Skip to Content

EDLG

CANTOS DE NADAL E REIS CO APALPADOR

“Estamos nas portas

Ai! para cantar (e)

Se nos dan licenza

Imos comezar (e) ... “

Así comezamos a cantar á entrada do Concello e de diferentes locais de San Sadurniño o luns 18 de decembro. A actividade foi organizada polo Equipo de dinamización da lingua galega do CPI xunto co Concello de San Sadurniño.

Grazas ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO, que tocou, cantou e bailou, a vila reviviu a tradición xa esquecida de cantar na nosa lingua os cantos de nadal e reis, con pezas como o canto de reis de Neda ou a cantiga do apalpador.

Conseguindo proxectar as actividades do centro cara a contorna próxima interaccionamos coa veciñanza, establecementos..., poñendo en valor a lingua galega e a nosa tradición de canto, música e baile.

Ligazón á nova recollida na web do Concello:

https://sansadurnino.gal/o-apalpador-xa-estivo-hoxe-por-san-sadurnino-pero-volvera-o-venres/

Agradecemos ao Café del Palacio e Atrium a súa acollida, a Dzine o seu delicioso chocolate e ao Concello a súa axuda e agasallos.

Xuntamos imaxes e ligazóns para poder ver pequenos fragmentos en vídeo da actividade.

 

 

https://drive.google.com/file/d/1voQtiR7nPP-AFZM1fJe-HmzXVFOwybeZ/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/1mJ3ULfemezS3h-frAen2w2QN5HYcjvnz/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/1BGsPXDpbmj06XCGBpYJcPQdVDtLSL324/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/1j06K3133gOGBmKCu91gSvh4BmzYQVMc2/view?usp=sharing

Feliz 2024

Desexamos a toda a comunidade educativa unhas boas festas e próspero

ano novo.

 

*Xuntamos imaxes cunha escolma do concurso de postais de Nadal 2023 organizado polo Equipo de dinamización da Lingua Galega así como algúns momentos da entrega de premios:

 

 

Por un 2024 no que seguiremos avanzando cara a dinamización do galegona escola.

 

Que a nosa lingua medre con saúde!

 

 

 

 

SAMAÍN: CONTO DE CARABUÑAS, OBRADOIRO DE CABAZAS E EXPOSICIÓN

 

O martes 31 de outubro, dende o Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG), coordinamos unha lectura dramatizada por parte de alumnado de 2º ESO e membros do EDLG do conto Carabuñas para alumnado de Primaria/Infantil.

Realizamos tamén un obradoiro de tallado de "caliveras de melón" e repasamos outros nomes que reciben por toda Galicia: caveiras de colondros, calabazotes, calacús, caiotas, abóboras...

 

Ademais, fixemos unha exposición das cabazas polo centro tentando reforzar e potenciar os recursos e accións propios da nosa tradición relacionada co día de defuntos.

 

Xuntamos imaxes das actividades

 

 

 

 

 

4º ESO VISITA AS MARUXAS DE NATA... en galego!

Mércores 14 de xuño de 2023, granxa das Maruxas de nata en Santa Mariña do Monte. A fariña, a nata e o azucre mestúranse na amasadora ante os atentos ollos do noso alumnado, ataviado co atuendo preciso para seguir a normativa sanitaria. Desexoso de probar o saboroso produto a rapazada aplicouse ao coller a masa e ir dando forma ás maruxas, seguindo as indicacións das amables traballadoras que fomentaron a creatividade propoñendo novas formas e figuras coas galletas. O profesorado acompañante non dubidou en unirse á faena.  


Despois dunha pequena espera amenizada polas explicacións das guías da visita e polas curiosas preguntas dos da ESO... houbo que sacar as bandexas do forno e agardar ao secado e a que baixase a temperatura.  


Xa quedaba só encher as bolsas e saquiños de galletas... pero ninguén dos presentes puido aguantar sen probar o manxar das maruxas, nin de  recuncar... e recuncar...

Tamén houbo tempo para a conversa e o decidido e veterano alumnado do noso centro aceptou o reto lanzado polo equipo de dinamización (EDLG) conseguindo facer protagonista á nosa lingua e contaxiando ás guías da visita. Novos premios albíscanse de cara á fin de curso para estes afoutos gardiáns e gardiás da nosa lingua.

O noso agradecemento a todo o equipo das Maruxas de nata pola súa atención e xenerosidade, e tamén ao Concello de San Sadurniño por obsequiar a 4º ESO con esta visita como premio ao seu bo facer durante a participación en "San Sadurniño en flor".

