Ola a todos e todas!
O 3 de decembro, conmemoramos o Día da Discapacidade cunha actividade especial na nosa biblioteca escolar. Este ano, decidimos levar a cabo a iniciativa "Aporta e non apartes" co obxectivo de destacar a importancia da inclusión e a diversidade na nosa comunidade educativa.
Os voluntarios e voluntarias da nosa biblioteca traballaron con moita ilusión para crear un puzzle xigante no que incorporamos a todos os alumnos e alumnas do noso centro. Cada peza deste puzzle non só representaba a imaxe de cada neno e nena, senón tamén a súa individualidade e a contribución única que cada un aporta a nosa escola.
Esta actividade non só foi unha representación visual da nosa diversidade, senón tamén unha maneira de lembrarnos que cada persoa é esencial coas súas distintas habilidades e peculiaridades.
Agradecemos o compromiso e entusiasmo dos voluntarios e voluntarias da biblioteca por facer realidade este puzzle tan especial. Foi unha experiencia conmovedora e significativa para todos nós.
Seguiremos traballando arreo na biblioteca para promover un ambiente inclusivo e diverso.
Grazas a todos e todas pola vosa colaboración e participación nesta marabillosa actividade.
Ata a próxima,
Hoxe, 2 de maio, é o Día Contra o Acoso Escolar.
Dende a biblio do Caselles, recomendamos diferentes lecturas para a prevención e sensibilización sobre o acoso, porque entre todos podemos combatelo. #DiNonAoAcosoEscolar!
O pasado 23 de abril (sábado) conmemorouse o día do libro. No cole celebrámolo o día anterior, enmarcado no noso proxecto de centro: “O Camiño de Santiago”.
Para iso, fixemos un troco de libros percorrendo as diferentes etapas do Camiño Portugués dende o noso pobo (que, por mor da choiva, tivemos que trasladar ao interior do edificio).
Facendo clic AQUÍ podedes ver o vídeo publicado en Instagram sobre esta actividade.
Grazas, alumnado e familias, pola vosa participación!
A semana pasada celebramos “A semana da prensa”. Por este motivo, na entrada da nosa biblioteca instalouse o “Quiosco Caselles” con prensa diversa a disposición do alumnado, tanto para o seu gozo no tempo de lecer como para o seu traballo na aula; xunto co profesorado.
Para conmemorar este 8 de marzo, Día da Muller, o alumnado do centro creou un “Photocall” con plumas que previamente decoraron escribindo o nome da muller máis importante da súa vida.
Ao longo do día o alumnado fotografouse no seu "photocall" do día da muller. Podedes ver as fotos facendo clic AQUÍ.
No Instagram do Caselles tedes un vídeo sobre recomendacións lectoras para este día. Podedes velo AQUÍ.
Hoxe, polo aniversario do seu nacemento, celebramos o día de Rosalía de Castro. Por este motivo, creamos entre todos “O xardín de Rosalía”, un recuncho para homenaxeala cheo de pensamentos (a súa flor preferida). O noso alumnado transplantou e coidou durante toda a semana as plantas, decorando os seus tarros, e escribindo neles os seus mellores pensamentos.
Esta mañá, clase por clase, colocaron as flores no xardín de Rosalía e leron os fermosos pensamentos que escribiron. Alí estaba Rosalía, coa que os nenos charlaron e á que puideron facer preguntas.
Grazas por facelo tan fermoso!
Podedes ver todas as fotos pinchando AQUÍ.
“Eu son libre. Nada pode parar os meus pensamentos, eles son os que dirixen o meu destino”. Rosalía de Castro
#SementandoPensamentos
Con motivo da semana da ilustración, o alumnado do Caselles elaborou as súas creacións; as cales xa están expostas no mercado do concello. Ademais de gozar das súas marabillosas ilustracións, poderás votar pola túa favorita escaneando o código QR que alí atoparás.
Horario da exposición:
De martes a venres de 09:00h. a 15:00h. e de 17:00h. a 23:00h.
Sábados, domingos e festas 10:00h. a 15:00h. e de 18:30h. a 23:00h.
Con motivo do Día Escolar da Non Violencia e a Paz (o pasado 30 de xaneiro) o alumnado de 4ºB elaborou este bonito mural que agora decora a entrada da nosa biblioteca. Xunto a el, podedes atopar lecturas recomendadas sobre esta temática.
Dende a Biblioteca do Caselles, defendemos a paz e o entendemento entre persoas de distinta procedencia e formas de pensar.
Con motivo da semana da ilustración, dende a biblioteca do Caselles convocamos o segundo concurso deste ano escolar. Desta vez, retámosvos a escoller un libro da biblioteca e deseñar unha ilustración sobre el.
Ampliamos o prazo ao día 11 de febreiro para presentar as vosas creacións, as cales serán posteriormente expostas no mercado de Tomiño.
Saca o teu lado mais creativo e… anímate a participar!
O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo día de nacemento de Castelao. Ademais de recordar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. Neste 2022 é Reimundo Patiño (A Coruña 1936-1985).
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer