ambiente e xerar desconfianza e non queremos nin merecemos iso, os rapaces e rapazas de Xove, tampouco.

Estimamos que a Administración Educativa debe indicarnos que facemos con toda aquela cartelería que nos chega ao centro procedente da Administración, do Concello de Xove e doutras institucións para entregar ao alumnado, debemos de entregárllela, tirala ao contedor do lixo, mandala de volta, pasarlla á Admón... non sabemos moi ben que facer despois de todo isto. Antes, cando chegaba información procedente, coma neste caso do Sindicato de Estudantes ou doutra entidade, faciámola chegar aos representantes do alumnado porque é ao alumnado a quen vai dirixida e así o temos establecido nas normas de funcionamento. En ningún momento emitimos ningún tipo de información nin coaccionamos a ningúen para apoiar ou non apoiar unha folga. Diso ninguén nos pode acusar.

No noso ánimo está o desenvolvemento do espírito crítico, a liberdade de expresión, análise crítica da información e outros obxectivos máis que lles permitan ao noso alumnado entender e participar na sociedade en que vivimos, censurar a información e que teña que presentarse un axente do orde no noso centro para facer fotos dun cartel non é propio da formación en democracia nin para convivir nunha sociedade democrática.

Só pedimos que nos deixen traballar en paz e con tranquilidade, que non nos chamen innecesariamente de altas instancias e que cando os axentes das Forzas de Seguridade visiten o centro que o fagan con cita previa ou coa orde pertinente. Que estes acontecementos non se repitan nunca máis nin aquí nin en ningún outro centro.

En Xove, a 16 de marzo de 2021

O Claustro de profesores/as e Persoal de Admón e Servizos do IES Illa de Sarón

AdxuntoTamaño
Comunicado do Claustro do profesorado.pdf94.71 KB


page | by Dr. Radut