Taboleiro de secretaría

Charla con Francisco Castro e obradoiro Olloboi

Onte (16 de xaneiro) tivemos con nós a Francisco Castro, que veu falar co alumnado de 3ºESO e 2ºBAC, respondéndolles así diferentes cuestión do libro de lectura deste trimestre.

Ademais, grazas ao premio recibido no Festival audiovisual escolar OLLOBOI, o alumnado participante (club de lectura e axudantes da biblioteca do IES Breamo) tivo a sorte de participar nun taller creativo esta tarde do martes, na biblioteca do centro.

PROGRAMA YAM

O IES Breamo foi seleccionado para participar na posta en funcionamento do programa de prevención do suicidio Youth Aware of Mental Health (YAM). Neste curso participamos co alumnado de 3º de ESO como grupo de control.

REUNIÓN INFORMATIVA PARA AS FAMILIAS DO ALUMNADO DE 3º ESO NO CENTRO EDUCATIVO: MARTES, 16/01/2024, ÁS 18:00 HORAS.

Máis información: YAM - Consellería de Sanidade (sergas.es)

O IES BREAMO AGRADECE A COLABORACIÓN DE LEITE CELTA, TORRE DE NUÑEZ, ACEITES ABRIL, PAZO DE CORUXO, POUSADA MG, ORBALLO, CASA DA AVÓA, MERCADO DA TERRA, ULTRAMARINOS O RÁPIDO, COOPERATIVA CAPELA, MARUXAS DE NATA, ACERO Y PLOMO E RIQUÍSIMO.

 

A colaboración das empresas citadas permitiu que se repartiran catro premios entre o alumnado dos catro centros participantes. 

Nesta tempada festiva, o Departamento de Inglés do IES Breamo organizou un concurso de xerseis de nadal reciclados, o First Breamo Xmas Jumper Contest que buscou fomentar a creatividade, a conciencia ambiental e o espírito do Nadal nun só proxecto. Ademáis do IES Breamo participaron o IES Canido, e dous centros madrileños: o IES Branca Fernández Ochoa e o IES La Serna.

O obxectivo deste concurso foi promover a reciclaxe, a reutilización de materiais e o

consumo responsable, xa que nun mundo dominado pola moda rápida, é vital lembrar a importancia de considerar o impacto ambiental e social das nosas eleccións de roupa.

Coa a creación de xerseis do Nadal únicos e orixinais, os participantes ademais de divertirse achegaron o seu grao de area a un consumo consciente e á preservación do medio ambiente, mesmo en épocas festivas. Utilizando materiais de refugallo da súa contorna (tapóns de botellas, ramas, pezas de roupa antigas, flores, follas, bolsas de papel e de plástico, cunchas, cartóns de leite, botóns ou cápsulas de café), xunto coa súa creatividade e imaxinación, deseñaron e crearon xerseis orixinais e enxeñosos. 

ROTEIRO POLO PONTEDEUME MEDIEVAL E XOGOS ENTRE XERACIÓNS NO CENTRO DE DÍA

 Onte, o alumnado de 3ºESO fixo un roteiro polo Pontedeume medieval. Foron quen de “tocar” a historia e achegarse desde un punto de vista máis práctico á teoría estudada na aula.

Pola súa banda, o alumnado de bacharelato achegouse ao centro de maiores de Pontedeume, para poder compartir diferentes xogos e dinámicas entre ambas xeracións. Pensamos que o estudantado pode ter desta forma acceso a outros puntos de vista e que a retroalimentación foi moi positiva.

XOGOS COOPERATIVOS, TEATRO E APÚNTATE A NON BEBER

Este luns, o alumnado de 3ºESO e 1ºESO realizou xogos cooperativos dentro do marco do programa titor-axudante, unha iniciativa que pretende fomentar a comunicación do alumnado novo co resto, así como a súa integración no centro. 

Dúas compañías teatrais de 2ºESO competiron en clase de Lingua facendo diferentes representacións a partir dun mesmo texto: A condena, que é un fragmento de Bala perdida. Esta competición acabou sendo un traballo colaborativo, que tanto o resto do alumnado como os pais e nais que puideron achegarse, tivemos a sorte de desfrutar.

Ademais, o alumnado de 2ºESO  “apuntouse a non beber” mediante unhas charlas de concienciación sobre o consumo de bebidas alcohólicas, incluídas no programa Plan proxecta que se está a desenvolver no centro.

