A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar as axudas para a adquisición de libros de texto para o vindeiro curso 2014/2015.
As principais novidades desta convocatoria son:
1. A finalidade das axudas é a adquisición exclusivamente de libros de texto (non se pode adquirir con cargo ao vale material didáctico nin complementario).
Non obstante, o alumnado matriculado en educación especial, así como aquel que teña recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 65% poderá adquirir os libros, material didáctico e complementario que o centro docente determine en cada caso.
2. O alumnado ten a obriga de conservar en bo estado os libros de texto adquiridos na súa integridade con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos, ao rematar o curso escolar 2014/2015 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros),
Exclúese desta obriga ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria, así como o de educación especial e aquel cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, nos casos en que o material adquirido con cargo á axuda non poida ser reutilizado.
Os requisitos para ser beneficiarios destas axudas son:
1. Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso escolar 2014/2015, e non repetir curso neste ano académico. Non obstante, o alumnado que repita 1º ou 2º de educación primaria poderá solicitar a axuda, xa que neste ciclo emprégase material que non pode ser reutilizado.
2. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Para o alumnado de educación primaria e educación secundaria obrigatoria ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 9.000 euros. Para a determinación da renda per cápita familiar terase en conta o disposto no artigo 6 da orde de convocatoria.
4. Non estar matriculado en 5º de educación primaria nalgún dos centros seleccionados para o proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014-2015, convocado mediante Resolución do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (Diario Oficial de Galicia do 30),xa que este alumnado disporá dun entorno virtual de aprendizaxe.
Lugar de presentación.
As solicitudes (anexo I) deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro no que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos polas Administracións públicas.
En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para acreditar a data de presentación da solicitude.
Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.
As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Por cada alumno ou alumna só se concederá unha axuda por curso escolar, con independencia de que puidese estar escolarizado sucesivamente en dous ou máis centros sostidos con fondos públicos no curso escolar 2014/2015.
Prazo de presentación.
O prazo de presentación de instancias será o seguinte:
a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 2 de xuño ao 2 de xullo de 2014, ambos inclusive.
A documentación a achegar en cada caso é a seguinte:
a) Libro de familia no que figuren todos os membros da unidade familiar.
Só no caso de non ter libro de familia, ou se a situación familiar, a día 31 de decembro de 2012, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:
- Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.
- Certificado ou volante de convivencia.
- Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia, que acredite a situación familiar.
b) No caso de discapacidade dalgún dos membros da unidade familiar incluídos na solicitude, ou do alumno igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%, deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia a 31 de decembro de 2012:
- Certificado emitido polo órgano competente do grao de discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%,
- Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou gran invalidez, ou
- Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.
c) No caso de situación de violencia de xénero no contorno familiar: documentación acreditativa.
O alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, só ten que presentar a certificación emitida polo órgano competente do grao de discapacidade, xunto coa solicitude da axuda.
Os menores que se atopen en situación de garda, tutela ou atención de día pola Xunta de Galicia non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin do nivel de renda.
3. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.
4. O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.
A SOLICITUDE (ANEXO I) QUE DEBEREDES CUBRIR E ENTREGAR NO CENTRO PODEDES DESCARGALA E IMPRIMILA CHUZANDO NA SEGUINTE IMAXE.
