Chegou o día das Letras Galegas, este ano adicado a Luísa Villalta que foi unha profesora, escritora e violinista de moita importancia na defensa da lingua galega. Neste día entre caricaturas, cancións, poemas e a primeira entrega do podcast "larapetadas" a rapazada de Xeve conseguiu facer unha gran homenaxe.
A rapazada do cole de Xeve fixemos un roteiro polo casco antigo de Pontevedra e coñecemos un pouco máis de onde veñen os nomes das prazas e como vivían antes na nosa vila. Antes de volver ó cole merendamos e xogamos un pouquiño no parque.
Xa rematado o primeiro trimestre, queremos desexarvos un BO NADAL e un PRÓSPERO 2024! E, que mellor forma, que facelo coa postal gañadora no reto mensual de Larapeto. Noraboa Roque!
Este ano celebramos de novo a Semana do Libro tal e como se merece.
Fixemos unha chea de actividades partindo do equipo de biblioteca, para animar á lectura e dar á literatura infantil e xuvenil a importancia que se merece.
Foi unha semana fantástica coa implicación de todo o alumnado e profesorado, onde non faltaron contacontos (a cargo de Tarabelos e Polo Correo do Vento), o tradicional mercadillo de libros usados, xogos de pregunta, a visita da autora Anair Rodríguez, deseño de colgadores, creación dun novo final para os contos tradicionais, e como non, a marabillosa actividade do "Apadrinamento Lector".
Podedes ver unha mostra de todo o que fixemos no seguinte vídeo:
Como todos os anos no último curso de primaria, realizamos a actividade para aprender a identificar cogumelos explorando o monte comunal de Santa María de Xeve acompañados por Miguel Lameiro, da asociación Brincabois.
Primeiro Miguel realizou unha charla sobre o mundo dos cogomelos para coñecer un pouco máis que son, como se reproducen, cal é a súa función, como debemos recollelos e sobre todo cales son as máis abundantes na nosa contorna e distinguir cales son tóxicas e cales non. Xa coas ideas claras, saímos aos montes da nosa contorna na procura destes fungos. A pesar do día (xa é unha tradición que chova nesta saída) tivemos unha gran colleita de cogomelos de todo tipo. Enchemos as cestas que levamos con nós!
Grazas á asociación Brincabois, logo puidemos realizar unha fantástica exposición no cole.
Os nenos e nenas de todo cole fixemos unha historia terrorífica para festexar o día de Samaín. Cada un dos cursos elaborou unha parte da historia. Aquí vos deixamos o resultado final.
Anxo Moure visitou onte o noso colexio para falarnos da importancia de coidar os nosos bosques. Aprendimos moito sobre a nosa contorna e pasámolo moi ben.