 

 

25N

O IES BREAMO uniuse esta semana  á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro. Baixo a firme convicción de que a educación é un pilar fundamental para erradicar a violencia de xénero, os nosos/as estudantes participaron en diversas actividades que buscaban sensibilizar, informar e promover a igualdade e o respecto:

Ao longo da semana, os corredores e aulas enchéronse de cor e mensaxes poderosas. Os estudantes, comprometidos/as coa causa, crearon carteis que transmiten diferentes mensaxes: "Nin unha menos" e "Basta de violencia"... Posteriormente, o pasado venres estivemos no Concello co alumnado de 1ºESO, que leu o manifesto.

A creatividade do noso alumnado fíxose evidente na entrada do instituto, pero houbo tamén charlas e debates para o alumnado de 2ºESO, que brindaron ao alumnado un espazo seguro para expresar as súas opinións e aprender máis sobre a importancia da equidade de xénero. 

Ademais, realizaron actividades prácticas que fomentaron a empatía e o traballo en equipo: o alumnado participou en dinámicas que promovían o diálogo, a comprensión mutua e o respecto, da man de Euroeume, que se achegou ao noso centro co seu punto violeta-arcoíris. Alí fixeron tamén un concurso de chapas, con 1º, 2º e 3º premio entre o alumnado de 1ºESO. 

Cremos firmemente que a educación é unha ferramenta poderosa para construír unha sociedade libre de violencia de xénero. O compromiso e a participación activa dos nosos/as estudantes demostran que están dispostos a ser axentes de cambio.

LIDIA CHAPEL FERNÁNDEZ, PREMIO EXTRAORDINARIO DE SECUNDARIA OBRIGATORIA AO RENDEMENTO ACADÉMICO

   Lidia, tras realizar un exame específico, logra un dos 20 premios concedidos pola Consellería de Educación e ós que se podía presentar aquel alumnado que cursase cuarto de ESO en Galicia e que obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos. 

   Felicitada polo alumnado e profesorado do centro, comentaba a súa receita: “a organización do estudo e aproveitar o tempo en clase para levar o traballo académico ao día”.  “Isto permite tamén ter tempo para todo: estar coa familia e amigos e gozar de afeccións como a lectura e viaxar”.

   Lidia que deu neste curso o salto a bacharelato na modalidade de ciencias, seguirá a traballar con enerxía para motivarse, aprender e obter bos resultados que lle permitan matricularse dentro de dous anos na Facultade de Física. “Desde pequena sinto algo moi especial polo universo, e gustaríame dedicarme á investigación en temas relacionados coa astrofísica”.

Parabéns para Lidia!

 

MUNCYT, DOMUS, ESCALADA E SEDRA (13 ao 16 de nov)

Esta semana tivemos varias actividades no IES: 

Por unha banda, aquelas que se encadran nas actividades deportivas do centro, que neste caso foron escalada, en diferentes itinerarios para 3º e 4ºESO. Pola outra, as actividades tecnolóxicas, así como as que atinxen aos departamentos de Bioloxía e Física e Química, pois o alumnado de 4ºESO tivo a oportunidade de visitar o MUNCYT e o alumnado de 3ºESO realizou unha visita á DOMUS e á Casa das Ciencias.

Ademais, esta semana rematamos as charlas de educación sexual de SEDRA, que xa empezaramos as pasadas semanas.

 

TITORAXUDANTE

Como estratexia de mellora da convivencia no centro, iniciamos o programa de titorización entre iguais baixo o nome TitorAxudante.

Neste curso o alumnado de 3° da ESO titorizará ao alumnado que comezou estudos de 1º ESO co obxectivo de crear un clima de convivencia axeitado e así previr o acoso escolar.

Despois das xornadas de formación, coñecéronse esta semana para comezar a súa andaina xuntos.

OUFF ESCOLA PREMIA UNHA CURTAMETRAXE DO IES BREAMO

A produción audiovisual do IES Breamo, Na biblioteca hai moita vida, faise co premio ao mellor guión no Certame Internacional de Cinema OUFF Escola ao que presentaron traballos de máis de 2.000 escolares de toda Galicia. 

Poida que moitos de vós pensedes na biblioteca como un lugar aburrido repleto de obxectos inertes moi ben colocadiños nos seus andeis... Eu tamén pensaba así ata que un día quedei durmida e esquecida nun curruncho da biblioteca.

Esta ficción fantasmagórica baseada en feitos librescos pódese visualizar no canal de YouTube do IES Breamo

Esta mesma obra recibiu a finais do pasado mes de maio o premio especial OLLOBOI

Parabéns para o equipo Equipo da Biblioteca e ao Club de Lectura.

Felicidades tamén para Bizarre Memories (que se presentou tamén ao certame), unha pequena curtametraxe creada por alumnado de 4° ESO do IES Breamo, nas clases de música e inglés no curso 22-23. Emociónate, reflexiona sobre a perda, a ansiedade e o bloqueo provocado por unha situación límite e o gran valor da amizade. 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer