Entrada na Galipedia

O noso centro xa aparece na Galipedia! Grazas ao alumnado de 6º de Primaria, grupo B, temos unha entrada co nome do CEIP López Ferreiro. Convidámosvos a acceder premendo na imaxe:

Os poemas de Delgado Gurriarán nas nosas aulas

Ao longo destes días, no blog do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, poderedes ir vendo e  escoitando  gravacións en audio e vídeo, do traballo que se desenvolveu e se está a desenvolver ao redor dos textos de Delgado Gurriarán, nas aulas.

 

https://edlglopezferreiro.blogspot.com/2022/05/recitados-de-textos-de-florencio.html

THE ATLANTIC DIET, A HEALTHY DIET

O pasado 28 de abril tivo lugar unha actividade programada polo Equipo de Dinamización de Seccións Bilingües (dentro da , para o alumnado de 1º e 2º de E.P. Desfrutaron dun taller para promover unha forma de vida máis saudable. A poñente, Ana B. Crujeiras preparou ademais unha presentación bilingüe como parte do taller.

Ana, é unha das científicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) (localizado no Hospital Clínico Universitario de Santiago CHUS). Introduciunos non só en aspectos de hábitos máis sans, senón tamén no concepto de dieta atlántica.

Se premedes na imaxe accederedes á páxina da Fundación DIETATLÁNTICA, onde atoparedes información sobre alimentos por tempada, eventos, información e tamén receitas.

 

 

  

Os nosos e as nosas peques desfrutaron moito da charla, estiveron moi participativos preguntando e compartindo con Ana un montón de inquedanzas e valoracións.

 

 Algúns momentos do obradoiro e material que se utilizará para a devandita actividade na aula.

 

    

AS AULAS DO LÓPEZ FERREIRO TERÁN NOME DE MULLER.

Para visibilizar o labor das mulleres galegas no mundo da ciencia, do deporte, da literatura, da historia, da cultura…, ou mesmo mulleres anónimas de calquera ámbito, o Equipo de dinamización da lingua galega e mais o de biblioteca comezaron a nomear algunhas aulas do CEIP López Ferreiro.

Helena Villar Janeiro e Encarna Otero xa viñeron inaugurar as súas. Helena, recoñecida escritora en lingua galega que tamén foi profesora deste centro, prestou o seu nome á biblioteca; e Encarna, inaugurou a súa aula de educación infantil,  para que desde as idades máis temperás  o alumnado sinta curiosidade pola historia e as tradicións máis esquecidas da nosa cidade.

Unha iniciativa que continuará…

O HORTO ESCOLAR XA ESTÁ PRODUCINDO

Este curso constituíuse no centro o Equipo de Medio Ambiente. Un dos seus obxectivos era a creación dun horto escolar, co que o alumnado xa está empezando a experimentar.

Desenvolvemos así unha maneira de aprender a  defender a vida natural, e a valorar o traballo da xente que traballa no campo. As nenas e os nenos de educación infantil e dos cursos iniciais de primaria, están conseguindo un marabilloso xardín.

Unha visita de dimensións astronómicas :) - Learning About Astronomy

 

 

O pasado 7 de abril tivemos o inmenso pracer de recibir a José Ángel Docobo Durántez (Catedrático de Universidad. Área de Astronomía y Astrofísica na USC, impulsor do Observatorio Astronómico Ramón María Aller e de moitos outros logros ao longo dunha dilatada e meritoria traxectoria laboral ) e Pedro Pablo Campo Díaz (doutor en Astronomía na USC e ligado tamén a numerosos proxectos xunto co profesor Docobo e outros compañeiros/as).

Esta actividade está entre as que deseñamos para o programa EduExchanges, de Seccións Bilingües, para compartir co alumnado do colexio co que establecemos o intercambio. A actividade en cuestión está relacionada co proxecto documental do centro, enfocado este curso na ciencia e coa conexión entre o Camiño de Santiago e a Vía Láctea. Estivo dirixida ao alumnado de 4º e 5º de EP, que a desfrutoi moito.

Aquí vos queda unha presentación para achegarvos a experiencia dalgún xeito.

 

Equipo de Dinamización de Seccións Bilingües do CEIP López Ferreiro

 

HAPPY WOMEN'S DAY 2022

A NOSA BIBLIOTECA PARTICIPA NO PROGRAMA LECTURA E FAMILIAS

A biblioteca do CEIP López Ferreiro, foi seleccionada pola Dirección Xeral de Centros da Consellería de Educación, para participar no programa Lectura e familias.

Deste xeito, poderemos sistematizar actividades que se viñan desenvolvendo no centro, e sobre todo, crear un espazo colectivo e dinámico de recursos e servizos,  de promoción de actitudes reflexivas e críticas, de articulación de materiais e de procesos pedagóxicos, para ofrecer un espazo de formación e información.

 Comezaremos esta proposta integradora mediante teatro musical con Paco Nogueiras o mércores 16 de febreiro ás cinco da tarde. A partires do seu espectáculo Extra, baseado no libro-CD do mesmo título editado por Kalandraka, achegarémonos ao mundo da prensa escrita  por medio da música. A continuación realizaremos un coloquio sobre como introducir o mundo xornalístico entre as propostas lectoras (e escritoras) das nosas nenas e dos nosos nenos.

 Ademais, xa podemos confirmar que o 9 de marzo, o noso club de lectura vaise trasladar á Casa Grande do Pozo en Compostela (Sede Afundación na Rúa do Vilar) para coñecer a exposición INDÓMITAS e  onde tamén realizaremos un obradoiro de escritura creativa.

 E para o mes de marzo...Ás familias e ao profesorado vailles tocar practicar a lectura en voz alta con Charo Pita!

 De todas estas propostas, e da maneira de inscribirse, enviarase información por correo electrónico. Seguro que resultan de interese para a nosa comunidade educativa. Só é necesario participar!!!

 

 

 

 

 

NO CEIP LÓPEZ FERREIRO TAMÉN HAI ESCOLA PARA NAIS E PAIS

Este curso comezamos a desenvolver diferentes actividades dirixidas ás familias que poden resultar de interese no camiño da formación do alumnado que acode ao noso centro educativo.

Así, o 14 de decembro, visitounos Juan Carlos Permuy, quen en colaboración coa ANPA, co CAFI, e co propio centro educativo, ofreceunos unha charla baixo o título: A tecnoloxía, uso sano e consciente.

Durante cerca de dúa horas, este psicólogo e educador social, experto en trastornos aditivos, ofreceunos unha visión moi realista (el denominouna “contracultural”) de como afecta o uso da tecnoloxía na conformación cerebral das nenas e nenos e proporcionou diferentes estratexias para evitar que a tecnoloxía se poida converter nun problema aditivo.

Un magnífico inicio dun ciclo de ENAPAS que continuarán en trimestres posteriores, e que, ademais, se verán reforzados coas actividades de Lectura e familias e do Club de lectura, programas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que nos foron concedidos este curso.

XESTIÓN DE RESIDUOS

A rapazada de 2º e 6º participou nunha acividade de xestión de residuos, na cal primeiro tiveron unha explicación teórica do funcionamento da xestión de residuos e unha segunda parte na cal levaron a cabo unha parte práctica a través de xogos nos que as alumnas e alumnos tiñan que clasificar os residuos nos diferentes colectores

O final da actividade, o alumnado recibiu como agasallo un lápiz con sementes para poder plantar e colaborar coa mellora do medio ambiente. Cada clase recibiu tamen por parte de ENERGAL, un bulbo de tulipán para poder plantar e ver a súa evolución.

Foi moi divertido!!!

 

Distribuir contido