BAILANDO E RECITANDO ARREDOR DO MAIO E DAS LETRAS

As materias de Educación Física, Oratoria e Lingua Galega sumaron esforzos para unha xornada na que o noso baile e a nosa lingua camiñaron da man.

A ritmo de muiñeira profesorado e alumnado da ESO danzaron e recitaron coplas de creación propia, de autores galegos/as e ata lembraron a Fernández del Riego.

Agradecemento especial a “Airiños da freba” por compartir a súa música.

  

O EDLG xunto co Equipo da biblioteca do CPI capitanearon a iniciativa tras incentivar a preparación do baile en EF e o traballo en Oratoria e Lingua galega de preparación dos textos para ler e coplas a recitar.

Tamén contamos coa actuación do grupo de música tradicional formado  

por alumnado do centro: “Ferreñas club”.

Neste vídeo podedes ver como foi o baile

 

REFORZOS PARA O EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA

Xa temos reforzos para o EDLG!

Grazas á colaboración da Sociedade antropolóxica galega (SAGA) a  

través de Rafael Quintía conseguimos as imaxes destes heroes e  

heroínas galegas que nos axudarán a reforzar o uso da lingua no centro.

Coas frases creadas polo noso alumnado animarán a falar .. en galego!

I CONCURSO DÍA DA ILUSTRACIÓN EN GALICIA

O equipo de dinamización de lingua galega publica a 1ª edición do concurso de ilustración en Galicia. Podedes atopar as bases do mesmo no arquivo que se xunta

Concurso de relatos 25 de novembro

O Concello e mailo CPI de San Sadurniño volven promover o Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que a rapazada reflexione sobre a igualdade a través da escritura. Este ano presentáronse un total de 16 obras que xa están expostas na Casa da Cultura. Son unha mostra de creatividade literaria con mensaxe, pero tamén o triste recordatorio de que a violencia contra as mulleres e a desigualdade dos xéneros son dous dos grandes problemas aos que a sociedade lles debe dar solución. As Nacións Unidas estiman que alomenos un 70 por cento da poboación feminina mundial sufriu ou sufrirá algún tipo de agresión ao longo da súa vida.

A exposición das obras escritas polos cativos e cativas de 3º e 4º da ESO permanecerá aberta ata o 31 de novembro no recibidor da Casa da Cultura. Na organización do concurso implicáronse o departamento municipal de Igualdade e Equipo de Dinamización da Lingua do CPI. Os premios entregaranse o próximo luns 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da violencia contra a muller, a partir das 16.30h. como colofón aos actos dunha xornada que arrancará xa pola mañá.

O alumnado de segundo da ESO participará entre as 9.30 e as 10.20h. na plantación simbólica de flores cos nomes das mulleres falecidas no que vai de ano vítimas da violencia de xénero. Un xesto que repetirán as rapazas e rapaces de primeiro curso entre as 10.20 e as 11. Trátase dunha homenaxe que se desenvolverá nos parterres da Casa do Concello e na que participan Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales - A Casa da planta.

Xa pola tarde, a iso das 15.20h. a compañía teatral Lisístrata traerá á Casa da Cultura as súas Verbas contra a violencia feminina, na que se xuntan poesía, teatro e prosa para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. É un espectáculo en forma de recital e audiovisual que, segundo Lisístrata, "pretende remover o máis íntimo as conciencias".

Ao remate da obra darase a coñecer o fallo do xurado do concurso de relatos e entregaranse os premios: unha tablet para o primeiro, o libro Faneca Brava para o segundo e a obra Penúltimas tendencias para o terceiro.

Xosé María Díaz Castro. A beleza que fere.

Material didáctico para ed.secundaria . Día das letras galegas 2014.

O día das letras galegas 2014. Xosé María Díaz Castro

Recomendamos as seguintes páxinas web para utilizar nas aulas como ferramenta de traballo cara o día das letras galegas do 2014 adicado a Xosé María Díaz Castro.

 

 A lus do mundo. feito polos alumnos do instituto de Guitirriz Diaz Castro

www.youtube.com/watch?v=ij_so2elqsw

Video do autor homenaxeado Xosé María Díaz castro

http://www.diadasletrasgalegas.com/homenaxeado/xose-maria-diaz-castro_2014

Poema Penelope cantado polo grupo A Quenlla

www.youtube.com/watch?v=KybhJzTCEsE

Distribuir contido


by Dr. Radut